10 lugares imprescindibles para visitar en San Cibrán de Las

Este sábado abre o agardado parque de interpretación da cultura castrexa

Lansbrica, o nome galaico do castro coñecido como San Cibrán de Lás, está de actualidade. Tras moitos anos de espera, este sábado abrirá ao público o Parque da Cultura Castrexa e o seu centro de interpretación. Nesta pequena reportaxe queremos repasar algúns dos elementos que fan singular ao meirande castro de Galicia.

A monumental cidade galaica de San Cibrán de Lás é un exemplo singular dentro do mundo galaico. Fundada no século III a.C., a súa cronoloxía estenderase por época romana. Aquí recomendamos dez dos mellores restos arqueolóxicos que se poden atopar neste lugar.



1.Portas de acceso no Oeste
Nada mellor que comezar a visita admirando a monumentalidade das portas de acceso de Lansbrica. A cidade ten portas de acceso no recinto amurallado alomenos no oeste e no leste, e estas portas son características das grandes cidades da Idade do Ferro. Dous torreóns protexen o acceso.

2. Alxibe oeste
A xestión da auga nunha cidade con tanta poboación como Lansbrica (estímanse máis de 2.000 persoas, unha barbaridade para a época) debía ser bastante complexa, así que a cidade está dotada de mecanismos de abastecemento público. Este alxibe oeste aínda preserva auga. Como curiosidade, foi descuberto o día que se declarou a II Guerra Mundial.

3. A gran rúa occidental
O deseño urbanístico de Lansbrica é radial. A partir do recinto comunitario e sacral delimitado pola croa superior, parten unha serie de amplas rúas que nos dan conta de que os galaicos, no momento da fundación da cidade, no século III a.C., dispuñan dunha noción moi sofisticada do urbanismo. As vivendas dispóñense a ambos lados da rúa e están estruturadas por lotes de similar tamaño. Moi importante: a cultura popular tende a asociar 1 estrutura cunha familia, pero sabemos que non é así. Aínda que as unidades familiares galaicas sonnos bastante descoñecidas, cada familia mantiña varias dependencias que se usaban de forma especializada.

4. Ronda superior
Dentro da planificación urbanística de Lansbrica, chama especialmente a atención o espazo regular que media entre a muralla superior da croa a os barrios habitados. Como se pode observar, a muralla castrexa dispón dunha especie de peralte ou avance previo e a partir de aí, un amplo espazo que permite rodeala sen andar esquivando vivendas. Todo isto contradi a visión habitual dos castros como espazos cun urbanismo caótico.

5. Porta oeste da croa
Aliñada astronomicamente coa posta de sol durante o inverno, a porta está construída para limitar o acceso dos carros ao recinto. É de destacar que as dúas portas localizadas ata o momento no recinto dispoñen de corpos de garda.

6. A invocación a Xúpiter
A croa de Lansbrica é sen dúbida o recinto máis enigmático da cidade. Pénsase que é un espazo de usos sacrais e/ comunais, a xulgar por dous motivos: a escasa presenza de edificacións no interior desta croa (que tería ela soa o tamaño de moitos castros galaicos), e determinados materiais (esculturas femininas) e inscricións. Os materiais escritos aparecidos na croa levaron a pensar aos investigadores que nesta cidade chegaro a convivir tres linguas. Hoxe pódese ver un in situ. Nunha rocha preto da muralla consérvase a seguinte inscrición: IOVI (A Xúpiter).

7. O alxibe sur.
Saíndo da croa e explorando a muralla sur, pódese chegar ao alxibe descuberto máis recentemente. Este fermoso exemplo de alxibe obrigou a unha formulación máis complexa dos lenzos de muralla nesta área.

8. A porta leste
A porta leste de Lansbrica permítenos apreciar o interior das murallas e os sistemas defensivos. Desde as numerosas escaleiras existentes para acceder ao paseo de ronda ata os amplos corpos de garda no que se protexían os vixiantes da cidade.

9. A rúa oriental
Moi similar á rúa occidental, permite coñecer a última zona escavada no castro e apreciar e recoñecer no terreo as estruturas que aínda non foron exhumadas

10. Plataforma singular
Unha das estruturas máis enigmáticas que se poden atopar en Lansbrica é esta estraña "base de cruceiro", delimitada nas proximidades do acceso Leste á croa. A súa utilidade é unha incógnita, malia ter sido investigada e desmontada para tentar comprender a súa funcionalidade.