O plan do galego na industria prioriza a conexión coa lusofonía

Román Rodríguez presentou onte o proxecto no Parlamento

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

A industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e o comercio son as principais áreas ás que se dirixe o Plan de Dinamización da lingua galega no tecido económico. O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaba onte o texto inicial deste proxecto na Comisión Cuarta de Eduación e Cultura do Parlamento.

En total, segundo adiantou, o documento comtempla un total de 71 actuacións entre aquelas que se dirixen a todas as empresas e as que se orientan a "áreas concretas de especial interese". Rodríguez deixou claro que a nivel estratéxico o plan incide en que “o galego é unha oportunidade que nos conecta con novos espazos e novos mercados, nomeadamente cos mercados emerxentes de fala portuguesa coma os do Brasil ou Angola”. Ademais dos ámbitos xa mentados, o plan prevé tamén accións en hostalería e restauración, industria alimentaria, entidades intermedias como xestorías, asesorías ou inmobiliarias ou axencias de publicidade.

Segundo adiantou, o obxectivo final deste plan é "incrementar a presenza do uso do galego no ámbito económico e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade", así como acadar que "o sector recoñeza que a adopción do galego como lingua representa un valor engadido nas relacións empresariais e comerciais".

O conselleiro insistiu en que o documento que se presentou onte é unha proposta inicial que se quere debater con institucións, grupos políticos e colectivos sociais. Desde a oposición criticouse que os parlamentarios non dispuxesen unha copia do texto con anterioridade á celebración da comisión.

A proposta que presentou Rodríguez insírese no marco do desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. O Consello da Cultura e a Real Academia Galega recibiron o pasado sábado o texto deste plan como parte do proceso diálogo que abriu a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Que che parece esta nova?
60 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Román Rodríguez, Lusofonía, Lingua galega, Política Lingüística...