O futuro comeza aquí

A formación académica e os novos proxectos marcan unha nova xeración na escena galega

Son novos e non tan novísimos, pero constitúen parte da renovación da escena galega. Sobre as táboas, dirixindo, escribindo ou deseñando espazos… hainos en todas e cada unha das disciplinas que esixe a creación escénica. Comparten, ademais da súa xuventude e as ganas de facer cousas, unha sólida formación académica regrada. Son os novos rostros do teatro.





DIEGO G. VALEIRAS
A escenografía do posible



EVA SOUTO
É...Ela





Hai un fío común que os une a todos eles. Chámase a Escola Superior de Arte Dramática, centro de ensino encargado de darlle coñecementos teóricos e prácticos do que é a escena galega. Ao mesmo tempo tamén cumpre o papel de preparalos intelectualmente para o presente no que lles tocará desenvolver as súas tarefas creativas. Roberto Pascual, xefe de estudos da ESAD e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, coñéceos desde esa doble perspectiva académica e profesional, e destaca que outros denominadores comúns desa nova xeración se aprecian na “renovación estética e temática e ás veces na escolla estética”.

Pascual define esa nova fornada “en estudantes que amplían o seu estudos no posgrado ou mesmo con residencias no estranxeixo ou con formación específica en numerosas actividades”. Para o xefe de estudos da escola “son unha especie de mediadores, non só na tradución de textos senón tamén nas propostas escénicas”.

A ESAD como motor
“O papel que cumpre a ESAD é a posibilidade de ter unha formación regrada e que pretende ser integral en cada unha das especialidades: dramaturxia, interpretación e produción” pero Pascual destaca que tamén se enfoca desde un punto de vista práctico. “En cuarto promóvese desde a organización académica na escola, unha integración co que se atopará na vida real e que ademais lle vai permitir ao alumno sair da Escola cun espectáculo debaixo do brazo”.

Roberto Pascual é consciente do momento de crise que lle toca vivir a esta xeración. Pero considera que “crise significa cambio e haberá un cambio de modelo”. Na súa opinión a azouteza da súa xuventude e a autoconfianza do seu nivel “van facer que sexa un volcán escénico porque teñen a enerxía, a prepración e han de aproveitar este momento de crise”.