Literatura de terceira época

A literatura galega adéntrase no mundo da vellez e as idades neurodexenerativas

A literatura galega adéntrase no mundo da vellez e as idades neurodexenerativas
A vellez e a ollada retrospectiva das persoanxes é un motivo frecuente da literatura, pero nos últimos anos, co envellecemento da sociedade galega e o alongamento da vida, estamos a asistir a unha maior estensión das enfermidades nuerodexenerativas, aquelas que afectan a temas tan literarios como a memoria, a identidade ou ao sentido de lugar. Analizamos cos seus autores obras recentes sobre a aventura de ser (moi) maior.

Galicia estase volvendo anciá. A poboación do país a inicios de 2016 tira claramente cara o envellecemento. Dos máis de dous millóns setecentos mil habitantes, 680.720 superan os 60 anos mentres só 249.581 están por debaixo dos dezanove anos. A prolongación do tempo de vida tamén multiplica a presenza de enfermedades neurodexenerativas, coma o alzheimer, cunha incidencia tan directa en dous temas tan literarios como a identidade e a memoria. Tras estes fríos números hai unha dura realidade social, de vidas encontradas, de responsabilidades asumidas, de procesos lentos que marchan ás persoas. E esa realidade acaba plasmándose na literatura galega.

Para Alberto Ramos, autor de Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2015), "na Galicia actual todos coñecemos o que é o declive dunha persoa de moita idade. Saber da dependencia é algo que nos toca a todos, así que hai moito de observación da vida real, de xente próxima". Ramos sitúa ao protagonista da súa última novela, un actor británico de avanzada idade que afronta unha longa entrevista biográfica encamiñada a redactar as súas memorias tras un diagnóstico de Alzheimer. "A enfermidade foi o marco para permitirme facer un libro sobre a memoria", explica Ramos. "Ese momento vainos pasar a todos máis tarde ou máis cedo. Sospeito que a case ninguén lle van saír ben as contas e, se te saen ben, iso é preocupante", comenta irónico.

A difícil experiencia persoal no coidado de persoas maiores é determinante e cada vez máis está presente nas ambientacións que os escritores levan ás súas obras. Durante a presentación en Compostela de Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, o escritor aludiu a como o marcou persoalmente a experiencia persoal de atender aos seus pais durante a súa vellez. Dese tránsito persoal acabou saíndo parte da ambientación da novela, onde a súa protagonista, Janis, de trinta anos, traballa atendendo a varias persoas de avanzada idade que van xogar un importante papel na sucesión da novela.

O humor como clave
Esa relación vital plásmase tamén en A vida fóra (Galaxia, 2011), de Miguel Sande. "Está inspirado na miña propia avoa", afirma Sande, "xa que ao igual que a personaxe de María, ela tamén estivo moitos anos nunha cadeira de rodas e os últimos anos vendo pasar os días e a vida pola fiestra". Para Sande, o motivo final era "facer unha pequena homenaxe ás avoas, as matriarcas que sostiveron este país", aínda que a disposición era relativamente arriscada. Para iso, situou a María, a súa personaxe, nunha cadeira de rodas no interior dunha habitación, onde transcurre físicamente toda a novela. "Podería parecer unha historia moi triste, pero en realidade non o é", sinala o autor, quen afirma que "a señora María ten unha peculiaridade. É unha anciá con pensamento de nena. Ela xa ten demencia senil e di que lle comezaron a morrer palabras. Por exemplo, ela quere un chocolate quente antes de que lle morra a palabra chocolate e non saiba como pedilo. Así que o lector, grazas a ese toque infantil que dá a demencia, le a novela cun sorriso nos beizos".

O tratamento en positivo da demencia senil é un dos aspectos que caracteriza as achegas literarias galegas. Un dos proxectos máis singulares é Un avó especial (Kalandraka, 2011), un libro infantil escrito por Carlos Yus a partir da experiencia dunha montaxe escénica de Migallas Teatro que aínda se segue a representar. "Fixemos a obra de teatro para explicarles aos rapaces o Alzheimer, e para que visen que non tiñan que ter un rexeitamento cara os seus avós por esta enfermidade", sinala Yus.

Para levala a cabo, contaron co asesoramento da Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e doenzas de Pontevedra que ía desde asuntos anecdóticos ata cuestión máis profundas. "Nos primeiros ensaios, como eu interpreto o avó, saía tremendo, e eles dixéronme: iso é Parkinson, Non alzheimer!", bromea Yus, quen destaca que o obxectivo é cambiar a actitude fronte a enfermidade. En Un avó especial explícase que non é malia que o Alzheimer na actualidade non ten cura, si é posible para os nenos ter unha actitude positiva. "Amosamos que a mellor medicina que ten o Alzheimer é xenerar un ambiente feliz aos doentes nos seus momentos de lucidez", afirma Carlos Yus, quen ao igual que Miguel Sande, emprega os episodios de demencia para crear situacións cómicas que, canda o uso de ditos e refráns e outras formas do saber tradicional, permiten que a obra discorra de maneira positiva.

Literatura que aborda os solpores vitais con serenidade e mesmo humor.