Jacobo Sutil: “Prefiro a concorrencia competitiva no apoio da administración ao sector”

O financiamento e a internacionalización son os obxetivos do sector audiovisual

Rodaxe de <i>Invasor</i>
Rodaxe de Invasor
Non será ata 2014 cando realmente se poida apreciar a xestión de Jacobo Sutil á fronte da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este 2013 será para dialogar co sector, coñecer as súas demandas e instrumentar políticas. Mentres tanto, no sector audiovisual seguirá na mesma liña con algunha corrección nas bases de axudas e manter todas as liñas que existían no pasado aínda que sexan con importes baixos. De momento, coa integración do Centro Galego de Artes da Imaxe baixo o seu paraugas e o nomeamento de Dolores Meijomín á fronte do departamento de política audiovisual, o sector xa ten o esqueleto institucional para recuperar músculo.

A administración ten múltiples fórmulas para apoiar, amparar e instrumentar políticas públicas. De todas elas, cales son as vías coas que Jacobo Sutil pretende apoiar ao sector?
Dependerá do tipo de apoio. Nos procesos de asistencia a feiras do sector audiovisual farase unha delegación. Con todo, para min a fórmula de traballo é a concorrencia competitiva. Trato de eliminar a discrecionalidade e a miña intención é que todo o o mundo acceda por concorrencia competitiva. O exemplo máis claro será para o sector audiovisual, que en 2014 terá unha convocatoria de axudas a festivais de cine por concorrencia competitiva.

¿Vai haber un plan específico para o sector audiovisual?
O mesmo comentei para o caso das artes escénicas, haberá un plan plurianual de xestión que abranguerá a todas as áreas.

O CGAI acaba de integrarse en AGADIC ¿isto supón cambios neste organismo: sede, organismos, persoal…?
O Centro Galego de Artes da Imaxe seguirá en Coruña e non virá para a Cidade da Cultura. En realidade non vexo mal a descentralización. O CGAI está na Coruña desde a súa creación e aínda así presta servizo a toda Galicia. Con respecto aos estatutos da Agadic para a súa integración, non son unha cousa pechada e a medida que sexan necesarios modificalos así se fará. Guillermo Escrigas é o director, así seguirá e dependerá da AGADIC que dirixo eu. O que si é certo, que agora me implicarei máis persoalmente nas actividades que faga o CGAI.

E con isto damos por concluído o capítulo da unificación nun único departamento das competencias do sector?
Cadra ben dentro do plan de gañar en eficiencia. Todas as armas que ten a Administración han de remar coordinadas na mesma dirección.


TODAS AS ARMAS QUE TEN A ADMINISTRACIÓN HAN DE REMAR COORDINADAS NA MESMA DIRECCIÓN

(No momento de facer esta entrevista aínda non se celebrara o consello reitor que ratificaba a Dolores Meijomín como coordinadora do sector audiovisual) Cando se resolverá esa praza?
Non está resolta pero está a piques. Tentamos que a persoa que ocupe a praza sexa idóneo, ou sexa, que se trate dunha persoa que coñeza o sector e que teña unha visión clara do que hai que facer.

¿Por que non se nomea cunha designación directa en lugar de facer un concurso de méritos tan aberto?
Porque non se pode.

Pasando as políticas concretas, que convocatorias de axudas se van convocar neste ano 2013?
Haberá liñas de axudas a produción, talento (xa convocadas por importe de 66.000 euros) integra tamén guión e curtas e estamos estudando a posibilidade de desenvolvemento, pero non é seguro. Este ano non se convocarán axudas a produtos interactivos.

HABERÁ AXUDAS DE PRODUCIÓN, TALENTO (QUE INTEGRA GUIÓN E CURTAS) E ESTAMOS ESTUDANDO A POSIBILIDADE DAS DE DESENVOLVEMENTO

E con que importes?
As cifras van baixar porque os orzamentos dos que dispoñemos son máis baixos. En todo caso, gustaríame que cando se publiquen as ordes se entenda na clave do apoio, de que nos parece importante manter a continuidade.

