O modelo Culturgal

Unha complexa mestura de ingredientes fixo da Feira das Industrias Culturais un referente no noso país

Unha complexa mestura de ingredientes fixo da Feira das Industrias Culturais un referente no noso país
Unha experiencia para o público. Un espazo de venda. Un punto de encontro para a industria cultural. Un escaparate. Un polo de innovación. Unhas xornadas de ocio. A Feira das Industrias Culturais é moitas cousas, e non sempre é sinxelo integralas todas. A piques de comezar a súa sétima edición a vindeira fin de semana, repasamos os ingredientes que fan do Culturgal unha cita imprescindible na axenda da cultura do país.

Dicir que Culturgal é unha feira define con bastante exactitude o que se pode atopar no interior. No entanto, non cabe reducir a idea de feira aos eventos comerciais profesionais e especializados que actualmente se celebran en recintos construídos con este fin. Pola contra, cómpre pensar no concepto máis tradicional de feira, no que os intercambios económicos son apenas unha pequena parte dun evento social e cultural que leva implicado relacións sociais, gastronomía, ocio e aprendizaxe. Só que desta volta, o eixe do evento é a industria cultural galega.

As 3 dimensións
Para Manuel Bragado, presidente da Asociacion Culturgal e implicado na feira desde os seus comezos, "a feira ten tres dimensións. Unha é a de experiencia para o público familiar, tanto do ámbito infantil como daqueles que procuran produtos de consumo cultural. Nese sentido teñen moita importancia as presentacións de produtos e servizos, as conversas literarias ou os concertos. Logo ten outra dimensión que está menos presente nos medios pero que resulta vital no éxito das últimas edicións que á formativa para profesionais", sinala. Nese sentido "é moi importante que se desenvolvan no marco da feira encontros como o que ten este ano Escena Galega, que reunirá todo o sector teatral, as xornadas Firma e Filme que poñen en contacto editores e produtores da Asociación Galega de Produtoras Independentes, ou os xa tradicionais encontros entre bibliotecarios e editores". O terceiro vector, ao seu ver, é o de "punto de encontro e de intercambio, con eventos como a asemblea anual da Associaçom Galega da Língua, que hai xa varias edicións que ten lugar a coincidir co evento".

Postos e actividades
Dentro da variedade de vectores que converxen nos días da feira, non se pode esquecer que a base deste continúa a ser a comercial. "A ninguén se lle escapa que é unha feira de produto, onde a xente vai mercar. Ao ser próxima ao Nadal, tamén facilita planificar as compras, e os stands buscan rendibilidade económica e comercial, tanto en venda de produtos como en imaxe de marca", lembra Xosé Manuel Aldea, director do evento desde 2013. Do mesmo xeito, Bragado concede que "a actividade comercial é fundamental, aínda que moitas veces a facturación é indirecta". Nese sentido, as presentacións e actividades amosan unha especial importancia e danlle ocasión de facer negocio a propostas máis orientadas a contratacións do á venta directa. "Fanse presentacións de espectáculos que, aínda que non se nota moito, son contratados por concellos ou centros educativos", sinala o presidente da Asociación Culturgal.

De calquera xeito, o programa non funciona unicamente como un engado para o consumo ou como presentacións para profesionais. As actividades abertas ao público foron, sen dúbida, un dos eixes que aos poucos foron ocupando o Culturgal e que na explican o éxito da entrada de pago, instituída en 2014. Se nas primeiras edicións se anunciaban arredor dun cento de propostas deste tipo (97 en 2008, 205 en 2010), nas últimas a cifra supera as 125 (2015) ou as 150 (2013 e 2014) mesmo logo da drástica redución de orzamento do evento.

