O Manuel María pequeno

As propostas orientadas ao público infantil sobrancean nas celebracións das Letras deste ano

As propostas orientadas ao público infantil sobrancean nas celebracións das Letras deste ano
Manuel María cos nenos no colexio de Alxén, en Salvaterra de Miño. Fundación Manuel María
As producións orientadas para os máis cativos están a marcar en grande medida as publicacións e homenaxes que se lle están a facer este ano o homenaxeado no Día das Letras Galegas. O que ata o de agora era coñecido fundamentalmente como poeta, está a ser reivindicado de xeito particular como creador de obras para crianzas. Libros, música e particularmente espectáculos marcan as propostas de homenaxe.

Se ben xa era recoñecida a importancia de Manuel María como un dos pioneiros da poesía e do teatro para os máis novos nas nosas letras, neste ano os espectáculos e propostas musicais para público familiar están a aparecer como as máis abondosas na oferta cultural relacionada coa súa figura. A nivel teatral, están en marcha ou a piques de se presentar as propostas de Lucecús Teatro, con A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna; Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo, con dúas versións a cargo de Dinamo Teatro e de Trinke Trinke; Os soños na gaiola, de novo por Trinke Trinke e con outra adaptación por Títeres Alakrán; Fantoches Baj con O asombro con Manuel María e a vertente escénica do espectáculo musical Canda o cuco; Títeres Viravolta e Títeres Cascanueces con cadanseu Barriga Verde e Fran Rei cun contacontos que mestura esta obra, a Berenguela e, de novo Os soños na Gaiola . Se botamos a conta dos espectáculos escénicos que levan a Manuel María ás táboas, obsérvase como a inmensa maioría están dirixidas especificamente a cativos. De todas as propostas "é Edipo, de Espello Cóncavo a que máis escapa ao público infantil, e eu penso que Barriga Verde en grande medida tamén, pero depende como a collan as compañías", explica Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.

Libros e músicas
Tamén para este público están pensados libros recentes como a biografía e antoloxía poética Manuel María, vida, versos e rebelión, mentres o público xuvenil conta con Manuel María. Buscando un país de Manuel Veiga. A nivel sonoro atopamos un predominio de produtos orientados aos máis novos entre os lanzamentos. Así, a Berenguela de Galaxia, a reedición de Os soños na gaiola de Suso Vaamonde, as propostas de Pirilampo, e mais Uxía e Magín, A voz do vento de Fran Amil ou o espectáculo O bigote de Mimí de Luís Vallecillo apostan polos sons para o público máis cativo.

O contexto
Cabe pensar que a actual aposta de moitas destas actividades polo público máis novo está relacionada coa explosión de propostas neste mercado dos últimos anos. Dalgún xeito, o desenvolvemento dun mercado de libros-CD, espectáculos e sons para os máis novos contribúe para que este ano músicos e profesionais da escena aposten tamén por potenciar esta visibilidade Manuel María como autor para este público. De feito, obsérvase como mesmo as obras poéticas para cativos do autor se presentan nesta ocasión integradas en espectáculos teatrais e musicais e non como obras puramente literarias. Encol do peso que este público está a ter nas producións deste ano encol do poeta, Ansede sinala que "supón algo moi positivo que é reinstalar a Manuel María nas novas xeracións, e isto é un elemento de futuro fundamental. Por outra banda, tamén fai pensar se non será un síntoma da debilidade do sistema literario, ou do aprezo pola literatura do país, no sentido en que se pode dar a entender que isto é materia de estudo orientada ao ensino". Mercedes Queixas, investigadora e autora da biografía que acaba de publicar Galaxia sobre o autor, apunta que "está a se recoñecer o traballo de Manuel María como autor pioneiro no campo da literatura infantil e xuvenil. Como no conxunto da súa obra, paréceme que neste ámbito tamén é un autor moi popular e moi coñecido".

