Manuel María: Celebrar o autor total

A cultura do país enfróntase ao desafío de homenaxear un creador recoñecido e estudado

A cultura do país enfróntase ao desafío de homenaxear un creador recoñecido e estudado
Manuel María no regato do cepelo. Fonte: Fundación Manuel María
Un creador coñecido e aínda vivo na sociedade, con máis dun cento de obras e que tocou practicamente todos os xéneros literarios. Un dos poetas máis musicados das nosas letras, obxecto de continuos recoñecementos. Homenaxear a Manuel María polo Día das Letras Galegas supón todo un desafío para a sociedade galega. A súa figura está a dar pé a toda unha variedade de homenaxes por todo o país entre os que cobra especial peso o aspecto escénico e musical.

Nun escritor cun cento de obras de diferentes xéneros e orientadas a diversos públicos, non é de estrañar que atopemos opcións do máis variado á hora de realizar homenaxes. "É un autor moi diverso, cunha obra moi ampla e que pasou por diferentes etapas creativas. Isto fai que sexa sinxelo atopar obras de interese para públicos moi distintos", sinala Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María. No entanto, este especialista na figura do poeta recoñece que as conmemoracións non están a se dar de xeito homoxéneo desde os diferentes sectores. "En xeral está a haber moitísima actividade, aínda que non igual en todos o ámbitos, o cal tamén é lóxico. No campo do ensino o traballo está a ser espectacular. Desde as asociacións e a sociedade civil vemos un labor moi importante. A falarmos de publicacións, considero un nivel aceptable, mentres que a nivel institucional vexo unha orientación continuísta, que segue o ton de anteriores celebracións", resume. E efectivamente, unha grande parte das propostas que están a ver a luz xorden de compañías, editoras ou artistas que traballan a nivel particular. A aceptación que están a acadar as homenaxes ao autor no seo da nosa sociedade poden responder, segundo el a que "dentro do sistema literario galego é alguén moi popular. Xa en vida conseguiu chegar a moita xente, tamén porque traballou moito o contacto directo co público cunha presenza constante por todo o territorio galego e tamén a manter vínculos co exterior".

Clásicos
O acto institucional da Real Academia Galega na Casa Museo do poeta, en Outeiro de Rei. Os libros que publican os xornais con ocasión da efeméride. As bolsas e publicacións das cadeas de supermercados da Gadisa e Eroski arredor da figura homenaxeada. O Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega. A exposición didáctica itinerante que artella a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Roteiros literarios e actividades nos concellos vencellados á vida do autor. Hai xeitos de celebrar o Día das Letras que xa son clásicos na nosa axenda cultural e que se repiten, ano tras ano con pouca variación, sexa quen sexa o homenaxeado. Nese sentido Manuel María non podía ser unha excepción. Alén destas propostas, a mobilización social arredor do poeta está amosar unha importante vitalidade este ano. Iniciativas como o concerto Sons de maio para Manuel María, da Tradescola de Lugo, a homenaxe do colectivo coruñés In Nave Civitas, conferencias, proxeccións presentacións, maratóns literarios, obradoiros infantís ou a lectura colectiva que a propia fundación do autor artellou por todo o país con ocasión do Día da Poesía o pasado 23 de abril amosan o interese que está a espertar a figura do chairego. Por non falar das múltiples exposicións, audiovisuais e todo tipo de actividades que están a saír dos centro de ensino do país. No entanto, se algo caracteriza as celebracións este ano é a grande oferta de produtos culturais que se están a xerar arredor do autor, e que son aproveitados por institucións, colectivos e centros culturais para as súas programacións arredor do Día das Letras. Deste xeito, presentacións literarias, concertos ou representacións escénicas están a ocupar unha grande parte da axenda cultural vencellada á data e mesmo se integran en programas como FalaRedes ou Cultura no Camiño.

A escena
Non cabe dúbida de que o apartado escénico é un dos que está a contar cun maior número de iniciativas nesta celebración. A proliferación de propostas neste campo supera amplamente o número de adaptacións teatrais que se realizaron de Roberto Vidal Bolaño cando se lle dedicou o Día das Letras, o cal resulta sorprendente. Ademais, debemos ter en conta que ningunha da que están en marcha arredor de textos de Manuel María xorde de compañías públicas. Segundo sinala Ansede, "ata certo punto é natural este interese, debemos pensar que escribiu un total de 36 obras de teatro". No entanto recoñece que "de todos os xéneros que percorreu, este é o máis descoñecido da súa obra. Foi e segue a ser moi representado por compañías amadoras e en centros de ensino, pero non houbo moitas compañías profesionais que o levasen a escena". Deste xeito, non cabe dúbida de que este ano estamos a asistir a unha auténtica reivindicación do Manuel María Dramaturgo.

