Medra a presenza internacional do audiovisual galego

As nosas produtoras visitarán este ano nove mercados internacionais

A Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba esta mañá no Salón Teatro de Compostela o seu plan 2016 para a proxección exterior do audiovisual galego co apoio do Igape e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego. O proxecto concrétase polo momento nun reforzo da presenza das nosas empresas en mercados internacionais e na renovación dos catálogos das marcas Films from Galicia e Shorts from Galicia. Deste xeito, as produtoras galegas poderán asistir este ano, con apoio da Xunta, a nove mercados internacioais de dereitos audiovisuais. O calendario arrinca este oito de febreiro co Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand e continúa entre o 11 e o 19 no European Film Market de Berlín. O MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM (todos eles en Cannes), así como o MICSUR de Bogotá e o Ventana Sur de Bos Aires son outras das citas xa habituais para o sector.

Como novidades, Agadic achegará axudas para organizar misións comerciais do Rio Content Market de Brasil e o Sunny Side of the Doc, mercado de referencia sobre documentais que se desenvolve en La Rochelle. As actividades desenvólvense co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica.

En paralelo, actualizáronse coas achegas da empresas interesadas os catálogos Films from Galicia e Shorts from Galicia, que achegan información sobre 57 producións e proxectos en desenvolvemento e encol 5 curtametraxes respectivamente. Ademais de se poder consultar na rede, canda aos catálogos desenvolvéronse tamén senllos vídeos promocionis sobre o noso audiovisual.

Na rolda de prensa Jacobo Sutil, director da AGADIC, apuntou algúns dos resultados da estratexia de internacionalización do noso audiovisual. Así, sinalou proxectos como a serie The avatars de Portocabo para Disney Europa, ou Hierro, da mesma produtora. As coproducións de Lobos Sucios, de Agallas Films ou Migas de Pan, de Xamalú, así como as vendas internacionais de Memorias de un hombre en Pijama de Ladybug, O códice e Hospital Real, de Ficción Producións, son algúns dos resultados da presenza internacional das empresas galegas do sector, do mesmo xeito que a creación de Mad Mex Filmanova, filial desta compañia galega para América Latina.