As webseries van de festa

Comeza o Carballo Interplay, o primeiro festival do Estado dedicado ás series por Internet

Desde hoxe e ata o vindeiro 27 de abril, Carballo será a capital das webseries do estado. O festival Carballo Interplay nace a apostar forte por esta forma de audiovisual, que conta cada vez con máis adeptos pero que enfronta aínda a necesidade de atopar un modelo de negocio. Sen achegar grandes estreas, o evento nace a amosar unha nutrida presenza de traballos galegos. Sonia Mëndez, directora do festival, fálanos máis sobre o proxecto.

Unha peculiariade que debe enfrontar un festival de webseries é que non conta, polo xeral, co atractivo de producións inéditas para animar ao público a acudir. Tratándose de traballos que se distribúen en liña, na maior parte dos casos calquera persoa pode ver as series íntegras desde a súa propia casa. Ante isto, a organización recoñece que cómpre desenvolver propostas alternativas para convencer a xente de que participe. Segundo sinala Sonia Méndez, directora do evento e coprotagonista da webserie Angélica y Roberta. “Nun festival no que os contidos se emiten por Internet hai que ofertar outras actividades. Non pretendemos só que se proxecten e se premien as webseries, senón crear un punto de relación, debate e encontro entre creadores e público”.

Estreas e propostas
O programa, non entanto, conta con algunha estrea destacada, como e o último capítulo da recoñecida serei Malviviendo. “É unha estrea mundial que se presenta por vez primeira nun festival”. Dous dos creadores deste proxecto, David Sáinz e Teresa Segura, participan no encontro e actúan ademais como padriños do festival. Canda a esta produción, poderán verse un total de 35 series a concurso e dúas máis na sección paralela, cun total de 10 proxectos galegos no programa.

Popularidade relativa
Malia á relativa popularidade que nos últimos anos está a acadar o formato, Méndez apunta que fica aínda moito campo para dar a coñecer estas producións. “Aínda que o material está na rede, ao igual que hoxe acontece coas curtametraxes, moita xente non sabe o que é unha webserie. Entón no festival o público vai atopar un produto audiovisual que a miúdo recoñece. Nós, ao proxectalo nun auditorio, queremos axudar a que se comparte esa experiencia e contribuír á difusión deste concepto”.

Cita necesaria
Desde a súa experiencia coa serie Angélica y Roberta, Méndez e mais o equipo que participa na organización do festival, apunta que tiñan claro desde hai tempo a necesidade de desenvolver unha cita específica dedicada a esta forma de audiovisual. “Fomos vendo que no resto do mundo hai un lote de festivais, pero en España aínda non existía ningún”. Unha certa casualidade no contacto co Concello de Carballo e o interese desta entidade por integrar o audiovisual na súa axenda cultural facilitou que a proposta virase real. “Desde o Concello tiñan moitas ganas de facer algún proxecto de carácter audiovisual, e propuxemos o festival de webseries como algo potente e anovador, único a nivel estatal. E desde o primeiro momento confiaron no proxecto e puxémonos a traballar nel”. Para alén da curiosidade do público en xeral, a cita está a conseguir un importante eco no sector das webseries de todo o Estado. “Tiñan ganas de algo así e todo o mundo está a colaborar moito, tanto para participar como á hora de difundir o proxecto”.

Nivel galego
Esta primeira edición conta con oito webseries feitas en Galicia na sección oficial e outras dúas que participan na sección paralela. Segundo apunta a directora, o nivel das producións do país neste campo “está á altura do que se fai no Estado. Hai xeries moi boas e cada vez hai máis a facelas. Hai que pensar que á última edición dos Mestre Mateo concorreron nove webseries, só unha menos das que se presentaban ao premio á mellor serie de televisión”.

Rendibilidades
Malia á popularidade que acadan algunhas destas producións, con milleiros de visitas e repercusión mediática, está aínda por ver a rendibilidade do formato. “É unha problemática común a moitos ámbitos do audiovisual, como vivir disto ou cando menos monetarizar os traballos”. No entanto, a directora apunta que en xeral “non se fan cartos” con estes traballos. “Ao igual que coas curtas e moitas veces mesmo coas longametraxes, o retorno é máis a visibilidade dos creadores e do seu traballo, que pode atraer propostas profesionais.”

Modelos de negocio
A atender estas cuestión, que Méndez recoñece “están na axenda da xente que fai as webseries”, o festival aborda unha master class, encontros e actividades encol das diferentes opcións de tirar rendemento económico destas producións. “Penso que ata o de momento faltaba nos comunicar en persoa para ver como podemos face neste sentido. Isto é algo que palia este festival” asegura. Entre as fórmulas que se están a manexar na busca de certa rendibilidade para estes proxectos, “hai xente que fai webseries directamente en colaboración con marcas comerciais, están a se crear plataformas de distribucións como a de Freaklances Project, que participarán no festival, ou está a opción de se facer partners de Youtube”, enumera.

Formatos e outros futuros
Mesmo a contar coas webseries como bandeira, o Carballo Interplay nace cunha clara vocación de apertura a novos formatos. “Temos claro que falamos tamén de contidos transmedia. Hai novas narrativas que xorden por Internet pero tamén existe un novo xeito de consumir pola banda dos espectadores, e de todo isto queremos falar”. Segundo aidanta a directora, o interese por estas novas formas perfílase como unha das liñas de futuro do festival. “Imos ver como vai esta edición, e se hai máis, temos claro que queremos seguir o que se via facendo. Nun ano poden aparecer e mudar moitas cousas, e estamos abertos a acoller novos contidos. Logo recibimos moitas webseries fóra de prazo á que nos gustaría darlle cabida, e o ideal para nós sería o que o festival se poida facer internacional”, apunta.
Dosier do Carballo Interplay.