Cans presenta a súa edición máis multidisciplinar

O festival integra música, danza, gastronomía, literatura e audiovisual entre o 18 e o 21 de maio

Con dezaoito curtametraxes a concurso, cinco delas de animación, presentábase esta mañá a XIII Edición do Festival de Cans. O evento do Porriño proxectará en total 90 pezas audiovisuais, entre as que se contan as dezaoito que fan parte do concurso de videoclips. A selección realizouse entre 215 producións presentadas, o que constitúe unha nova marca na historia do evento. Dentro do programa, a organización salienta a importante presenza de directoras e directores galegos que crean desde fóra do país. Para alén do audiovisual a nova edición do evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 21 de maio, caracterízase por ser á que ten unha maior presenza multimedia.


Así, para alén da parte audiovisual, o evento contará cunha importante programación musical, con máis de vinte actuacións de nomes coma Iván Ferreiro, Delafé, Os Diplomáticos de Monte Alto, que celebrarán os 25 anos do seu primeiro disco, Novedades Carminha, a nova proposta conxunta de Mercedes Peón e Janet Novás ou De Vacas, que realizaron a canción oficial do certame, entre moitos outros. Canda a isto refórzase a programación infantil e aparece a sección gastronómica A cociña de Esther. Na mesma proxectarase un documental sobre o cociñeiro Javier Olleros, que elaborará unha tapa específica para o evento con produtos locais.

Como outras novidades, destacan a recuperación do espazo dedicado á animación ou o nacemento da sección Retratos de familia, "que recolle as obras dunha serie de directores e directoras novos que afondan no entorno familiar para crear unha cinematografía diferente", a estrea da longametraxe Psiconautas de Alberto Vázquez e Pedro Rivero ou a presenza de Dani de la Torre, que repasará o filme El desconocido.