Henrique Torreiro gaña o premio Ourense de Banda Deseñada

Alicia Jaraba e Cristián Fojón impuxéronse no Certame Benito Losada de BD

O Premio Ourense de Banda Deseñada, que recoñece cada ano o traballo dunha persoa ou entidade a prol da novena arte no noso país, foi para Henrique Torreiro. Este crítico e dinamizador viu valorado así a súa longa traxectoria de máis de vinte anos desde o colectivo Phanzynex e a organización das propias Xornadas de Ourense ata o seu labor como divulgador, dentro do cal desdenvolve a súa columna de opinión en Culturagalega.org.

En paralelo, déronse a coñecer os gañadores da III Edición do Certame Benito Losada de Banda Deseñada. Alicia Jaraba impúxose na categoría de maiores de 17 anos coa obra Ad libitum. Na mesma categoría Diego Blanco quedou en segundo posto, mentres nos menores de 17 anos impúxose Cristián Fojón e Ismael López Arias obtivo unha mención de honra.