O museo das películas

O Centro Galego de Artes de Imaxe leva anos a ser a referencia na recuperación de patrimonio audiovisual

Para alén de dixitalizar e difundir, a recuperación de filmes implica outros traballos. O Centro Galego de Artes da Imaxe posúe unha ampla experiencia neste campo e contribuíu a descubrir algunhas das grandes xoias da nosa filmografía histórica. O seu director, Guillermo Escrigas, explícanos as peculiaridades e dificultades deste legado. Concluímos con esta reportaxe a nosa serie dedicada ao patrimonio audiovisual.

Creado en 1991, o Centro Galego de Artes da Imaxe naceu coa función, entre outras, de atesourar e recuperar o noso patrimonio cinematográfico. O seu labor de depósito das producións audiovisuais que se fan no país levou a que a institución atesoure xa máis de 3.000 producións. No campo da restauración e localización de filmes antigos, o Centro leva anos a desenvolver un labor fundamental que permitiu que fitos da nosa cinematografía descoñecidos visen a luz e estean hoxe a disposición do público. O Centro "atende a todo o que se poida entender como cinema galego, xa sexa rodado en Galicia, por profesionais galegos, na nosa lingua ou con produtora de aquí", explica Guillermo Escrigas, o seu director e abrangue tanto producións profesionais como de afeccionados.

O traballo particular
O director do centro amosa o seu apoio a propostas de recuperación privadas que que, como o Proxecto Socheo ou a Agrupación Cinematográfica Galega, traballan para dixitalizar e difundir filmes antigos e domésticos. "O importante é que a xente se decate de que é importante conservar isto, de que se trata dun patrimonio, e todo o que sexa recuperar é bo". Ao seu ver, no entanto, o papel do CGAI é fundamental á hora de asegurar a conservación deste material e a continuidade no labor de arquivo. "Hai iniciativas pequenas que se manteñen con moito voluntarismo, pero se nalgún momento iso falla, ou non hai cartos, ese material pódese perder. Pola nosa experiencia, as cousas acaban recalando aquí", sinala, "a xente confía nun arquivo público e somos moi respectuosos cos dereitos". E é que, ao seu ver, un grande problema que ten traballar con fondos deste tipo é a xestión dos dereitos das filmacións privadas. "As imaxes son de quen as filma, non todas se poden pór en público sen máis", explica.

Traballos de restauración
Ademais de garantir esa continuidade, o Centro é fundamental á hora de abordar tarefas que propostas privadas non poden abranguer, como é a conservación dos filmes orixinais. "Non se trata só de dixitalizar. Cómpre tamén limpar, adaptar e restaurar os filmes, que pola súa propia composición química tenden a se degradar co tempo". Para isto o CGAI conta con instalacións axeitadas, que inclúen refrixeradores con control do grado de humidade, e mais con técnicos que poden devolverlle calidade a unha película degradada. O equipamento tamén permite traballar con tipos de película para os cales non existen polo xeral aparellos dispoñibles. "Por exemplo, o formato 9mm e medio, que xa non se fabrica e que ten o buratos no medio da película, é moi raro", e algo similar acontece cos negativos de 8mm e medio, 16 e 35, xa profesionais e que esixen unha maquinaria axeitada para os reproducir e procesar.

Máis valor
En xeral, para Escrigas a situación do noso legado audiovisual tende a mellorar. "Sobre todo a xente vaise dando conta de que cómpre conservar ese material. Antes tiñan as latas de película na casa, e ao non ter con qué velas, acabábanas tirando. Agora, pola contra, vemos que se incrementan as solicitudes para que dixitalizemos ese material. Hai máis oferta do que noutras épocas". Encol das posibilidades que achegan esas filmacións domésticas, o director do CGAI advirte que "hai moitas vodas, bautizos e comuñóns, entón hai que ver moitas horas para atopar algo que resulte de interese. Ao mellor no medio dunha destas filmacións aparece un desfile ou un testemuño particular". Canda ao maior interese dos propietarios, as posibilidades técnicas actuais son un factor fundamental para explicar a mudanza na situación deste patrimonio. "Antes só se podía contar co cinema e coa televisión, agora existen todos os soportes dixitais que facilitan a difusión". Canda a isto, o propio proceso de tirar copias dos filmes "é moi sinxelo hoxe en día".