A repasar as propostas que o levan ás táboas, temos a Lucecús Teatro e a súa A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna. Pola súa banda, a obra Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo contará con dúas adaptacións, que se suman ao libro-CD que editou Galaxia desta obra. Dinamo Teatro e Trinke Trinke, que tamén representará Os soños na gaiola, serán os responsables de levar a escena cadansúa versión do proxecto. En paralelo, Espello Cónvaco ultima a súa versión de Edipo. Canda a estas, destaca de xeito especial o interese que os titiriteiros do país están a amosar polo autor chairego. Títeres Alakrán presentou xa a comezos do ano a súa montaxe de Os soños da gaiola, Inacio Vilariño de Fantoches Baj leva os seus bonecos á montaxe músico-visual de Canta o Cuco, ademais de introducir os versos do poeta chairego no seu espectáculo O asombro. Pola súa banda, tanto Títeres Viravolta como Cascanueces apostaron por adaptar o Barriga Verde que este autor publicou en 1968. En formato contacontos, Fran Rei, de Os Sete Magníficos máis un mestura esta obra coa Berenguela e mais, de novo con Os soños na Gaiola no seu propio espectáculo.



Músicas
A nivel musical, é de destacar a reedición de Os soños na gaiola sen dúbida un dos títulos que máis se repiten nas homenaxes este ano. O disco que gravou Suso Vaamonde en 1978 e que se considera un proxecto pioneiro nos álbums para cativos en galego. Senén, irmán do cantautor, ocupouse do novo lanzamento deste clásico en formado Libro-CD. Neste mesmo campo sonoro, Uxía e Magín Blanco presentaban xa o outono pasado o seu traballo Canta o cuco, que levan ás táboas como un espectáculo musical e mais en formato reducido no concerto Todo me fala de ti, que se incorporou ás actividades do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Uxía, ademais, viu hai pouco unha nova edición do seu álbum Uxía canta a Manuel María, desta volta cunha gravación ao vivo que publica a fundación do autor. Temos tamén lanzamentos sonoros a cargo de Pirilampos (Teatro de guiñol), Nani García a musicar A Berenguela e Fran Amil, que conta con colaboracións do máis granado da música do país en A voz do vento, editada pola Mesa pola Normalización. Sen disco, Luís Vallecillo mestura títeres, teatro e música co seu espectáculo O bigote de Mimí. Fuxan os Ventos tamén se suma ás homenaxes coa edición do single Galicia no que fan unha versión de Suso Vaamonde e que supón un adianto do seu vindeiro traballo. Encol da importante capacidade de arrastre que está a amosar o homenaxeado no campo sonoro, Ansede sinala que "ata certo punto é natural, porque xa era un dos poetas máis musicados das nosas letras, posiblemente o segundo despois de Rosalía de Castro".








Audiovisuais
Logo da importante explosión audiovisual que se produciu no ano en que Díaz Castro foi homenaxeado no Día das Letras Galegas, con diferentes documentais arredor da súa figura e do seu contexto, as versións filmadas de poemas do Proxecto Nimbos e outras orixinais propostas, semella que polo momento a figura do poeta chairego non acadou un grande eco neste ámbito. Destaca a reedición de Eu son fala e terra desta miña terra, documental de Margarita Ledo, e o proxecto en andamento Cantando a Manuel María de Gonzalo Veloso. A estes súmase vindeira edición doutro documental da man da Fundación e aínda dun proxecto en desenvolvemento a partir do libro O Miño. Canle de luz e néboa. Canda a estas, as habituais curtametraxes que promove a Secretaría Xeral de Cultura e mais a TVG ou unha videocreación do colectivo DSK a cargo da Deputación da Coruña son outras propostas que se poden ver nestes días. Non falta tampouco o xa clásico Telexornal que o CPI dos Dices lle dedica cada ano ao homenaxeado no Día das Letras.







Obras
A nivel de publicacións, o feito de falarmos dunha figura amplamente estudada ha dificultar que aparezan este ano grandes descubertas arredor do poeta, algo que pode resultar máis sinxelo cando o Día das Letras recupera nomes pouco coñecidos do noso panorama literario. Así, o homenaxeado xa conta desde 2001 cunha Obra poética completa, que lanzara Espiral Maior e que agora esta firma reeditou. A celebración o pasado 2014 dos dez anos do falecemento do poeta e mais o continuo labor que se desenvolve desde a Casa-Museo de Outeiro de Rei manteñen viva a lembranza e o interese por este autor. De cara a este ano Ansede apunta que "xa sabiamos que era practicamente imposible que o mercado editorial puidese absorber unha reedición de toda a obra de Manuel María. Do cento de obras que ten escrito a inmensa maioría non están nas librarías, esgotadas ou mesmo inéditas, pero somos conscientes de que iso non se pode corrixir nun ano. Nós desde a Casa Museo tentamos, na medida das nosas posibilidades, paliar esta situación e estamos a facer diferentes reedicións. Parécenos unha mala práctica que unha sociedade se afaga a escoitar as opinións sobre un escritor sen poder coñecer directamente a súa obra". Así, desde o pasado ano a entidade foi sacando á luz títulos como A tribo ten catro ríos, A esencia máis nosa, o Cantigueiro de Orcellón, os Sonetos ao Val de Quiroga, As rúas do vento ceibe, ou a selección de prosa xornalística Memoria da Terra entre outras.

