Evolución Culturgal

A transformación da Feira das Industrias Culturais é unha constante desde o seu comezo

A transformación da Feira das Industrias Culturais é unha constante desde o seu comezo
Aparentemente encarreirado, con tradición e un modelo sólido Culturgal encara a súa sétima edición. No entanto, a feira ten mudado moito, e en diferentes direccións desde o seu nacemento. De iniciativa institucional centrada no libro a evento multisectorial orientado ao público, revisamos as diferentes encarnacións deste evento.

Lonxe de seguir unha evolución crecente ou de manter un mesmo modelo desde a súa creación, a Feira Galega das Industrias Culturais sufriu, na súa aínda curta vida, diferentes convulsións e mesmo chegou a se suspender un ano. Cos sucesivos recortes orzamentarios como principais determinantes, o evento tivo que se reinventar en varias ocasións. A maiores, diferentes perspectivas desde a organización e o maior ou menor peso dos diferentes elementos que fan parte do proxecto deron tamén en variacións no xeito en que se desenvolveu cada xeira.

Os comezos
Os comezos da feira hai que buscalos na Asociación Galega de Editores, que polo 2007, ano da primeira edición, presidía Manuel Bragado. O editor, que agora ocupa a presidencia da Asociación Culturgal, sinala que o proxecto foise incubando na AGE durante preto de dous anos antes de chegar a ser unha realidade, e partía dun modelo claro. "Pensabamos en emular a Feira do libro e do disco vasco de Durango, un evento que se desenvolvese nas semanas previas a Nadal", lembra. "Tiñamos claro ademais que cumpría incorporar outros sectores e que fose un escaparate para as principais novidades que se presentasen na industria cultural". Ao seu ver, a situación actual "sen esaxeración, é un soño cumprido". Aquela primeira edición foi dirixida por Roberto Pérez, e contou cunha presenza destacada do sector do libro fronte a unha aínda tímida participación doutros ámbitos. Canda a isto, o evento contaba cunha importante pegada institucional nos 60 postos que participaron e resultou un éxito de público, con preto de 10.000 visitantes.

A edición 2007 no web de Culturgal

A nosa reportaxe sobre a primeira edición


A intervención pública
En 2008 a Consellaría de Cultura do goberno bipartito pasou a organizar o encontro en colaboración con asociacións sectoriais das industrias culturais, e delegou en Nel Vidal a dirección. Foi esta a edición da feira que contou cun maior orzamento (400.000 euros), máis días de duración (4), máis visitas (35.000 segundo cifras oficinais) e a única que non se celebrou en Pontevedra. Setenta e cinco postos amosaban unha maior variedade da creación cultural, coa presenza de 21 editoras, 14 empresas do ámbito musical e oito do audiovisual. Para alén das dimensión, esta xeira supuxo tamén unha importante evolución no propio concepto do evento. Segundo lembra Vidal, "significou a inclusión do conxunto das industrias culturais. A primeira edición, organizada pola Asociación de Editores, presentábase como Feira do Libro e das Industrias Culturais. En 2008 o reto foi incluír o audiovisual, as novas tecnoloxías ou a música", lembra o antigo director. Un labor para o que, ao seu ver, resultou clave a implicación da Consellaría de Cultura. "Asumiuse conxuntamente a organización e houbo unha aposta moi clara da Consellaría no sentido de integrar máis ámbitos. Naquel momento, o libro tiña moi clara a necesidade dun evento como este, pero houbo que convencer un pouco algúns sectores de que podía ser interesante facer algo así. Iso acabouse conseguindo, e agora os diferentes actores senten a feira como algo propio".

