Grandes oportunidades que veñen do cativo

A particular eclosión da música para crianzas achega importantes potencialidades á nosa cultura

A particular eclosión da música para crianzas achega importantes potencialidades á nosa cultura
Posto de Sonárbore no Festival da Luz
O bo momento que está a pasar a música para crianzas en Galicia preséntase como unha peculiaridade da nosa cultura. O sector está a evoluír a grande velocidade, integra, dun xeito único no noso panorama, diferentes expresións artísticas. Xaime López e Xulio Amigo analizan este fenómeno o potencial que presenta para as nosas industrias culturais.

Xaime López, que coordina o espectáculo Sons Miúdos desde Urdime e Xulio Amigo, responsable da Semana de Música Infantil das Feiras do Libro desde Galaxia, levan anos a traballar desde diferentes perspectivas o fenómeno dos sons para cativos. Un panorama que cada día aparece como máis complexo, coa exploración de novos formatos tanto editoriais como escénicos e unha multiplicidade de grupos. Os dous xestores culturais coinciden en sinalar o bo momento desta manifestación cultural e chaman a aproveitar as súas posibilidades.

Momento de plenitude
Para Xaime López, de Urdime, "agora mesmo este panorama está cunha saúde perfecta, nun momento de plenitude. É certo que están a nacer moitísimas bandas, podemos falar de 25 ou 30 grupos en activo. Pasa como con todos os fenómenos, que hai xente que sobe ao carro e tenta facelo o mellor posible. Tamén inflúe que as editoriais están a apostar por este tipo de espectáculos". A boa situación dá mesmo para falar de grandes éxitos no xénero. "Mamá Cabra ten un monte deles", explica. "Todo natural, O pirata mete pata, Imos bailar, ou o disco enteiro de Ola, ola, la que debe estar na metade das casas onde hai nenos. Magín Blanco no primeiro disco ten a Rumba das apertas ou Eu falo así, onde trata a diversidade lingüística e o respecto. En A nena e o grilo nun barquiño deu un golpe forte, superouse e amosou a súa madurez, sobre todo con temas como Rocanrol Dragón. Están tamén Pablo Díaz, co Tit Tac que todo o mundo coñece, ou o Brinca Vai de Paco Nogueiras, que é todo un fenómeno". Coincide con el Xulio Amigo ao sinalar que "Temos nomes como Magín Blanco, Mamá Cabra, Uxía, tanto en solitario como no proxecto Maria Fumaça, Paco Nogueira, Xan Curiel ou Pablo Díaz. E non deixa de se sumar xente e de aparecer novos creadores. Ademais, hai unha enorme variedade, tócanse todos os estilos musicais. Neste período temos en Galicia un nivel de creación neste ámbito, tanto en cantidade como en calidade, que non se dá en ningún outro lugar do Estado", explica. "Ás veces veñen de xira musicais de Madrid ou doutros lugares e está claro que proxectos como Sons Miúdos non teñen nada que lles envexar".

Unha peculiaridade galega
E é que a eclosión deste tipo de música semella algo particular do noso país, cando menos no contexto estatal. "Nos últimos anos constatamos que en Galicia estaba a nacer un fenómeno moi importante que non ten referencias fóra. Están a aparecer moitísimas bandas que apostan pola calidade cultural e musical. En moitos casos trátase de xente que vén de música para adultos, como Magín Blanco, Uxía ou Xoán Curiel, e que se meten a traballar con este público. Isto non acontece en ningún outro lugar do Estado", explica Xaime López. "O feito de traballar con cativos revela tamén un importante potencial artístico e humano. Non todo o mundo pode traballar con este público, hai que estar sensibilizado con algunhas cuestións e ter en conta aspectos educativos", puntualiza.

Evolución
Encol dos pasos que se deron ata chegar á situación actual, os dous xestores coinciden e apuntar os fitos do camiño. "Penso que podemos dicir que esta etapa comeza en 2000 cando Mamá Cabra edita Cantos Rodados", lembra Amigo. Desde aquela unha enorme cantidade de creadores, xa especializados neste ámbito, xa a compartir con outros públicos, téñense sumado á aposta musical para os máis novos. "Mamá Cabra, foron os que iniciaron en boa medida esta aposta hai quince anos. Depois Magín Blanco actuou como renovador destas músicas, cun estilo máis poético e unha estética máis naif", completa López, que lembra tamén que "no seu momento o Xabarín Club achegou moito a nivel musical para o público miúdo, aínda que moitas das cancións non estaban pensadas para eles. Agora non existe ningún programa de televisión exclusivo que fale desta música, pero está todos días nas casas ou nos coches das familias con pequenos, nos teatros e nos festivais".

