Ilustracion do cartel da Semana da Música Infantil 2014
A orixe
"A semana naceu dun xeito natural. Xa levabamos uns anos a editar discos destinados a este público e na Feira do Libro parecía claro que había unha oportunidade de amosar estes traballos cunha expectativa de resposta positiva", explica o director comercial de Galaxia e promotor desta iniciativa, Xulio Amigo. O proxecto, nado da man desta editorial, desenvolveu tres edicións na Feira do Libro da Coruña e dúas na de Vigo, onde estivo ausente este último ano por problemas de espazo.
Os lanzamentos
Na carpa, nenos e maiores puideron en cada edición atopar lanzamentos das principais editoras que traballan este xénero no noso país. "A vocación do evento é amosar as últimas novidades de cada ano neste ámbito. Aínda que o promovemos desde Galaxia, participaron tamén artistas que editan con Kalandraka, Xerais ou Do Cumio". Formacións como Uxía, en solitario ou co proxecto María Fumaça, Mamá Cabra, Susa Herrera, Magín Blanco, Miguel Mosquera (responsable de Sira e o Robot), Golfiños (autores de Té, chocolate, café, A Gramola Gominola, Chuches Amil, Sérgio Tannus Pirilampo, Olga Brañas con Pitusa Semifusa, Migallas Teatro, Xoán Curiel, As Maimiñas ou Paco Nogueiras son nomes que xa participaron nas diferentes edicións do programa a dar a coñecer os seus diferentes lanzamentos.
Espazo propio
As necesidade técnicas foron determinantes á hora de crear un espazo específico que albergase esta actividade no canto de distribuír os concertos no programa xeral o evento. "A música esixe uns equipos técnicos diferentes dos que poden servir para amplificar só unha voz. Isto era unha dificultade para integrar esta proposta na carpa de actividades das feiras", lembra Amigo. Deste xeito, a Semana conta desde o comezo cunha carpa propia na que se desenvolven os concertos.
O éxito e a expansión
O proxecto funcionou desde o primeiro momento. "A carpa queda sempre pequena", lembra Amigo, malia a que ten unha capacidade de preto de cen persoas. O feito de que as crianzas acoden polo xeral acompañadas das familias dificulta que toda a xente caiba. Malia ao éxito, os promotores non ven polo momento factible que a experiencia chegue a novas cidades. "A feira da Coruña é unanimemente considerada como a que está mais consolidade e a que mellor funciona comercialmente. A de Vigo no é tan populosa pero non deixa de ser a da segunda cidade do país. Isto é o que fixo que nos decidísemos por estes dous lugares. Se tivésemos máis recursos levaríamos a Semana a todas as cidades, pero polo momento non é posible".
Coordinación
Para Amigo, o éxito desta e doutras propostas que teñen como protagonista a música para os máis novos, é algo a que cómpre aproveitar. "Temos unha semente que quere medrar, e está na nosa man facilitarllo", explica. "Non se trata dun proxecto dunha soa editorial, senón de todo un sector. Temos editoriais especializadas no público infantil como Kalandraka ou OQO, e outras xeralistas cunha traxectoria moi importante neste sector. Penso que é unha ocasión de se organizar".