A edición 2008 no web de Culturgal

A pausa
Malia a estas mudanzas, quizais o ano que máis marcou a feira foi 2009, o ano no cal non se celebrou, logo de que o cambio no goberno da Xunta deixase sen orzamento público o evento. A situación levou a que os promotores da iniciativa tomasen as rédeas da organización e acordasen crear a Asociación Culturgal, que xestiona deste aquela a feira. Así, a edición de 2010 pódese considerar como unha edición de transición na que o evento se integrou nas actividades do programa Creativa, orientado á conexión das industrias culturais de Galicia e de Portugal. Para a seguinte xeira realizouse o convocatoria pública para a dirección do evento que deu no mandato de Sergio Lago canda ao equipo de NóComún, cun proxecto que marcou nunha grande medida as liñas que aínda se manteñen ata hoxe. "O feito de que se fixese unha convocatoria e se pedise un proxecto de reformulación da feira foi algo moi importante, un xeito de traballar que se fixo moi poucas veces no sector cultural galego", explica o propio Lago. A súa dirección, entre 2011 e 2012 coincidiu, malia a recortes, con tempos nos que a feira mantivo un orzamento de importancia, que roldaba os 290.000 o primeiro ano e os 250.000 o segundo. Co modelo privado de xestión a se asentar no control do evento, o equipo de Lago apostou por "abrir a feira en varios sentidos. Entendiamos que tiña que ser un evento aberto á colaboración de múltiplos axentes, entidades públicas e colectivos profesionais. Nese sentido quixemos fomentar a cultura de feira e darlle un papel protagonista a quen propuña actividades". Ademais, "un dos maiores esforzos que se fixo desde a constitución da Asociación Culturgal foi desligar a idea dunha feira institucional que tiña moita xente naquel momento".

Reportaxe sobre o Culturgal 2010

Reportaxe sobre o Culturgal 2011

Recomendacións para o Culturgal 2011

Arquivos do Culturgal 2011 no web da feira

Dosier sobre o Culturgal 2012

Arquivos da edición 2012 no web do Culturgal


As bases
Dese esa perspectiva fóronse sucedendo mudanzas, como a incorporación progresiva da gastronomía ao programa ou a aposta por unha tenda centralizada que facilitase a venda de produtos. "O reto era que Culturgal resultase útil para os diferentes actores presentes, en especial para os que venden produtos físicos. Para artes escénicas e audiovisuais o enfoque tiña que ser diferente, e quixemos incorporar programadores e profesionais dándolles unha razón para se achegar a feira e facilitando os contactos profesionais", lembra Lago. Un xiro importante que deu nesta etapa o evento foi a atención aos debates profesionais da cultura. Co nome de Foro Culturgal, respresentantes de diferentes sectores, ademais de convidados doutros países debatían durante varios días temas transversais, con mesas redondas, obradoiros e presentacións de casos. O cambio de modelo, a oportunidade dixital ou o potencial económico da cultura foron temas que se abordaron nas diferentes edicións.

Os recortes e o público
De novo os recortes orzamentarios da administración marcaron a seguinte etapa do evento. Unha redución da achega pública que deixou o proxecto en case a metade dos seus fondos levou a un importante xiro na organización. Con 120.000 euros como cifra de partida (as contas dispoñibles no web sinalan un total final de 148.220), Xosé Manuel Aldea, responsable de Ouvirmos, tomou o relevo de Lago á fronte dun evento que precisaba reinventarse para sobrevivir. E que buscou a complicidade do público e dos diferentes axentes culturais para seguir adiante. "Cando nos fixemos cargo do proxecto era un momento complicado, cun 70% menos orzamento público", lembra o actual director da feira. "Entón non quedaba outra que pedir un esforzo colectivo a expositores e público". Deste xeito, a edición de 2013 celebrouse baixo o lema de "O Culturgal da responsabilidade" e instituíu por vez primeira un pago voluntario por entrada. "Tentamos facerlle ver á poboación que este era un proceso colectivo no que as institucións tiñan o seu papel pero que non dependía só duns ou doutros". Malia aos recortes, o evento pechou as portas cunha importancia afluencia de público (máis de 14.000 visitantes, en liña con anteriores edicións) e cun intenso programa de actividades que en pouco desmerecía outros anos. Ante o éxito, a edición 2014 foi a primeira en que se estableceu o pago obrigatorio de entrada, sen que de novo isto supuxese unha mingua na afluencia. "Foi unha sorpresa a boa resposta do público, en ningún momento houbo baixada nas entradas e a xente pagaba con orgullo e con ilusión de facer parte deste proxecto colectivo. En Culturgal é certo que o público se ve como participante na feira", explica Aldea. Con este novo modelo, as contas da feira ficaron equilibradas nun 60% de achegas públicas e un 40% de privadas, o que polo momento semella garantir a viabilidade do evento. Do mesmo xeito, a orientación da feira foi centrándose en fornecer unha visita o máis completa posible aos visitantes. Nesta mesma liña estableceuse tamén o premio do público, que recoñece anualmente iniciativas destacadas da cultura do país.