Soños pioneiros
A repasar o papel do autor como autor de literatura infantil e xuvenil, Alberte Ansede sinala que "a xulgar pola súa difusión sen dúbida a obra máis importante que ten neste campo é Os soños na gaiola". Publicada en 1968 como unha proposta pioneira de poesía para crianzas, o poemario nace porque o autor "era consciente das necesidades de que a literatura galega atendese os diversos públicos, e de que non había nada para o infantil. Manuel María recoñecía que escribía os versos para cativos que el mesmo non tivera". Queixas, pola súa banda, sinala que "no momento en que publica Os soños na gaiola o galego non é unha lingua de prestixio nin está incorporada ao ensino, atópase negada para o ámbito oficial. E nese momento el publica este libro, que é unha mostra do xeito no que entendía a vida, coa ética e a estética a camiñar da man. Entendeu que non había dereito a que os nenos e nenas do momento continuasen a estrañar o mesmo que estrañara el de cativo, que era ler poesía en galego. E púxose mans a obra e creouna".

A permanencia dos soños
Encol da vixencia deste texto, que axiña cumprirá o medio século de vida, Ansede sinala que "é impresionante que un libro feito naquel momento e destinado fundamentalmente para nenos que vivían no rural continúe a ter o interese e a difusión que ten na actualidade, con todas as mudanzas que houbo na sociedade". Ao seu ver "isto responde a unha cuestión obxectiva, que os poemas teñen tal musicalidade e están feitos con tal inocencia que conectan moi ben, aínda hoxe, co mundo infantil. Se toda a literatura supón a busca dun punto de eternidade, penso que Os soños na gaiola acadaron un pouco esta eternidade". E é que, para alén da conexión cos máis cativos, este especialista recoñece que estamos ante unha obra complexa "hai poemas moi bonitos, musicais e diriamos que inocentes, pero teñen capas abondas para suxerir moitas cousas a persoas de idades moi distintas, e penso que aí reside o seu mérito". A coincidir con Ansede, Queixas apunta que "o libro continuouse reeditando continuamente, e seguramente é responsable, despois de Terra Chá de facer de Manuel María o poeta máis popular, máis coñecido e máis cantado".


A pegada do vento ceibe
Canda a este título, outra obra fundamental na produción do autor para os máis cativos é As rúas do vento ceibe. "Está orientado a un público máis urbano, algo que el tamén entendía como necesario". Malia ao seu éxito, a obra tivo unha difusión menor. "ao se publicar unha vez desaparecido o réxime franquista, Manuel María escribiu con máis liberdade e introduciu partes expresamente políticas e cunha finalidade didáctica. Hai poemas pensados para que os profesores lles puidesen transmitir aos alumnos coñecementos sobre os nosos símbolos ou pasaxes concretas da historia de Galicia. Isto non mingua en absoluto a calidade, pero os profesores que non comparten esa liña de pensamento non o utilizan nas aulas, e iso restrinxiu un pouco a súa difusión, que así e todo segue a ser moi importante", conclúe. Aínda que desde os traballos do autor (cando menos ata a actual explosión de cancións compostas para os máis cativos) a poesía para este público foi minoritaria, Queixas apunta a importante pegada que estes textos deixaron nas nosas letras. "Moitos autores actuais de poesía recoñecen que o seu interese polo xénero ten a súa orixe nestes traballos, e isto é algo curioso", explica.

Máis obras
Para alén da poesía, Mercedes Queixas lembra a pegada das obras narrativas e escénicas de Manuel María orientadas a este público. "O teatro para público infantil e xuvenil é importante na súa produción. Unha grande parte das obras eran encargas de grupos amadores que lle pedían obras para representar". Canda a isto, "ten tamén libros de relatos para cativos como a triloxía de Manuel de Paderna". A autora sinala o xeito no que os diferentes traballos do chairego para estes públicos se complementan e compoñen todo un repertorio para diferentes idades e obxectivos. "A poesía permite achegarse aos nenos nas primeiras etapas con esas formas métricas moi básicas para memorizar e cantar. O teatro resulta unha fórmula fantástica para a adquisición da linguaxe, traballar a comprensión, a dramatización e a seguridade nun mesmo. Penso que abranguía todo para configurar un mosaico do que o público puidese ir escollendo segundo a necesidade que houbese en cada momento".