Cal será a liña política da política audiovisual da Xunta: apostase polos grandes produtos ou polo audiovisual autóctono?
Imos apoiar proxectos que se fagan. Estamos nunha época con recursos limitados e non podemos apoiar proxectos que non van saír. Ao mesmo tempo, tamén é importante que os nosos produtos saian fóra. Non teñen porque ser producións de cinco millóns, pero non imos esquecer películas que hai xente que o fai moi ben e que o vende en Galicia dunha forma estupenda, como pode ser, entre moitos outros, Ignacio Vilar. É incrible a súa forma de vender. En todo caso serán un dous ou produtos deste modelo que, salvo en casos específicos, non temos un mercado suficientemente grande en Galicia para que a demanda acolla toda a produción. Temos que facer produtos, longametraxes ou series de televisión que poidamos vender fóra.


ESTAMOS NUNHA ÉPOCA CON RECURSOS LIMITADOS E NON PODEMOS APOIAR PROXECTOS AUDIOVISUAIS QUE NON VAN SAÍR


E que se refire con proxectos que se fagan?
Si, si, teñen que se proxectos que sexan moi sólidos e que teñan vías fundamentadas de poder levarse adiante.

¿Hai produtoras que renuncian ás subvencións?
Hai produtoras que renuncian á subvención e se non cumpren as condicións da subvención que se lle outorgaron si que se lle reclaman os cartos. E a xente os devolve.

Sabedes os motivos?
Principalmente por falta de financiamento porque esperaban firmar algún contrato que non se concreta. Nestes anos pasados as condicións económicas, cando se iniciou a película eran unhas e cando a foron facer resultaron ser outras. E por iso vexo importante a parte de desenvolvemento.

Sempre cinema era a a macropodutora creada no ano 2007 para financiar superproducións ¿segue en marcha?
Iso xa non existe

¿Cal é a relación entre a Agadic e a CRTVG, ¿sería posible un acordo-marco entre elas para que as películas que se produzan se poidan ver na televisión pública?
Desde Agadic temos moi boa relación coa CRTVG, de feito foi unha das primeiras xuntanzas desde que tomei posesión do meu posto. Pretendo estar o máis coordinado posible con eles porque son o instrumento público que visibiliza a produción que nós apoiamos. De momento a súa presenza está aí, nas comisións de avaliación das subvencións.

Falaba antes tamén da importancia da Internacionalización? ¿Cómo se vai concretar no futuro?
A internacionalización vaina levar só Agadic cos orzamentos de agadic. A partir de 2014 o IGAPE non fará transferencia de capital para este fin. Con todo,non era unha partida que non fose asumible por Agadic, xa que rondaba os 120.000 euros nos últimos tempos. Con todo, buscaremos outras vías de financiamentos en empresas privadas. As empresas ás veces non teñen o músculo financeiro necesario e precisan do apoio da administración para asistir a este tipo de encontros.


A PARTIR DE 2014 O IGAPE NON FARÁ TRANSFERENCIA DE CAPITAL PARA INTERNACIONALIZACIÓN, ESE IMPORTE ASUMIRAO A AGADIC


Os cines pechan, e como falabamos antes, o cine galego ten un problema de visibilidade, que solucións teñen encima da mesa?
Con respecto a exhibición estamos deseñando unha rede galega de cinemas. Aínda que o proxecto está sen remtar, a idea é que dependerán dos programadores do concellos, responsables directos ante o público. Está por definir aínda quen elaborará o catálogo de películas. Será unha cita de pagamento porque penso, como na cultura en xeral, que non debe de ser de balde.

Na súa comparencia parlamentaria tamén falou de reactivar o programa “Audiovisual nas aulas”?
O certo é que está en marcha pero aínda non está pechado, pero será organizado por nós nunha fórmula que asemella ao programa que xa existía (en referencia a iniciativa que desenvolveu durante anos o Consorcio Audiovisual de Galicia).