Reportaxe sobre o Culturgal 2013

Recomendacións para o Culturgal 2014

Axustes
Malia a eliminar a dependencia excesiva das administracións, a feira continúa desde 2012 a se celebrar cuns orzamentos restrinxidos en comparación con eventos similares que se desenvolven noutros ámbitos, aínda que se conseguiu manter e mesmo incrementar o número de postos e de actividades. No entanto, si que ficaron fóra proxectos como o Off Culturgal ou o Foro, que pasou de ser un evento paralelo a se integrar no programa na forma de debates públicos. Mantivéronse, no entanto as xornadas formativas para profesorado iniciadas en 2012 ou encontros sectoriais artellados por colectivos como Escena Galega. Entre as últimas mudanzas, neste 2015 abórdase a desaparición da tenda centralizada. Este espazo nacera en 2011 "para diversificar a oferta e permitir a pequenas editoras e produtores vender os seus produtos máis comodamente", segundo lembra Sergio Lago. A decisión de a eliminar responde, segundo explica Aldea á "intención de lle dar máis potencia ao labor comercial dos expositores. Queremos facilitarlles que eles mesmos procuren o rendemento económico". Na mesma liña facilitóuselles a elección de postos sobre plano, a diferenza da distribución artellada polos organizadores que funcionaba ata o de agora.

As institucións
Para alén do peso no financiamento, o papel que as institucións veñen desenvolvendo na propia feira ten mudado tamén ao longo dos anos. Para alén da participación pública no orzamento total, que foi baixando en termos porcentuais e absolutos, a máis importante mudanza neste sentido foi a independencia que obtivo a organización para xestionar o evento. A evolución tamén se percibe na propia presenza institucional na feira. Se nun primeiro momento era fácil ver grandes postos ocupados por entidade públicas no evento (ata 7 stands institucionais se contaron na edición de 2008), aos poucos foi baixando esta presenza e mudou tamén o xeito no que o sector público estaba presente Así, de ser unicamente espazos de representación, nos últimos anos están a ser reinventar e achegan diferentes actividades e propostas. É o caso do stand da CRTVG, que ten animado ao público a se pór diante das cámaras, ou o do Concello de Pontevedra, que transformou o seu espazo nunha área de descanso na edición de 2014. Na mesma liña, este ano segundo lembra Aldea "a Deputación de Pontevedra cedeulle o seu espazo a concellos que queren presentar as súas iniciativas culturais".

Máis sectores
Se hai unha constante que se mantén a través das diferentes encarnacións que ten vivido o Culturgal, é o esforzo por incorporar novos sectores á feira. Para alén do esforzo temperán que lembraba Nel Vidal, con Sergio Lago, apostouse por unha maior presenza de programadores e profesionais da cultura e se integrou a gastronomía no evento. Pola súa banda, no mandato de Aldea buscáronse novos xeitos de que o Audiovisual teña presenza. "Fixemos o Maratón de Webseries e houbo presentacións, con entrada, como as de A Esmorga e Encallados", lembra o director. Canda a isto, as grandes novidades das últimas edicións foron a integración das artes plásticas ao evento e mais unha maior presenza de postos dedicados a artesanía. "A colaboración coa Deputación de Pontevedra permitiu iniciar as exposicións dedicadas ás artes plásticas. A do pasado ano foi unha sorpresa pola súa magnitude, e resultou un éxito malia a que só duraba tres días. Nesta nova edición xa ampliamos a un mes".

Futuro
"Non se trata de medrar, porque o recinto en si non oferta moitas posibilidades nese sentido", explica Aldea as súas perspectivas para a feira. "Vexo o futuro máis na xestión da marca e da afectividade que ten asociada". Como retos de cara aos vindeiros anos, tanto Bragado como el coinciden en defender a necesidade de asentar o modelo de financiamento actual e de garantir a viabilidade económica. Coinciden tamén na perspectiva de ampliar a percepción do evento como "unha feira nacional galega. Temos que conseguir que as iniciativas veñan de alén do Sur de Galicia, que participe xente da Coruña, de Lugo e de Ourense", explica Bragado. "Cómpre presentar o Culturgal no resto do país, conseguir que colla a dimensión de referente para toda Galicia", completa Aldea. Alén disto, Bragado apunta como desexo para o futuro "internacionalizar Culturgal, que cada ano puidese contar cunha cultura convidada ibérica, da lusofonía ou atlántica, que son os ámbitos que lle acaen á nosa cultura", unha liña pola que tamén aposta, desde a súa experiencia, Sergio Lago. Bragado, tamén avoga por "incorporarmos outras expresións que poida que non teñan toda a presenza que deberían, como a banda deseñada ou máis mostras de cultura dixital". O Culturgal ten aínda cara a onde medrar.