Comezos cinema en Galicia
Malia a que pode semellar que o cinema non tivo unha entrada temperá na sociedade galega, existen rexistros que verifican que 1897, só un ano despois da presentación pública do invento dos Lumiére, se desenvolveron filmacións en Galicia, máis concretamente a botadura dun barco en Ferrol e unha gravación dun enterro realizada polo fotógrafo Sellier na Coruña. Máis tarde, nos anos 30 e 40, foron abondosos os casos de fotógrafos que incorporaron a filmación aos seus negocios. Segundo explica Escrigas "raro era o que non tiña un tomavistas, adaptáronse ao que lles pedía a xente e foron facendo pequenas reportaxes". Un material que agora vai aparecendo e do o centro conserva algúns legados.

Particularidades fílmicas
Dentro do noso patrimonio audiovisual, o director do CGAI salienta varias peculiaridades. Entre elas, as filmacións que se realizaban para lles enviar aos colectivos de emigrantes. "Xa desde os anos 20 se enviaban desde aquí películas que amosaban o que facía cos cartos que enviaban, xa fosen camiños ou escolas". Tamén ao contrario, existe toda unha serie de filmacións nas que se lles amosa aos galegos o xeito de vida dos seus compatriotas emigrados. "Sempre aparecía a parte positiva da emigración. Chegaron a se crear produtoras para este tipo de traballos, non era algo de afeccionados". Canda a estes, Escrigas apunta como parte do noso patrimonio fílmico as películas chamadas "de galegos", consistentes en comedias protagonizadas por un personaxe tópico do noso país. "Ás veces tiñan un ton despectivo, pero ao final o galego sempre saía coa súa. Era un tipo de xénero que se desenvolveu moito entre os anos 40 e 60, con personaxes como Xan das Bolas". Canda a este, apunta a existencia de series como a protagonizada pola criada Cándida en Sudamérica. "Non existe, por exemplo, un xénero cinematográfico baseado no tópico de Castela", lembra. Dentro do noso patrimonio, destaca tamén o feito de que o grande produtor do cinema estatal dos anos 50 e 60, Cesáreo González, era galego. "En moitos dos filmes, mesmo sen ter temática galega, metía elementos do país", explica. Como outra curiosidade, apunta que entre os fondos da institución están conservadas filmacións realizadas por grande compañías de diferentes ramos. "As industrias potentes facían filmes publicitarios ou mesmo para as aseguradoras". Así, material procedente de Fenosa ou da conserveira Massó intégranse neste arquivo.

Exemplos e fitos
Entre as doazóns de importancia que recibiron máis recentemente, Escrigas destaca os fondos de José Bellver, un maxistrado que entre os anos 20 e 40 realizou unha grande cantidade de filmacións nas que aparecen distintas paisaxes ou momentos históricos. O material, conservado pola familia do maxistrado, serviulle de base a Xes Chapela para elaborar o documental Milímetros. "Facía un traballo con pretensións, recolle cousas como as tascas dos anos 20 ou un zeppelin a pasar por Pontevedra". Do traballo que ten feito o CGAI neste campo, o director da entidade destaca a recuperación da primeira película galega con argumento, Miss Ledya, na que aparecía Castelao. Canda a esta, apunta "a recuperación de todas a pequenas películas da emigración que estamos a recuperar continuamente" ou a descuberta, nun arquivo ruso, da metraxe perdida do filme Galicia de Carlos Velo, entre outros fitos.

A importancia do cinema antigo
Encol da importancia que ten este material, Escrigas destaca "o seu valor histórico. Neste caso verifícase que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Por exemplo, na película La casa de la Troya dos anos vinte, que recuperamos, poden verse edificios, mercados ou lavadoiros que hoxe xa non existen en Compostela ou observar como se vestía a xente. E logo está o cinema documental, que ten un grande valor etnográfico", asegura.

Retos
Como retos pendentes para a institución, o director sinala que lle gustaría "que aparecesen os primeiros filmes galegos, aínda que é moi difícil pola propia conservación e a antigüidade do material". Canda a isto alerta da necesidade de atender a conservación de pezas relativamente recentes, mesmo sendo producións profesionais. "Existen filmes de hai só trinta ou corenta anos que corren risco de se perder. Por exemplo da adaptación de Volvoreta, de Wenceslao Fernández Flórez, non queda unha copia decente, todas as que existen son nefastas".