
Os cantares dos Cantares, video
Edición de EAF Producións
Rosalía é unha das poetas máis musicadas. Mesmo desde pouco tempo despois do seu pasamento, os concursos musicais de composición comezan a incluir poemas seus como asunto obrigado nas súas bases. Nesta peza proxectada na exposición sobre unha mesa, póñense en audición unha escolla de pezas de variado estilo, do lied ao rap, do merengue á canción, que queren dar unha idea da extraordinaria popularidade da obra de Rosalía, mesmo até hoxe en día.
A familia de Rosalía
Reunimos neste video gran parte das imaxes fotográficas que se conservan da familia de Rosalía de castro. As imaxes, que están da man da RAG, son delicadas de conservación e pensamos en facer un vídeo a partir desa marabillosa estampa dunha foto familiar e ir iluminando un por un os personaxes desa familia e amosar esas personaxes ao longo do tempo.
Rosalía e Murguía tentaron facer da familia unha factoría cultural. Ovidio encarreirouse á pintura, pero non chegou a cumprir os trinta anos, cando comezaba xa a iluminar a paisaxe galega. Alejandra, a máis vella dos cinco irmáns, coida dos pequenos e da nai doente, pero ensina a debuxar a Ovidio, corrixe probas e mesmo realiza deseños para o seu pai. Gala, xa na súa senectude, transmite o legado familiar e dá testemuña participando nos actos rosalianos que son xa unha verdadeira resistencia cultural ao franquismo. En 1963, aos noventa e un anos, Gala recibe aos académicos no primeiro Día das Letras Galegas, cando se cumpre o centenario de Cantares gallegos
Retrato fotográfico de Rosalía por Luis Sellier
Peza da Real Academia Galega
É o único retrato feito na madurez, tirado arredor de 1880 polo pioneiro da fotografía Luis Sellier, francés afincado na Coruña e irmán de José Sellier, que roda o primeiro filme coñecido no territorio do estado español.
A difusión deste retrato condicionou a recepción da obra da escritora. En el gesto, en la inclinación de la cabeza, Azorín viu un sentimiento suave, de resignación y conformidad con el espectáculo del mundo... Nada máis lonxe da vida e da obra desta muller.
Retrato de Rosalía de Castro pintado por Modesto Brocos
Velaquí o retrato dunha muller intelectual galega que olla ao espectador con serenidade e firmeza. Non é un retrato edulcorado, Brocos non pinta por encomenda, retrata á súa amiga, á súa igual. Segundo o testemuño da súa filla Alejandra, Modesto Brocos pintou esta obra nas Torres da Hermida de Lestrove en 1880, onde Rosalía reside acollida polo seu curmán José Hermida. Brocos viaxou a Lestrove en tres ocasións e despois da morte de Rosalía aínda quixo retocar o cadro, segundo lle anuncia a Murguía na carta de pésame polo pasamento da escritora.
Retrato ficticio por Antonio Portela
Reprodución por cortesía da Fototeca do IPCE
Non é unha foto de Rosalía por máis que sexa a súa imaxe máis coñecida. Segundo o deseñador Lois Rodríguez, que estudou a obra, a sinutura de Antonio Portela e o ano 1902, aparecen sobre o ombro dereito da figura. Portela, debuxante e fotógrafo rexionalista de convicción, reconstrúe a face totalmente, parte do retrato de Sellier e conserva o parecido, pero actúa coma un cirurxán plástico, engadindo pómulos, aumentando beizos, e ampliando o sorriso. Para rematar, inventa unha indumentaria de poeta romántico e presenta a figura como líder dun pobo. O mito está configurado, pero a peza orixinal está perdida. A imaxe aquí reproducida está tirada dunha placa fotográfica tirada en 1936 en Madrid. A imaxe acadaría a categoría de autenticidade ao ser reproducida nas obras completas da escritora, editadas en 1944 por Victoriano García Martí en Aguilar. Será a imaxe que apareza nos billetes de 500 pesetas editados en 1979.
Os pais do país. Butaca de Rosalía e cadeira do presidente da Real Academia Galega
Pezas da Deputación da Coruña e da Real Academia Galega
Móstranse aquí a butaca da sala de estar de Rosalía, conservada pola súa familia até a súa última residencia na rúa San Agostiño da Coruña, e a cadeira do presidente da Real Academia Galega, ocupada por Manuel Murguía entre 1906, ano da fundación da institución, e 1923, ano do seu pasamento.
Do esforzo intelectual de Rosalía o de Murguía xorde a Galicia contemporánea, o país que somos. Se el sinala o pobo galego como suxeito político, ela conforma a lingua galega como signo e símbolo do país. Ela foi entronizada por sucesivas xeracións como o paradigma da cultura galega, el consegue fundar a Real Academia Galega, a institución xurdida con vontade de se constituir como a autoridade cultural do universo galaico.
Relicario de Rosalía de Castro
Peza da Real Academia Galega
Dentro do espazo da exposición dedicado ao proceso de mitificación da escritora, ocupa un lugar senlleiro unha caixiña de veludo vermello, con testa de vidro, que contén un guecho de pelo de Rosalía e pétalos de flores secas, que foron do ramo mortuorio que as súas fillas puxeron nas mans da finada. Non sabemos con exactitude cando foron recollidas as reliquias, se no momento do seu pasamento, en 1885, ou ao abrir o seu cadaleito, no traslado dos seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres, en 1891. As súas fillas, en especial Gala, que morreu en 1964, foron dosificando o reparto de reliquias, en especial entre os representantes da emigración que acudiron constantemente a render os seus respectos á última descendente de Rosalía.



