O Museo do Pobo Galego leva o Pedrón de Ouro 2014

A arqueóloga Teresa Soeiro foi recoñecida co Pedrón de Honra

O padroado da Fundación Pedrón de Ouro acordou outorgarlle o seu galardón anual ao Museo do Pobo Galego "polo seu compromiso co patrimonio histórico-antropolóxico". Cando se cumpren 50 anos destes galardóns que recoñecen o traballo a prol da cultura do país, a entidade decidiu tamén outorgalle o premio Pedrón de Honra á arqueóloga portuguesa Teresa Soeiro, en recoñecemento ao seu traballo para o coñecemento de Galicia e do Norte de Portugal como unidade histórica e cultural. Os galardóns entregaranse o vindeiro 18 de maio nun acto literario na Casa da Matanza, en Padrón, que moderará Xosé Luís Méndez Ferrín.

A Fundación Pedrón de Ouro sinalou que pretende vincular os 50 anos dos seus galardóns cos 25 aniversario do pasamento de Xaquín Lorenzo Xocas, membro da entidade e un dos principais impulsores do Museo do Pobo.