Premios que rachan xéneros

Os III Premios Martín Códax da Música amosan nomes de referencia e cuestionan os estilos

29/4/2016 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: música
54 lecturas | Compartido 0 veces

Cantautoras que levan premios pop. Nomes que semellan facerse imprescindibles no noso panorama sonoro. A reivindicación de espazos e faceres marxinais. A gala dos III Premios Martín Códax da Música deixa un palmarés variado e con varias sorpresas logo dunha gala que se consolida na axenda cultural galega. Descobre e escoita con nós os proxectos galardoados.
O sector musical galego reuníase onte no Pazo da Cultura de Pontevedra para entregar os seus premios. "A Panadaría Teatro cumpriu as expectativas e conduciron unha gala chea de momentos moi divertidos", explica Ramón Bermejo, voceiro da Asociación Músicos ao vivo, que organiza estes galardóns. "Saíu un evento moi bonito e respirouse moita máis ilusión entre os músicos pola celebración. Semella que medra o interese, que era o que se tentaba". Como fío condutor da proposta, a gala apostou por visibilizar a diversidade e a marxinalidade neste mundo. "Contamos con grupos como Xerock, formado por xente con discapacidades ou con Batuko Tabanka, composto por caboverdianas de Burela". Canda a elas, a trompetista Desirée Gómez e a percusionista Antía Figueroa amosaron "o papel cada vez máis importante das mulleres no mundo da música". Tamén se homenaxeou o papel dos músicos anónimos como Paco Barreiro. No entanto o momento máis emotivo "foi a entrega do Premio Honorífico a Antón Corral, con todo o auditorio posto en pé nun aplauso enorme", recoñece Bermejo. Ruptura de xéneros A falar dos premiados, algúns dos resultados amosan a dificultade de encadrar a música en xénero. Así, se xa había poucos cantautores a aspirar a premios nesta edición, co segundo posto entre os xéneros con máis presenza, estes infíltranse tamén noutras categorías. Deste xeito, Silvia Penide, encadrada polo xeral como cantora en solitario, foi quen gañou o premio na categoría de Pop e Indie. No entanto, tamén estes solistas sufriron interferencias nas súas filas. Guadi Galego abandonou no seu último traballo as referencias folk que veu manexando na súa carreira e apuntouse como cantautora nesta edicións dos premios. E gañou. "As liñas fronteirizas entre categorías ás veces son moi delicadas. A xente vaille engadindo ingredientes ás súas músicas que fan que poidan se mover dun estilo ao outro", sinala Ramón Bermejo. No caso de Silvia Penide "é un premio outorgado a alguén leva moitísimos anos a vivir en exclusiva para a música con moito esforzo". Sobre o galardón para Guadi Galego, apunta que "é unha marabillosa autora e compositora e demóstrao no seu último disco". Nomes propios O terceiro palmarés dos premios permiten xa apuntar unha serie de nomes propios que, en diferentes estilos, amosan a súa importancia no noso panorama musical. Así, este ano temos a Caxade a facer dobrete nos premios co seu proxecto en solitario e mais coa Orquestra Os Modernos. Segundo sinala Bermejo "era a terceira vez que se presentaba, e a primeira que resulta premiado. É inevitable que se repitan algúns nomes porque hoxe ninguén vive dun só proxecto". A repasar edicións anteriores, comprobamos que dous músicos que están a se facer imprescindibles nas galas son Guillerme Fernández e Xabier Díaz. Os dous resultaron premiados nas anteriores edicións polo seu traballo conxunto en Berrogüetto e mais en AcadaCanto. Nesta xeira, o primeiro recolleu o premio polo seu traballo con De Vacas e o segundo polo álbum coas Adufeiras do Salitre. Pola súa banda, Sokram consolídase como referente do hip-hop galego, e tamén recunca en solitario logo de ter levado o premio na primeira edición con Banda Dios Ke te Crew. En canto as músicas do mundo, semella incontestable a importancia da Banda Crebinsky, que se fixo co galardón desta categoría na primeira e na terceira edición. Sen disco A amosar que non cómpre ter disco editado para conseguir o recoñecemento da profesión, De Vacas continúa a súa meteórica carreira a se facer co premio na categoría de grupos vocais. Para o voceiro de Músicos ao Vivo, "é un exemplo deses grupos que aparecen no momento xusto cunha fórmula que funciona axiña. Era un premio bastante cantado porque hoxe están por todas partes", tal como amosa a súa elección para pór música á nova edición do Festival de Cans. Proximidade Tal e como apuntaban as candidaturas, os premios Organistrum á sala e ao festival amosaron o recoñecemento por parte dos músicos a proxectos de proximidade fronte a grantes eventos e salas de grande tamaño. Así, A Arca da Noe, un pequeno espazo de Vilar de Santos impúxose na primeira destas categorías, malia a non contar cun grande equipo nin un aforo importante. "Penso que se premiou o bo facer dunha persoa que se decidiu a abrir unha sala no rural a reivindicar este ámbito como un espazo onde facer música. En só ano e medio de traballo gañou o cariño e o respecto da profesión e amosou que se pode levar adiante un proxecto así. Agardamos que isto anime a que se abran outros espazos similares", explica Bermejo. De xeito similar, o galardón outorgado ao festival compostelán Feito a Man "agradece unha aposta de moitos anos pola música de aquí, por sacala a rúa e mesturala coa xente. Penso que todos os músicos do país pasamos por alí." De cara ao futuro, segundo explican desde organización "estamos aínda a asumir a resaca de onte e agora faremos balance. En principio, o reto para o vindeiro ano e que non fique ningunha cadeira baleira no Pazo da Cultura, aínda que este xa estaba practicamente cheo".