A aposta polo público
Nas últimas edicións, o evento apostou por orientarse de xeito nidio cara aos asistentes, aos que ademais está a facer corresponsables da continuidade do evento co pago de entrada. "Pasamos duns momentos históricos nos que non sabiamos se era unha feira profesional, onde non acababan de asistir aos programadores e o público tampouco atopaba o seu papel, á fórmula actual, que é a do público" explica Aldea. "Non perdemos de vista os profesionais, e estamos asentados nun modelo mixto, pero temos que traballar para os públicos, que son a razón de ser dos creadores e de toda a industria cultural". A pensar nese obxectivo, Bragado sostén que, "agora mesmo é claramente un evento que se dirixe a tres públicos. Por unha banda está o público familiar, pola outra o profesional e finalmente está o especializado, que acode cun interese concreto pola música ou as novidades editoriais".
Malia ao protagonismo que o público familiar semella estar a acadar na organización do evento, Sergio Lago, anterior director da feira, sinala que o especializado ten, no entanto, unha importancia fundamental. "Aínda que semella que o familiar está a ter máis presenza, no seu momento fixeramos unha análise do público, a atender sobre todo ao que merca, e saíra que preto do 70% eran prescriptores, persoas relacionadas coa produción cultural ou co ensino. De feito os docentes eran o colectivo que tiña máis presenza" no período no que se encargou de dirixir o evento, entre 2011 e 2012.

A feira como experiencia
Fronte á visita a un espazo no que ollar os postos e mercar algún produto, a feira preséntase hoxe unha experiencia total, que permite botar unha fin de semana enteira a acceder a actividades de ocio, música, espectáculos, presentacións, debates e mesmo gastronomía. Deste xeito, o encontro transformouse para unha grande maioría dos seus visitantes nun xeito de ocio en si mesmo, coa cultura do país como eixe. Neste sentido se enmarca a aposta por un público a familiar disposto a pagar por acceder ao evento. Lago reivindica que as bases deste concepto veñen xa da súa etapa. "Quixemos ofertar unha experiencia que permitise pasar todo o día na feira, que o tempo de asistencia fose longo. Viñamos dunha etapa de eventos deste tipo no que a xente entraba, daba unha volta e marchaba, e non queriamos iso". A introdución de elementos como a gastronomía ou un deseño coidadoso da programación procuraban facilitar a visita. Co tempo, a aposta foise completando coa atención a espazos e actividades para diferentes públicos. Segundo sinala Aldea, nesta altura "a xente acode ao culturgal non independentemente no que se programe, pero si a saber que vai atopar cousas novas, que ao mellor non chegan á súa localidade. Desde a organización esforzámonos moito por ter un bos estándares de calidade e de servizo". Na liña de mellorar a experiencia están propostas como a integración crecente de propostas gastronómicas no evento, con opcións de menús de calidade para os asistentes, do mesmo xeito que a creación de espazos adaptados para a lactancia e o descanso ou mesmo a xestión do tráfico nas proximidades do recinto. Na edición deste ano, como novidades, haberá tamén servizo de gardarroupa, unha ambulancia medicalizada e unha nova área de xogos para os máis novos. Outra mellora no mesmo sentido será o redeseño que espazo de circulación interior sofre neste 2015 ou as medidas, longamente reclamadas, para evitar interferencias acústicas entre actos simultáneos. Na atención a diversidade hai xa varios anos que o evento conta con tradución para linguaxe de signos, entre outras medidas.

Encontro
Non cabe dúbida que un dos roles do Culturgal é o de punto de encontro, tanto a nivel profesional como de afeccionados. Tamén esta función variou ao longo dos anos, e de ter espazos específicos para o debate e os acordos entre profesionais no programa Foro Culturgal, nas últimas edicións gañou peso o formato de presentacións e debates abertos, nos que o interese da industria se combina co do público. Para alén das sesións máis programadas, a facilidade de atopar xente do mundo da cultura no evento supón tamén un atractivo para moitos visitantes. "Nós notamos moito o momento de ilusión colectiva que se xerou desde o Culturgal", explica Sergio Lago. "Non é só compartir novidades, senón tamén afecto. Os anos en que diriximos o evento foron moi duros para a cultura, e este era un dos poucos momentos de alegría colectiva para o sector".