Investigación
Para alén destas obras, saíron do prelo dúas biografías, unha de Mercedes Queixas (quen tamén asina o libro que publica La Voz de Galicia sobre o autor) e outra de Xosé Lois García, supoñen as principais achegas na investigación encol do poeta. A estas súmanse mústiples edicións facsimilares: da revista Xistral, da man da Xunta de Galicia, do libro Advento polo Consello da Cultura, ou un volume con varias reproducións que realiza a USC e que exemplifican o interese por recuperar textos orixinais do autor. Do mesmo xeito, o Portal Galego da Língua amosa o mecanoscrito de A luz ressuscitada e o Portal das Palabras o orixinal de A Berenguela. Canda a estas, escolmas como os Poemas escollidos publicados pola Fundación Casa Museo de Manuel María a seleccionar mostras de todos os poemarios do autor ou a Antoloxía poética de Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro son os principais lanzamentos que viron a luz ata o de agora neste ámbito. A un nivel máis didáctico e orientado ás novas xeracións, Xerais lanzou Manuel María. Buscando un país de Manuel Veiga e mais Manuel María. Vida, versos e rebeldía do mesmo autor e mais de Xosé Lastra, mentres Urco Editora reeditaba Do A ao Z con Manuel María, de Xosé Lois García. No entanto, como grande novidade para este ano, segundo apunta Ansede "a coincidir con esta ocasión imos publicar por fin A poesía de Manuel María de Camilo Gómez Torres". Trátase dunha exhaustiva análise do traballo poético do autor nun volume que vai roldar as 800 páxinas. "Camilo Gómez é o grande estudoso do autor, todo o mundo bebe do seu traballo e no entanto está algo esquecido. Leva toda a vida dedicado ao estudo de Manuel María, e estámoslle eternamente agradecidos. Esta obra é só unha parte de todo o que ten traballado", lembra o secretario da Fundación.


Poesía e ensaio
A falar sobre o papel que a obra poética do autor está a ter nas homenaxes, Ansede asegura que "como dato obxectivo nós temos as cifras de circulación da obra poética que publicamos desde a Fundación, e está a funcionar moi ben. Continúa a se identificar a Manuel María coa poesía". Non cabe dúbida que a celebración a finais deste ano do habitual simposio que organiza a Real Academia Galega ha permitir afondar en novos xeitos na figura do homenaxeado. Precisamente a falar sobre o, polo momento, escaso interese na vertente ensaística do autor, Ansede recoñece que "desde o meu punto de vista ten menos importancia no conxunto da súa obra. Sempre partiu dun contacto moi persoal da materia da que fala, mesturado co coñecemento académico, e ten achegas moi importantes. Pero é o único xénero que chega a interromper, que non cultivou de xeito continuo". No entanto, tamén houbo quen quixo reivindicar a faceta articulista do Manuel María. O colexio de xornalistas de Galicia, en colaboración coa Casa-Museo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística lanzou o web Manuel María Xornalista, no que recolle unha selección de artigos do autor, así como unha unidade didáctica e diferentes contidos sobre o seu traballo. " Antes de editar o seu primeiro poemario, Manuel María xa escribía para a prensa, nunha relación que se mantivo ao longo de 55 anos", explica Antón Lopo no texto de presentación desde proxecto. "En realidade, Manuel María estivo a punto de ser un profesional dos medios e non precisamente dos medios escritos", sinala a lembrar a súa experiencia de mocidade en Radio Lugo.

Como fío común de moitas conmemoracións que atopamos é de destacar o carácter social e expansivo que posúe un grande número destas propostas. A grande oferta de iniciativas escénicas e musicais van ecoar na axenda do país durante moitos meses da man de asociacións e colectivos de todo tipo que poderán incluír o nome do autor nas súas programacións para públicos diversos. O xeito no que mudará o noso ollar sobre Manuel María logo deste ano saberémolo co tempo. "Para min é incerto", admite Ansede. "Desde a Casa Museo o que agardamos é que se lea a Manuel María. Pensamos que este ano suporá que se coñeza moito máis, e temos a total confianza de que, ao coñecelo, a sociedade vaise ver moi reflectida na súa obra e descubriraa como un traballo de grande valor e utilidade. E isto é o mellor que pode ter un autor e unha literatura, que a sociedade á que vai dirixida a reciba con grande celebración e a goce".
Ligazóns