O galego Isaac Xubín leva o I Premio de Tradución Etxepare-Laboral Kutxa

O galardón vasco recoñeceu o seu traballo na tradución dos poemas de Joseba Sarrionandia

A tradución ao galego da antoloxía Tempo de exilio de Joseba Sarrionandia, valeulle a Isaac Xubín facerse co I Premio de Tradución Etxepare-Laboral Kutxa, que convoca o instituto vasco Instituto Vasco Etxepare. O poemario está publicado por Faktoría K na súa colección Tambo e contou coa colaboración do propio autor para a selección dos textos. O premio está dotado de 4.000 euros que se repartirán entre o tradutor e a editora. O xurado recoñeceu este traballo entre os catorce presentados a atender que é unha tradución directa do euskera, así como o feito de se tratar un texto poético, a súa calidade e o percorrido de Xubín e mais da editorial.