Autonomía e descentralización
A autonomía na organización do evento é, segundo remarca Bragado, fundamental no xeito de artellar a feira. "Temos un modelo de xestión estritamente privado. Na Asociación Culturgal están representadas seis asociacións profesionais e contratamos equipos de xestores culturais para organizar o evento", explica. Deste xeito, malia a que o 60% do financiamento é polo de agora público, a organización conta cunha importante dose de independencia. "Penso que é un modelo de xestión para outros eventos, contamos coa colaboración de administracións de diferente cor política e sabemos que temos que nos corresponsabilizar, e desenvolve reste modelo de xestión", explica. A incidir na independencia coa que se xestiona o encontro, Aldea sinala que "O modelo de xestión e o equilibrio no financiamento público-privado é unha garantía de futuro. Superamos a grande dependencia que había dos orzamentos públicos, e hoxe as achegas de empresas, expositores, público e artistas teñen moito que ver no orzamento global da feira". Lago lembra que na súa etapa "tentamos que se percibise como unha feira de todos e de todas, e aos poucos a xente puido sentir que estaba nunha casa común. Penso que ese é o maior logro dos últimos anos". Así, unha das características do Culturgal hoxe é a descentralización nas propostas de actividades, que corren na súa maioría a cargo das entidades que contratan stands.

Punto de referencia
Mostra do éxito da feira é o feito de que se converteu nun evento fundamental para a presentación dos lanzamentos de diferentes sectores. Libros, discos, espectáculos e outros proxectos agardan por estas datas para ser dar a coñecer publicamente. Así, a pegada da feira chegou a modificar os calendarios de presentacións de editoras e de empresas do sector. "Culturgal é unha das poucas marcas culturais que hoxe en día ten unha grande aceptación no país, cunha forte carga positiva e que xera afinidade. Isto vai para alén do traballo que poidamos facer os equipos directivos, é un patrimonio común que cómpre preservar e pór en valor", explica Aldea. Para Bragado nesta situación desempeñou un papel fundamental a concreción dunhas datas fixas e dunha localización estable. "Desde a organización apostamos pola estabilidade da feira en Pontevedra para crear unha tradición", un proxecto para o que contaron co apoio fundamental do Concello e das Administracións. "Pensamos que é moi importante que todos os sectores teñamos presente que existe unha posibilidade fixa para presentar produtos, atoparse con outros socios ou simplemente ter a oportunidade de nos ver e reflexionar o que queremos", lembra. Aldea recoñece que "resulta moi difícil na cultura galega estabilizar unha feira cunha data, unha cidade e unha marca, e véxoo hoxe como, se non o maior, un dos maiores eventos culturais de referencia no país".

Xerar tendencias
En relación a esta posición de preeminencia que o evento ocupa no panorama cultural galego, está a se desenvolver o influxo de Culturgal como espazo xerador de tendencias. Segundo lembra Aldea "vemos que comezamos hai tres anos o maratón de webseries e que agora comezan a aparecer eventos nesa liña. Ou o feito de que o Culturgal foi dos primeiros eventos en pór o punto de atencións nos bebés, e que despois xurdiron festivais e propostas para este público". A partir desta experiencia, "dámonos conta de que somos capaces de crear novos formatos na cultura e de atraer a atención sobre novos proxectos". Así pois, a actual directiva aposta por promover esa capacidade xeradora da feira. Nesa liña, o pasado ano organizouse, ao abeiro do evento, o encontro entre Caxade e a Banda de Música de Bandeira, o que deu pé a un DVD que se presenta na nova edición. "Queremos apostar, para o espectáculo central, por algo que só se poida facer alí. O pasado ano fixemos esa mestura. Este ano tamén temos unha proposta de produción propia, un espectáculo dirixido por Quico Cadaval que quere devolverlle o protagonismo á palabra". Con só sete edicións ás costas, fica aínda por ver a influencia real que pode estar a ter o Culturgal nos xeitos de entender, de consumir e de crearmos cultura.