Desenvolvementos
Na maioría dos casos a edición destes proxectos faise da man de editoras convencionais e no formato libro-CD, o que racha a tendencia xeral pola autoedición e pola mingua dos formatos físicos para a música. O feito de que, alén dos discos, vaian aparecendo proxectos máis complexos arredor deste nicho musical, como son libros, vídeos, espectáculos teatrais, festivais ou mesmo que se poida falar de hits, amosa unha madurez crecente no sector. E, como lembra López, isto está a se desenvolver sen contar con espazos específicos en televisións nin medios de comunicación convencionais. Segundo recoñece, "a escena está a se configurar de xeito alternativo, é un panorama que chega da cultura máis independente e isto ten a súa riqueza".

Ao tempo, as producións orientadas ao público máis novo están a amosar unha inédita capacidade de fusión entre disciplinas. "Cada vez abórdase un produto máis multidisciplinar ou transversal. Aquí xúntanse as artes plásticas e a literatura do libro ilustrado, coa música e coas artes escénicas das actuacións ao vivo", sinala Amigo. E é que cada vez son máis as propostas que integran estes aspectos nas súas presentacións ante o público. "Hai xente como Magín Blanco que lle deu unha maior dimensión a esa parte teatral, pero todos teñen unha posta en escena. A ver quen di que un espectáculo e Mamá Cabra non é escénico", explica.

Público familiar
Unha das claves que, segundo López, explican o actual éxito destes sons está en que "moitos dos que fan música para cativos gústanlles tamén a pais, nais e avós. Facer unha música que se poida gozar en familia supón un grande éxito". Esta característica ademais, marca unha tendencia clara no consumo. "Nun momento en que caeu o disco e o libro non está nos mellores momentos, o público familiar resiste. O libro infantil, e sobre todo o musical, está a se vender, cada vez que se acaba un concerto hai colas para mercar este disco. Os pais somos cada vez máis conscientes de que queremos unha cultura de calidade para os nosos fillos e tentamos estar ao seu carón para que se acheguen a concertos e teatros. Mesmo en casos en que os pais son castelán falantes os nenos están a ter a súa experiencia co galego con estas músicas, e isto é algo incrible".

Oportunidade para a cultura
As posibilidades que abre este tipo de proxectos están aínda por aproveitar, segundo destaca Amigo. "Con todas as complicacións que temos no ámbito da edición e da cultura, contamos cun nicho ou un segmento emerxente e en constante crecemento que temos que mimar entre todos, ata por egoísmo. Cómpre aproveitar esta oportunidade". E é que para alén das iniciativas centradas no musical, en xeral semella que as actividades para cativos están a ter un importante pulo no país. "Hai unha chea de eventos que teñen moito éxito e que comparten o risco común de estaren pensados especificamente para este público. Está o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, Sons Miúdos ou a tentativa da feira Churritines, que funcionou moi ben na súa primeira edición e que embarrancou polo incremento no prezo de alugueiro que quería impor o Concello da Coruña para a segunda", ademais de proxectos máis escénicos como os festivas Núbebes e das Cóxegas, ambos os dous en Pontevedra ou o Bebescena da Coruña. "Hai unha serie de indicadores que apuntan a que existe unha oportunidade. E é de sentido común. Os que temos fillos queremos investir na súa formación e é o último no que fechas a billa de faltan os cartos", explica Amigo.

O traballo pendente
López pola súa banda, incide en que "hai que apostar por construír un público crítico. Traballar esta base é moi importante para que non se perda. Hai unhas idades onde o público acaba escapando e hai que evitar isto". Para conseguir esta permanencia, López apunta unha eiva clara. "Teñen que nacer circuítos, teñen que nacer festivais. A cultura ten que ter os seus espazos e non pode parar. Aí compren apostas da Administración e do sector privado". No entanto, é en xeral optimista. "Penso que nacerán moitas cousas porque hai moitas ganas. Nos grupos musicais e nos de teatro que levamos vemos moita intención de colaborar e de chegar a facer proxectos chulos. Cómpre termos espectáculos grandes que poidan facer fronte a propostas que veñen de fóra e que enchen os teatros mesmo con baixa calidade. Chegará o momento no que deste non fenómeno non queden todos, pero continuarán moitos. O público irá definindo cales son as regras para ficar ou non ficar", explica. "O mellor que nos pode pasar é que estes músicos continúen a facer as cousas con cabeciña, pensando sempre a quen se dirixen", conclúe.