Xeografías da cultura

As cidades do Eixe Atlántico concentran os maiores índices do país en canto a hábitos culturais

As cidades do Eixe Atlántico concentran os maiores índices do país en canto a hábitos culturais
Ponte de Rande. Foto: Juan Mejuto en Flickr
A industria cultural galega bascula sobre o Eixe Atlántico. A Galicia Urbana, de Ferrol a Vigo concentra aquelas persoas con maiores inquedanzas a nivel cultural, cando menos na maior parte dos ámbitos que recolle o Instituto Galego de Estatística. Debullamos os mapas que o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura elaborou a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística.

O lugar de residencia revélase como un factor determinante á hora de falarmos dos hábitos culturais en Galicia. As áreas máis urbanizadas concentran os picos de consumo ao falarmos de actividades como ir a museos, ao cinema, a espectáculos musicais ou mesmo na lectura. Entre elas, son as cidades do Eixe Atlántico, nomeadamente A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo, as que amosan unha maior dinámica nos indicadores de ocio e hábitos culturais. Continuamos a debullar o documento Ocio e hábitos culturais (II) que o Observatorio da Cultura Galega desenvolveu a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística para 2014, a atender aos indicadores de asistencia ao cinema, teatro, museos e exposicións, espectáculos musicais e índice de lectura.

Nota: Sobre os mapas
Os mapas sobre estes indicadores resultan estraños, xa que o Instituto Galego de Estatística determinou unhas áreas de estudo que nalgúns casos integran varias comarcas e mentres outras son analizadas por separado. Isto fai difícil en particular comprobar o peso real das cidades como núcleos fortes no que a hábitos culturais se refire, ao faceren media os valores aparentemente máis elevados do ámbito urbano con actividades menores en áreas rurais. Por exemplo, Lugo fica integrado por defecto coa Terra Chá, Meira e A Ulloa. En conxunto, esta área presenta indicadores por riba doutras partes da provincia, o que fai pensar nun certo peso da capital neste sentido, pero non podemos saber se estes índices responden unicamente a esa influencia urbana. De xeito similar, a agregación da Coruña con Betanzos non nos permite adiviñar se é o peso específico da Comarca Herculina o que determina os elevados índices que acada a área ou se tamén nas Mariñas en solitario se verifican prácticas similares. Pola contra, as comarcas de Ourense, Pontevedra e Vigo aparecen individualizadas e facilitan a detección duns comportamentos que se poden considerar como nitidamente urbanos. Compostela recóllese integrada con Barcala e O Sar mentres Ferrol, pola súa banda, contabiliza tamén Eume e Ortegal. Os mapas que achegamos, elaborados polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura, indican a porcentaxe da poboación que practica cada actividade. Esta cifra está expresada de xeito decimal, é dicir, que unha cifra como 0.49 correspóndese cunha porcentaxe do 49%.


As cidades
Os mapas deixan claro unha inclinación cada o occidente dos maiores índices de consumo cultural no país nos ámbitos analizados. A depender do indicador que se analice, as áreas de Santiago e da Coruña están polo xeral á cabeza. Máis ao sur, Vigo e Pontevedra alternan a súa relevancia segundo o ámbito do que se trate, sempre na banda alta da táboa. Así, Pontevedra asiste menos ao cinema pero conta con maior interese polos espectáculos musicais do que a Cidade Olívica. No entanto, ao falarmos de asistencia a museos, exposicións e arquivos (con porcentaxes de entre o 40 e o 46%) como a abordarmos os índices de lectura (entre o 56 e o 60%), as catro áreas amosan con claridade a súa preeminencia.

Ferrol (integrado con Ortegal e Eume), oscila nos seus comportamentos. Nalgúns índices presenta elevadas cifras de interese, similares aos doutras cidades. De feito, en asistencia ao teatro, monicreques, contacontos e circo está á cabeza canda á Coruña e Compostela cun 32%. Pola contra, noutros indicadores fica en segundos postos, con dinámicas semellantes ás da comarca de Ourense. Esta última, sen acadar nunca o máximo en indicador ningún, amosa unha importante dinámica achegada á das cidades, especialmente ao falarmos do interese en cinema (cun 45% da poboación a asistir) e teatro (32%).

