Xa se coñecen os gañadores dos Premios Ourense de BD que outorga cada ano a Casa da Xuventude desta cidade en colaboración coa Concellería de Cultura.

E os premios van para...

Ademais dos gañadores dos Premios Ourense, tamén se veñen de facer públicos os vencedores do II Certame de Galego de Imaxe Artística Xuventude 2001, categoría de BD.

Este premio da Consellería de Familia, Muller, Emprego e Xuventude, subsitúe desde o pasado ano o tradicional certame de BD que se organizaba na Semana de Ourense.



E o Ourense é...


O Premio Ourense de Banda Deseñada, outorgado pola Concellería de Cultura e pola Casa da Xuventude de Ourense recaeu na súa XI edición no Consello da Cultura Galega pola sección "Banda Deseñada" de culturagalega.org. Os organizadores tamén tiveron en conta a edición dos cadernos didácticos en banda deseñada "¿De quen é a auga?" e "Vivir no solo".Este premio recoñece cada ano o labor realizado na promoción da novena arte no noso país.
Segundo sinalan os organizadores nun comunicado, o premio outorgóuselle ó Consello da Cultura Galega "pola súa aposta feita en internet a prol do cómic galego, coa sección Banda Deseñada dentro so deu portal culturagalega.org". Segundo sinalan os propios organizadores, o especial Banda Deseñada "é hoxe por hoxe o punto de partida para calquera internauta que vai procurando información sobre cómic en Galicia". Ademais, destacan a edición por parte do Consello da Cultura Galega dos álbumes didácticos "¿De quen é a auga?" e "Vivir no solo" dentro da colección "Ciencia para todos" e que foron realizados polo Estudio Tangaraño sobre un guión de Marilar Aleixandre.



Na categoría de mellor autor do ano, o Premio Ourense recaeu, como vén sendo tradición desde a instauración do Certame Galego de Imaxe Artística, no gañador da categoría de banda deseñada deste concurso.
Así o Premio Ourense deste ano foi para o debuxante coruñés Marcos Calo, que resultou triunfador na categoría A do certame, destinada a autores de entre 23 e 30 anos.



E o Certame Galego de Imaxe Artística 2001 modalidade Banda Deseñada é para...


Ó igual que o Ourense ó mellor debuxante do ano, o premio do certame organizado pola Xunta vai para Marcos Calo, que coa súa historia "Algún día" fíxose coas 200.000 pesetas do premio.

O premio da categoría B, para autores de entre 18 e 22 anos foi a parar ó tamén coruñés Lois Bernal Prieto, que obtivo 100.000 pesetas polo seu traballo "Desemprego".

De entre os autores máis novos, aqueles de entre 14 e 18 anos, resultou gañador David Roi Corral, que con "Abismo" obtivo como premio a estancia nun campamento doutra comunidade autónoma.



Ademais dos primeiros premios, houbo outros gañadores. Así, na primeira categoría Xosé Manuel Calo acadou un segundo premio de 150.000 pesetas, Alberto Rodríguez un terceiro de 100.000 e David Rubín un cuarto de 75.000.

Pola súa banda, na categoría B obtiveron o segundo, terceiro e cuarto posto Diego Blanco, Alberto Vázquez e Alejandro Viñuela "Jano" respectivamente.
Entre os máis novos tamén resultou agraciada a coruñesa María Rial.



Verémolo na Semana de Ourense


As obras premiadas poderán verse na Casa da Xuventude de Ourense a partir do vindeiro día cinco de outubro, coincidindo coas Semana de Banda Deseñada de Ourense.

No acto inaugural deste evento entregaranse tamén os premios Ourense e os do Certame Xuventude 2001.



Desde Banda Deseñada queremos dar os nosos parabéns a todos os premiados e agardamos ter pronto por acó a todos os que faltan nas nosas seccións de galerías e de autores.