A Xunta inicia as labores de recuperación do Castro de Baroña

Diferentes liñas de investimento permitirán a rehabilitación de monumentos

Turgalicia
Turgalicia
O xacemento arqueolóxico do Castro de Baroña constitúe a principal seña de identidade do municipio sonense, tanto a nivel turístico como cultural, e hai uns días a Xunta iniciou os labores de recuperación e posta en valor do castro, cun investimento de preto de 72.000 euros. Tamén, pero con cargo aos Fondos Feder, anúncianse as licitacións para a rehabilitación de diversos edificios e, nesta liña, o Consorcio de Santiago destinará máis dun millón de euros a restaurar monumentos emblemáticos da cidade.

Estes traballos abranguen o acondicionamento e consolidación das estruturas da muralla e do recinto principal, no seu sector Norte, co fin de evitar posibles derrubas e previr eventuais danos estruturais ou persoais. Os labores realizados están ofrecendo xa unha importante información sobre a evolución construtiva deste asentamento. O conselleiro de Cultura Román Rodríguez sinalou que "son achados moi reveladores, que permiten descubrir a que é a muralla orixinal, labores aos que seguirán novas fases de escavación e, finalmente, de consolidación".
Este enclave dá cultura castrexa foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de zona arqueolóxica en 2011 e é un dos xacementos máis visitados de Galicia.

Fondos Feder
Con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa Feder Galicia 2007-2013, a Consellería de Cultura anuncia as licitacións do contrato de obras de reparación e remate do Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz da Guarda (Pontevedra) así como o de restauración da igrexa de Santo Tomé do Castelo no Incio (Lugo).

Consorcio de Santiago
Pola súa banda, o Consorcio de Santiago destinará este ano máis dun millón de euros a rehabilitar e restaurar monumentos e edificios emblemáticos da cidade dentro do Programa de Monumentos do Consorcio. Entre estas novas intervencións proponse actuar no Teatro Principal, onde se renovará o corpo do escenario; no Museo do Pobo Galego, na Casa da Troia, e no edificio da Fundación Gonzalo Torrente Ballester onde se farán traballos para erradicar as filtracións da auga da chuvia.

O Consorcio de Santiago propón actuar tamén no conxunto conventual de San Martiño Pinario, en particular nas cubertas e no ciborio e no convento de San Paio de Antealtares para eliminar as goteiras do aleiro. Ademais, o Consorcio intervirá, como xa estaba previsto, na rehabilitación doutros monumentos e na restauración de diversos bens da cidade.