Os éxitos reunidos: Sons Miúdos

O espectáculo que coordina Urdime integra os maiores hits da música para cativos

O espectáculo que coordina Urdime integra os maiores hits da música para cativos
Xa existe un grandes éxitos da música galega para crianzas. O espectáculo Sons Miúdos reúne os artistas que acaban máis eco entre este público, e fainos interpretar por xunto os temas máis destacados dos seus distintos traballos. Este novo paso amosa o xeito no que está a se consolidar a escena. Xaime López, que artellou este encontro deste a empresa Urdime, fálanos sobre a situación e o potencial do panorama sonoro para familias.



É un grandes éxitos da nosa música para crianzas, pero tamén toda unha obra musical. Sons Miúdos está a percorrer o país logo da súa exitosa estrea o pasado de mes de outubro de 2015 en Compostela, cando encheu durante dúas xornadas o Auditorio de Galicia. Vigo seguiu o pasado 2 de xaneiro, a xira, que continuou pola Coruña, con dous cheos o día 24. Ademais, o espectáculo transformouse tamén para ambientar a cabalgata de reis do día 5 en Compostela. As novas datas previstas anticipan o que pode ser todo un fenómeno.

A xestación
As orixes de Sons Miúdos están na experiencia de Urdime en festivais orientados ao público máis novo. Segundo explica Xaime López, que coordinou e deseñou o espectáculo no seo desta empresa, "somos a principal distribuidora e produtora de teatro e de espectáculos para o público miúdo. Distribuímos moitos grupos de música e ademais facemos eventos. Hai tres anos comezamos a facer na Coruña o San Xoán Pequeniño, un festival importante que dura todo o día e no que participan as principais bandas de música para cativos. O pasado ano iniciamos en Compostela a Romaría Cativa". Nos dous casos, as actuacións musicais mestúranse con teatro, circo e obradoiros. A partir desta experiencia "a Cadea SER contactounos para xestionar o espectáculo que fan cada ano para público familiar, habitualmente con compañías de fóra. En Urdime estamos moi concienciados coa lingua e dixémoslles que podíamos montar un espectáculo grande, algo que aínda non se fixera en Galicia, pero con músicos de aquí".

A selección
A aposta entón era integrar nun único espectáculo unha selección de músicos do país, dándolle unidade. "A idea era percorrer a historia da música infantil galega destes últimos 15 anos. A partir da nosa experiencia, contactamos cos músicos, non só con aqueles que nós representamos, senón cos que teñen maior éxito no sector, e todos se prestaron a participar no proxecto". Gloria Mosquera, de Mamá Cabra, Magín Blanco, Uxía, Pablo Díaz, Paco Nogueiras e Xoán Curiel compoñen a escuadra de estrelas que fan parte do especdtáculo. "Houbo un traballo de mediación cos músicos. Escollemos os cantantes de seis formacións, seleccionáronse os hits, e con músicos das súas bandas organizamos un cuarteto que interpreta os temas seleccionados". Javier Constenla, Carlos Freire, Pablo Vidal e Brais das Hortas compuxeron o Cuarteto Sons Miúdos, que "ademais de arranxar e interpretar as cancións achegan tamén ambientación musical á parte teatral do espectáculo". E é que a aposta vai para alén de ser un concerto conxunto. Sons Miúdos preséntase como un musical, cunha historia na que se van fiando os diferentes temas e que conta cunha importante presenza teatral. Montse Piñón e Pepablo Patiño, de Teatro dos Ghazafelhos corren coa parte narrativa do espectáculo. Canda a eles, o cuarteto mantense sempre en escena, os diferentes cantantes interpretan as súas cancións e ao final cantan un tema por xunto. A proposta, que mobiliza a nada menos que doce persoas sobre o escenario, non é desde logo o máis habitual nuns tempos no que o pequeno formato predomina nas artes escénicas do país.

Éxito e xira
O éxito da aposta fixo que, no canto dun día, como era habitual nas actividades da SER, a primeira xeira de Sons Miúdos enchese o Auditorio de Galicia dúas xornadas, e que aínda quedase xente fóra. Isto animou tamén a que a recente cabalgata de Reis na cidade fose protagonizada polos mesmos músicos. "Como quedara tanta xente fóra, fixémolo tamén na Praza do Obradoiro coa cabalgata. Foi un grande éxito". A maiores, o evento continua a súa xira, e logo das actuacións en Vigo e na Coruña, unha visita xa comprometida a Ourense o vindeiro 28 de febreiro e sesións previstas en Lugo e en Pontevedra. "Ao ser un espectáculo de grande formato non é sinxelo levalo polas vilas, pero queremos estar cando menos nas principais cidades. Se os concellos se comprometen a promovelo poden pasar moitos cativos polos espectáculos", lembra López.

Fica por ver aínda ata onde pode chegar esta ambiciosa proposta, e se é apenas o comezo dun novo tipo de espectáculos no noso país.