O Día do Orgullo Gai enche Galicia de actos lúdicos e reivindicativos

Con orgullo

Vinteoito de xuño, Día do Orgullo Gai. Como cada ano, colectivos homosexuais de toda Galicia organizan diversas actividades para reivindicar a igualdade coas parellas heterosexuais e en contra da homofobia. Ás conferencias e manifestacións súmanse festas, proxeccións de cine, xogos e xornadas de convivencia. Concellos coma o de Ferrol e o de Ourense xa amosaron o seu apoio ás reivindicacións deste colectivo, e o consistorio da Cidade das Burgas lucirá hoxe a bandeira coas cores do arco da vella, símbolo do movemento homosexual.


Conferencias, premios, festas...


Xa a pasada semana comezaron os actos reivindicativos coa celebración en Vigo a II Semana de Orgullo Lesbigai organizada pola asociación Legais. Os actos da semana remataron con concesión do premio Legais, que recaeu nesta edición no poeta Antom Fortes pola reivindicación do homoerotismo que realiza no seu poemario "Figuras masculinas de medio corpo". En Santiago, os actos que organiza o Colectivo Gai de Compostela comezaron o pasado martes cunha conferencia sobre "A problemática xurídica das parellas de feito". Onte fíxose un repaso do movemento sufraxista en España e para hoxe está prevista a proxección de varias curtametraxes de temática homosexual. Mañá celebrarase o xa tradicional campionato de Mari-brilé na Carballeira da Santa Susana. Na Coruña, a asociación Milhomes remitiu onte un manifesto no que reivindica a "solidariedade cunha comunidade que ó longo da historia sufriu e aínda hoxe sofre situacións de discriminación e violencia". A este manifesto xa se adheriron diferentes colectivos e institucións coma o Concello de Ferrol. De xeito semellante, o Concello de Ourense colocará hoxe na súa fachada a bandeira do arco da vella, e na mesma cidade as mocidades do PP reivindicarán unha lei de Parellas de Feito axeitada para os homosexuais.












Actos para a fin de semana


Para o sábado está prevista a Marcha Unitaria que convocan todas asociacións gais e lésbicas de Galicia. Partirá da compostelá praza do Toural ás oito e media da tarde, e a continuación haberá unha "Papadela" na Praza dos Irmáns Gómez, onde se poderán degustar diferentes pratos. No mesmo lugar e a partir das dez e media celebrarase unha festa con actuacións e drag-queens e "música super-petarda". A organización agarda que a participación na marcha supere as cento cincuenta persoas que asisitiron o pasado ano.