A que dedicamos o tempo libre?

A actividade social e o consumo de medios encabezan as preferencias de lecer para a poboación de Galicia

A actividade social e o consumo de medios encabezan as preferencias de lecer para a poboación de Galicia
Estar coa familia e cos amigos e ver a televisión son as ocupacións preferidas dos galegos para o seu tempo libre. Fronte a isto, a aposta por actividades deportivas e creativas teñen menos predicamento na sociedade. No entanto case un 40% da poboación desenvolve tarefas de xardinería, horta ou coidado e animais e máis da metade dedica tempo á lectura. O Documento de Traballo do Observatorio de Cultura Ocios e hábitos culturais (II) permite obter un perfil do lecer de galegos e galegas a partir dos datos do Instituto Galego de Estatística.

Compartir tempo con amigos e familia e o consumo de prensa, radio e televisión concentran o interese da maioría da poboación como ocupacións principais para o seu tempo de ocio. O 70,7% por cento dos galegos teñen estas como escollas preferentes para o lecer, e un 58,7% concentra as súas eleccións na televisión e na familia, fronte ao 12% que aposta antes por estar coas amizades. O importante peso que teñen as relacións cos parentes no noso ocio fica confirmado coas declaracións dun 31,1% da poboación, que sitúa "facer actividades coa familia" como principal dedicación no tempo libre. Así o revelan os datos da enquisa Ocio e hábitos culturais do Instituto Galego de Estatística para o Período 2006-2014. Sobre estas cifras o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega desenvolveu o informe Ocio e hábitos culturais II, publicado recentemente no web desta institución.

Preferencias
A seguir con estes datos, compróbase que fronte a esta ampla maioría semella que hobbies máis específicos teñen polo momento pouco seguimento na nosa sociedade. Así, por exemplo, só un 7,7% da mesma ten como elección principal para o seu ocio facer actividade física ou deportiva (11,9% dos homes e 7,4% das mulleres) un 5,6% ten como preferencia principal a "Xardinería, horta, e o coidado de animais", un 4,5% a navegación por Internet e aínda menos, un 3%, a lectura. É dicir, o interese por afeccións especializadas ten pouco arraigo no país fronte á preferencia pola sociabilidade e polo consumo de medios convencionais.



O que case todos facemos
No entanto, non esquezamos que estes datos céntranse nas eleccións preferentes para o lecer. Se observamos aqueloutros que amosan a que dedicamos o tempo libre, a recoller tanto as actividades preferidas como outras, temos un reparto moito máis equilibrado de intereses. De novo, as relacións sociais e o consumo de medios se manteñen á cabeza das prácticas, aínda que mudan a súa posición. Así, segundo este índice é máis común o consumo de medios e de lectura, practicados en conxunto por un 99,7% de galegos e galegas, do que as relacións sociais, coas que ocupan parte do seu tempo de lecer o 95,8% da poboación , as actividades familiares (84,5%) ou o ver amigos (82,7%).

Sociables e mediáticos
A prevalencia da sociabilidade como práctica de ocio fica clara tamén neste epígrafe. En conxunto sete das dez actividades máis habituais entre a poboación fan parte dos epígrafes "relacións sociais" e "audiovisuais e lectura", e as catro primeiras que máis se realizan son deste tipo. A este respecto compre lembrar que, aínda que están integrados na mesma categoría, hai unha enorme distancia entre o consumo televisivo (99.34% da poboación) e o de libros. Destaca o feito de que facer actividade física conta un importante seguimento que supera os dous terzos da poboación. Segundo estes datos, máis da metade dos galegos le como parte do seu ocio, e un 52,4% ocupa tempo libre en "bricolaxe, manualidades e xardinería". De xeito máis específico case un 40% de galegos e galegas dedica tempo a xardín, horta ou animais. Un nada desprezable 36,43% xoga, xa sexa a cartas, xadrez, xogos infantís ou outro tipo de brinquedos deste tipo, mentres os videoxogos só alcanzan ao 17,7% da poboación.






Semellanzas
A compararmos as táboas de interese e de dedicación, atópanse grandes semellanzas nos hábitos culturais preferentes e nos que máis porcentaxe da poboación realiza, con apenas algunhas modificacións nos postos que ocupan. Destaca a aparición, nesta segunda táboa, de "Escoitar música, ver películas, series, documentais" no terceiro posto, o que sinala que é esta unha actividade secundaria para boa parte da poboación. A menor escala, a aposta por xogar tamén ocupa a unha importante porcentaxe dos galegos, aínda que moi poucos o teñan como actividade principal. En boa medida estes datos coinciden cos que proporciona o Instituto Nacional de Estatística, especialmente no que ser refire ao consumo televisivo e de medios, onde estamos á cabeza do estado, e no interese preferente pola plástica o ámbito das actividades creativas.

Creatividade
Precisamente este tipo de actividades son parte do tempo libre de un cada cinco galegas e galegos. Entre estas, as artes plásticas son as máis practicadas, por un 14%, seguidas das musicais (7,1%) e das escénicas (5,3%). Neste ámbito, os datos revelan unha especial importancia do nivel educativo a respecto do interese por estas propostas. Así pois, a porcentaxe de prácticas creativas sobe a un terzo da poboación cando falamos daqueles que contan cun título de educación superior. As artes plásticas son as máis sensibles a este factor, xa que ata un 22,4% de titulados as desenvolven fronte a un 16,5% de persoas con segunda etapa de educación secundaria rematada, un 8,3% dos que finalizaron a primeira estapa e só un 1,4 dos que teñen formación primaria. Pola contra, nas actividades musicais, as diferenzas segundo o nivel educativo redúcense e fican en 9% para titulados superiores, 6,9 e 4,3% para os dous niveis de secundaria e 1,6 para os de primaria. De xeito similar, a afección polas artes escénicas está en 5,9% (superior), 4,7 e 3,6% (secundaria) e 1,1 (primaria).

As provincias e a idade
Por provincias, semella que Pontevedra e Ourense son as máis dadas ás relacións sociais como actividade principal para o ocio, cun 48,32 e un 47,02 de persoas que optan por estas opcións en cada unha das provincias. Lugo, pola súa banda, destaca na elección polo audiovisual e a lectura cun 40,9% de preferencia (é de lembrar as importantes diferenzas entre o interese por cada unha destas actividades). Ourense, á súa vez, supera o resto do país na afección polas manualidades, o bricolaxe e a xardinaría, e a Coruña sobresae lixeiramente na escolla de actividades artísticas. A este respecto, resulta destacado sinalar que as mudanzas na relación entre consumo de medios e sociabilidade aparecen moi vencelladas ao factor idade. Así, cos anos increméntase a atención a prensa, radio e televisión e descende o tempo dedicado ás relacións sociais. Así, entre os 50 e os 65 anos dedícase un 29,6% a televisión, radio e prensa e outro 29,7% a estar coa familia, mentres logo dos 65 as relacións sociais descenden ao 31,6% e a atención a medios chega ao 45,6%.