Os Fenómenos triunfa nos Premios Mestre Mateo

Éxito da XIII edición dos galardóns do audiovisual galego

Os Fenómenos, cun total de 4 premios, triunfa na XIII Edición dos Premios Mestre Mateo, uns galardóns que recoñecen as mellores producións do audiovisual galego e premian o traballo dos profesionais máis destacados do sector. Un total de 111 obras que se estrearon en 2014 optaron a estes galardóns, das que once son longametraxes, con tres de animación, dezasete documentais, cinco series, sete series web, vinte programas de televisión, dezaoito curtametraxes, dezaseis anuncios publicitarios e dezasete videoclips.


Os Fenómenos, de Alfonso Zarauza, acadou catro dos premios máis importantes da gala como o de Mellor Guión, Mellor Longametraxe, Mellor Dirección e Mellor Interpretación Feminina de Reparto.

1. Mellor longametraxe: Os Fenómenos / de Zircocine, Maruxiña Film Company e TVG



A mellor longametraxe de animación foi Maimiño, de Ficción Producións, TVG, TVE e Estudos de Animación Icaic. Trátase dunha versión libre de José Martí do conto de Pulgarcito.

2. Mellor longametraxe de Animación: Maimiño, de Ficción Producciones, TVG, TVE e Estudios de Animación ICAIC



Maimiño conta a historia duna pequeno mozo que para sacar a súa familia da pobreza inicia unha longa viaxe chea de aventuras que lle levarán a topar a princesa dos seus soños.

3. Mellor documental: Angrois no esquecemento, de Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes

O Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes viu premiado o seu documental Angrois non esquecemento, que dedicou ás vítimas do accidente e reivindicou a petición dos familiares de que se faga xustiza e se busque a verdade.



4. Mellor Serie de TV: Serramoura, de Voz Audiovisual para TVG

Serramoura, a serie producida por Voz Audiovisual e que emite a TVG, logrou o premio Mestre Mateo á mellor serie televisiva. Deste xeito, a Academia Galega do Audiovisual recoñece a calidade do thriller rural ambientado no sector madeireiro e que logrou excelentes resultados de audiencia. Esta serie, que conta co respaldo masivo do público galego e un intenso movemento nas redes sociais, prepara xa a súa segunda tempada.


5. Mellor Serie Web: El Método sueco, de Porco Bravú

A comedia en formato web El Método Sueco resultou co galardón do Mestre Mateo á Mellor Serie Web. O seu equipo reivindicou o papel motor dos máis novos no audiovisual galego e salientaron a gran cantidade de webseries que se fan en Galicia con moita ilusión e poucos medios.



6.Anuncio publicitario: Alarma, xa é Nadal, de Algarabía Animación



7.Mellor Videoclip: Garden's Road, de Miss Movies (Juan Galiñanes e Olga Osorio)



Entre outros galardóns destacan o recibido pola curtametraxe Unary, de Elena Olivares, Nacho Caballero, en coprodución con Píxel Films e o o informativo cultural Zigzag Diario de TVG acadaron sendos recoñecementos destes premios nos que o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, evocou os cambios destes catro anos e augurou que quedan moitos retos por vir nun sector "cultural, social e económico necesario".