A área de Lugo Central (Ulloa, Lugo, Meira e A Terra Chá) ten a peculiaridade de que non alcanza as posicións doutros espazos con cidades integradas en ningún dos indicadores. É na asistencia a Museos, exposicións e arquivos onde amosa unha maior dinámica (un 33% da poboación participa destas actividades), que se equipara á da área de Ferrol-Eume-Ortegal e Ourense. Pola contra, ao falarmos do consumo de cinema e de teatro os índices (32 e 37%) son equiparables aos da Mariña, e inferiores aos de áreas con maior presenza urbana.

Outras áreas
Se ollamos pola contra os lugares nos que estes cinco índices de actividade cultural son menores, atopamos coincidencias significativas. A Costa da Morte, Lugo Oriental e o Sur de Ourense aparecen como as áreas con valores máis baixos en todos os apartados. Séguenas pola cola Pontevedra Nororiental, que só supera o mínimo ao falarmos de asistencia ao teatro e mais Lugo Sur, no mesmo caso a respecto da asistencia a museos. A Coruña Suroriental presenta un comportamento irregular que a deixa na cola en canto a asistencia ao teatro. Ao tempo, o territorio amosa tamén pouco interese nos outros indicadores mentres, pola contra, aparece en postos medios na afección a espectáculos musicais. Ourense Norte, sen presentar nunca valores mínimos, sitúase en todos os casos na parte baixa da táboa agás na frecuencia de lectura de libros, onde entra na zona intermedia. O Ribeiro, Pontevedra Sur e o Barbanza mantéñense na parte baixa da táboa nalgúns indicadores e chegan a valores medios noutros, mentres fica claro que Caldas-O Salnés e mais O Morrazo, sen ter unha actividade claramente urbana, fan parte das áreas máis dinámicas en canto a hábitos culturais, sen acadar en ningún momento valores baixos.

Cinema e teatro



Ao falarmos de cinema, a asistencia máis elevada é na Área de Santiago (53% da poboación vai habitual ou esporadicamente), Vigo (50%), e mais a Coruña-Betanzos (49%), seguidas por Ourense (45%) e o conxunto ferrolán (42%). A estas engádsee o curioso caso do Morrazo e o seu 44%, que trataremos polo miúdo nunha vindeira reportaxe. Pontevedra, pola súa banda, ten o mesmo interese polo cinema do que Caldas-O Salnés e mais a Barbanza (entre o 38 e o 41%). Moi próximo anda Lugo Central, cun 37%, aínda que aparece integrado coa Mariña, Ourense Central, O Carballiño-O Ribeiro e mais Pontevedra Sur, que presentan índices de entre o 28 e o 29% da poboación. A incidir no desequilibrio territorial, as provincial da Coruña e de Pontevedra asisten de media oito puntos máis do que as dúas do interior, un 46,4 e un 46,2% fronte a 38,5 (Lugo) e 38,4% (Ourense).

As importantes diferenzas que se dan a nivel xeográfico amosan que o interese pola sétima arte aparece concentrada nas cidades e nalgunhas áreas limítrofes ou con accesos relativamente sinxelos ás mesmas. É dicir a existencia de salas semellaría condicionar nunha grande medida a esta práctica cultural. No entanto, só un 5,6% da poboación di non asistir ao cinema por carecer de salas próximas, unha cifra que baixou desde o 16,7% que apuñan a esta razón a súa ausencia en 2006.

Teatro e museos



Contrariamente ao cinema, os datos sobre teatro, malia a ser unha afección máis minoritaria que só desenvolve un 25,5% da poboación, amosan unha maior dinámica en áreas non estritamente urbanas. Destaca de novo o caso do Morrazo (un 32%) e mais o de Caldas-O Salnés, (23%), pero tamén se observan menos diferenzas coas áreas urbanas no caso da Mariña, O Carballiño-O Ribeiro ou Pontevedra Sur, nun rango de entre o 19 e o 21%. Un maior reparto xeográfico das funcións teatrais ou unha maior dispoñibilidade para se desprazar do público das mesmas pode explicar esta tendencia.