OS PREMIADOS

Pop e indie: Silvia Penide

Web de Silvia Penide

Rock: Foxy Freire

Web de Foxy Freire

Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher

Web de Nastasia Zürcher

Jazz e músicas improvisadas: Orquestra de Jazz de Galicia

Facebook da Orquestra de Jazz de Galicia

Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram

Web de Sokram

Música clásica e contemporánea: Vertixe Sonora Ensemble

Web de Vertixe Sonora Ensemble

Folk: Caxade

Web de Caxade

Música tradicional galega: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Web de Xabier Díaz

Músicas do mundo: Crebinsky

Web de Crebinsky

Canción de Autor: Guadi Galego

Facebook de Guadi Galego

Música infantil: Brinca Vai!

Web de Brinca Vai!

Electrónica: Croma

Web de Croma

Metal: Mutant

Facebook de Mutant

Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina

Web da Banda da Balbina

ESTOMBALLADA from A BANDA DA BALBINA on Myspace.

fillo do mar from A BANDA DA BALBINA on Myspace.

Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Os Modernos

Web da orquestra Os Modernos

Coros e Grupos Vocais: De Vacas

Facebook de De Vacas

Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe

Facebook da Arca da Noe

Premio Organistrum Festivais: Feito a Man

Facebook do Feito a Man

Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Ábretedeorellas

Ábretedeorellas

Premio Honorífico: Antón Corral

Web do Obradoiro Antón Corral

Premios Martín Códax da Música 2016

Ver serie completa
25/04/2016

Antón Corral, na trastenda da tradición

Músicos ao Vivo recoñece o traballo calado dun artesán e mestre co seu premio honorífico

Universo culturagalega.gal

04/05/2017

Galardóns de actualidade

Novos nomes e discos recentes marcan a lista de galardoados nos IV Premios Martín Códax da Música

07/04/2017

A final sonora

Os candidatos dos IV Premios Martín Códax da Música amosan moitos nomes novos

18/12/2014

Sons gañadores

Descobre como soan os grupos galardoados nos II Premios da Música Martín Codax