Olladas á música cativa

Analizamos o panorama musical para crianzas, un dos sectores máis dinámicos da nosa cultura

Analizamos o panorama musical para crianzas, un dos sectores máis dinámicos da nosa cultura
Foto: María Fumaça
A música para o público infantil está a se revelar como un dos sectores máis dinámicos da cultura galega. Ao longo dos últimos anos, unha escena vizosa está a cristalizar nunha constelación de grupos, discos, libros, concertos, vídeos musicais ou espectáculos aos que non lles falta público. Facemos repaso do panorama dun sector que conta con importantes antecedentes no noso país e que amosa un prometedor futuro.

Orixes da explosión
Malia a que non é ata o último lustro cando podemos falar dunha explosión da canción para cativos en galego, non cabe dúbida que a escena actual bebe de fontes claras. Por unha banda, está a indiscutible experiencia de Mamá Cabra, uns pioneiros aínda en activo que lanzaron no ano 2000 o seu primeiro traballo discográfico, Cantos rodados, no que xa apostaban polo formato libro-CD. Antes deles, existiron aínda que con menos eco experiencias discográficas puntuais como Migallas (que tamén continúan en marcha) e o seu Canta connosco, de 1996.

Un repaso pola evolución e situación das música para crianzas nesta reportaxe de 2005
Sons miúdos. A música para nenos afianza a súa presenza no noso país

Xeración Xabarín
No entanto, non cabe dúbida que o grande antecendente do actual momento musical para os máis novos foi o Xabarín Club. O programa da CRTVG amosou o potencial das cancións na nosa lingua dirixidas a este público. Temas das feituras máis variadas, en moitos casos nin sequera realizados especificamente para as crianzas, deron pé a toda unha colección de discos (a serie A cantar con Xabarín), DVDs, e mais xiras de espectáculos que puxeron banda sonora a toda unha xeración.

Reportaxe sobre o Club Xabarín con ocasión dos seus dez anos (2004)
Dez anos de porcos bravos

Cativas a cantar
Non moito tempo antes, ao longo dos anos oitenta, a experiencia Cantareliña abordou tamén este segmento de público, aínda que desde unha perspectiva diferente. Desta volta tratábase de que fosen os propios cativos os que cantasen nun certame escolar. O traballo ficou recollido en varios discos e fai parte da memoria dun grande feixe de galegos e galegas. Non foi a única iniciativa que apostou por pór os máis novos a cantar. Na altura de 2005 o proxecto Meninos Cantores, propiciado desde Ponte… nas ondas! reuniu cincocentos cativos e cativas das dúas bandas da raia para interpretar trinta e dúas pezas de música tradicional galega e portuguesa. Un proxecto que, ademais dun CD, deu pé tamén a un documental.

No carreiro marcado por esta iniciativa, a Deputación da Coruña acaba de anunciar a posta en marcha dun novo certame escolar de canción infantil. Quero cantar convoca conxuntos de todo para participar. A final dirimirase nunha gala no Teatro Colón e as dez propostas mellor clasificadas verán o seu traballo recollido nun CD colectivo.

Reportaxe sobre Meninos Cantores (2005):
Érguense voces na raia

O libro-CD
Para alén destas iniciativas, non cabe dúbida de que nos últimos anos son moitos os grupos que desenvolven a súa actividade a atender este público. A seguir unha tendencia contraria a outras parcelas da música, aquí o formato físico continúa a ser válido, e nese sentido o libro-CD, en moitos casos tamén con DVD, é o rei. Esta particularidade sitúa tamén as editoriais tradicionais como axentes destacados neste agromar, nun momento no que as discográficas non viven o seu mellor momento. O coñecemento do público, dos formatos máis acaídos para as diferentes idades ou das canles de distribución explican que sexan nomes como Galaxia, Kalandraka, OQO ou Xerais as empresas que protagonizan este fenómeno e que, ademais, actúan como dinamizadoras de diferentes eventos e espectáculos.

Reportaxe sobre o fenómeno dos libros-CD (2014)
Editoras que son discográficas

Fusión e escena
Por se fose pouco, a música para os máis novos transcende os soportes físicos e os tradicionais concertos, e está a se revelar como un tipo de creación que se presta especialmente á fusión con outras artes. Para alén do encontro coa literatura e a ilustración que se dá nos libros-CD, tamén a atender a este público están a se desenvolver novos formatos escénicos. Propostas nas que o teatro ou o circo se integran con cancións e que a miúdo contan tamén cunha edición física asociada están a se revelar como apostas firmes do noso panorama escénico.

Reportaxe sobre espectáculos musicais para os máis novos (2014)
As crianzas queren máis
Na nosa serie sobre esta cuestión, repasamos proxectos recentes e abordaremos as claves deste vizoso panorama.