Unha distribución similar pode se ver na asistencia a museos, exposicións ou arquivos. Cunha asistencia media do 23% de galegos e galegas, a afección está relativamente repartida por toda a xeografía. Así, a comparar co anterior indicador, esta actividades ten máis peso en Lugo Central (33% ao nivel de Ferrol) e no Barbanza (21%). A diferenza do teatro, intercambian posicións Coruña Suroriental e Pontevedra Nororiental, a Mariña descende e aparece de Lugo Sur ao nivel de Ourense Norte, todas elas entre o 15 e o 19%. O Barbanza, Caldas-O Salnés, O Ribeiro e Pontevedra Sur manteñen posicións entre o 21 e o 28% de asistencia. E, de novo, o Morrazo, vai por libre e acada un 36% de interese.

Lectura



A apontoar a idea de que boa parte dos hábitos de consumo non dependen necesariamente de ter infraestruturas próximas, os datos sobre lectura amosan de novo a preeminencia da franxa atlántica. Destacan A Coruña, Santiago e Pontevedra, seguidas de Vigo, con entre o 57 e o 60% de poboación lectora. Séguenas Ourense, Ferrol, Caldas-O Salnés e mais O Morrazo con cifras de entre o 50 e o 55%. A distribución amósase bastante regular polo territorio e segue por Lugo Central, Ourense Norte, O Carballiño-O Ribeiro e a Barbanza, con porcentaxes entre o 44 e o 48% de persoas que len ocasional ou asiduamente. A Costa da Morte, Lugo Sur, Lugo oriental e Pontevedra nororiental aparecen como como as menos afeccionadas á lectura, con cifras lixeiramente superiores ao 30%, practicamente a metade das áreas máis afeccionadas aos libros.

Música



Estas mesmas comarcas, sumadas á Mariña e ao Sur de Ourense, están tamén á cola na asistencia a espectáculos musicais (moderna, clásica, óperas, solistas, tradicional…). Neste aspecto, Pontevedra concentra unha importante atención cun 46%, por riba mesmo de Vigo, e asimílase a Compostela (44%) e A Coruña (46%). A comarca Olívica (40%), O Morrazo e Caldas-O Salnés, arredor, comparten uns indicadores elevados e similares tamén aos de Ferrol, entre un 38 e un 40%. Resulta curioso que neste caso Lugo, A Coruña Suroriental, Pontevedra Sur e Ourense amosen cifras semellantes, malia ás diferenzas de urbanización existentes entre elas.

Factores


Debemos ter en conta que, para alén do factor puramente xeográfico, os datos do IGE revelan que os hábitos dentro familia resultan determinantes á hora de que os individuos definan as súas prácticas culturais. Por exemplo, unha práctica tan relativamente estendida como é asistir ao cinema, compróbase que máis do 90% das persoas que o fan veñen de familia nas que tamén se vai. O mesmo se verifica ao falarmos de asistencia a espectáculos musicais, arquivos, museos ou mesmo na participación en festas populares, verbenas e orquestras.

Canda a isto, os indicadores revelan que a xente está máis disposta a se mover para acudir a actividades culturais. Así, diminúe o número de persoas que di non participa neste tipo de propostas por non as ter a man. Por exemplo, no caso de museos e exposicións, a porcentaxe baixou do 23% en 2006 a só un 6% en 2014, mentres no teatro pasouse dun 19,3% a un 7,1%. Tamén no cine, como xa se comentou, atopamos descensos similares. Se temos en conta a evidente parálise na creación de infraestruturas culturais nese período, o que semella revelar isto é unha mudanza nos hábitos xerais de desprazamentos. Isto non implica, no entanto, que haxa máis interese polas actividades culturais, xa que os datos dos IGE amosan un descenso xeral de prácticas neste sector en 2014 a respecto de 2006.

No entanto, fronte esta concentración atlántica de actividades, existen algúns indicadores que revelan outra Galicia que tamén ten os seus particulares intereses culturais, e que abordamos na vindeira reportaxe.