A Fundación Casares consolida os seus proxectos cando se fai un ano da morte do seu inspirador

Fundando Casares

Era en setembro do 2002 cando saía á luz un proxecto aínda incipiente. A Fundación Carlos Casares botaba a andar oficialmente só seis meses despois da morte do escritor, con moitas ilusións e ideas. No primeiro cabodano de Casares esta institución amosa unha intensa actividade de homenaxes e os seus primeiros traballos por lle dar continuidade á obra do seu inspirador.

Os últimos doce meses foron de honras. Ademais de comezar a organizarse, a Fundación Casares tivo traballo abondo colaborando nas abondosas homenaxes que o escritor ourensán recibiu por toda a nosa xeografía, homenaxes que se multiplican segundo se achega a data do seu primeiro cabodano. Deste xeito a fundación colaborou con actos como o celebrado aínda en febreiro do 2003 polo Club Faro de Vigo, a presentación do monográfico sobre Casares da “Revista de Estudios Miñoranos”, o ou nomeamento de Casares como Fillo Predilecto da Provincia de Ourense. O día 6 de marzo a fundación estará representada na presentación de “Carlos Casares. O conto da vida”, libro editado por “La Voz de Galicia”, e só dous días despois no acto que celebra o Consello da Cultura Galega en homenaxe ao que fora o seu presidente. O nove de marzo a Fundación lembrará o escritor cunha ofrenda floral cemiterio de San Fiz, en Nigrán. As homenaxes continuarán en Compostela o catorce en colaboración co PEN Clube e a Universidade de Santiago. O 21 unha mesa redonda en Ribadavia, o 25 outra homenaxe en Vigo... as lembranzas non paran.




Localizada

Unha das maiores necesidades que tivo a Fundación desde o seu comezo foi un local no que centralizar a súa actividade. Este problema verase resolto o vindeiro día dezaoito de marzo, data na que está previsto que se inaugure a sede desta entidade, un local duns 240 metros cadrados situado no número trinta e seis da rúa viguesa de Elduayen. Segundo o director da fundación, Damián Villalaín, “desde aquí levarase a actividade cotiá da fundación e servirá para as reunións do padroado e da Comisión Executiva, para os traballos dos seminarios que porá en marcha da fundación e mesmo para algúns actos públicos”. É vontade da familia Casares que a biblioteca persoal do escritor pase a formar parte do patrimonio da Fundación, pero a directiva ten claro que “esta é unha sede provisional, e as cuestións relativas ao legado bibliotecario de Casares como a exposición permanente de obxectos e coleccións persoais terá unha solución definitiva cando haxa unha sede definitiva”. Polo de agora a Fundación está desenvolvendo conversas con entidades coma o Concello de Vigo para dispor dunha sede permanente en poucos anos.



As persoas de Casares

A Fundación está rexida por un padroado de vinteún membros dos que cinco son familiares directos de Carlos Casares (a súa esposa Kristina Berg, os seus fillos Håkan e Xabier e os seus dous irmáns Xabier e Mercedes Casares). Dez membros máis representan institucións e empresas vencelladas co finado e coas que colaborou durante a súa vida. O Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura, a Real Academia Galega, os Concellos de Vigo e de Ourense, Caixa Galicia, Caixanova, o Grupo Voz, a editorial Galaxia e a Fundación Penzol terán cadanseu membro nesta entidade. Hai aínda outros seis postos que se cobren por designación directa da presidencia e que están ocupados actualmente por destacados amigos de Casares como son Damián Villalaín, Darío Villanueva, Manuel Rivas, Manuel Rodríguez Vázquez, Manuel Rodríguez Álvarez, Xosé María Fonseca Moretón. De entre todos estes escóllese unha directiva que na actualidade preside Kristina Berg, viúva de Carlos Casares. Como vicepresidente está o fillo do escritor, Xabier Casares, mentres o seu irmán Håkan é coordinador da fundación. Damián Villalaín ocupa o cargo de director co apoio de Xosé María Fonseca como administrador e de Manuel Rodríguez Álvarez e Manuel Rodríguez Vázquez coma vocais.



Animar á lectura

Nos poucos meses que pasaron desde o nacemento da Fundación xa se deu a coñecer unha destas iniciativas, o Seminario Permanente de Animación á lectura. Este proxecto pretende ser unha plataforma continua de formación para que os profesores saiban como achegar aos máis pequenos a afección á lectura, “unha área na que están desasistidos e sen orientación”, segundo sinala o director da Fundación Casares. Polo de agora están a realizarse diferentes xuntanzas con colectivos de ensinantes e desde a directiva agardan “que o proxecto dea resultados xa a finais deste curso”.



Organización

“A fundación non quere limitarse a ser unha entidade que sobreviva dun xeito inerte como lle ocorre a outras fundacións. A filosofía que impregna esta entidade é desenvolver o legado de Casares, non só o literario senón tamén o cívico e cultural”, sinala Villalaín. Para isto constituíronse seccións coma “Carlos Casares, o home e o escritor”, que desenvolverá actividades coma encontros e conferencias sobre o homenaxeado ademais de promover o coñecemento da súa obra e a adaptación desta a diferentes soportes. Outra das seccións, chamada “Acción Cívica” promoverá, seguindo o exemplo de Casares, espacios de debate e promoverá proxectos para o país desde os principios do galeguismo transversal. Outro dos campos que se coidarán desde a Fundación é o do diálogo intercultural, cunha sección que tentará “darlle continuidade á rede de relacións internacionais que tiña Casares con outros mundos culturais fóra do galego”. Deste xeito buscarase a creación de intercambios fluídos e estables con outras culturas, prestando especial atención ás ibéricas. Como non podía ser menos a normalización lingüística e cultural do país, así como o mundo editorial, a literatura e outras artes que se desenvolven en Galicia son o obxecto de traballo da sección de Lingua e Cultura Galega. Finalmente, existe unha sección dedicada á publicación que abranguerá desde o traballo na páxina web da fundación ata a posible publicación dunha revista.



Comezar o camiño

Para o día dezaoito e coincidindo coa inauguración da sede, celebrarase a reunión do padroado na que se presentará o plan de actuación da fundación. Nese encontro agárdase concretar os primeiros prazos e proxectos que se van desenvolver, ao tempo que comezará a busca de fontes de financiamento para desenvolvelas. Aínda sen adiantar ningunha das propostas, o director da fundación recoñece que “a edición das obras completas é un obxectivo a medio prazo e está aí”. Aínda é moito o traballo por facer.