Máis ALT que nunca

O ALT desafia a crise cunha programación asentada na idea de manipular a realidade

<i>Happy end</i> de Voadora abre a 12 edición do Festival ALT
Happy end de Voadora abre a 12 edición do Festival ALT
Son as crises as que axudan a reinventarse a buscar novas vías e suponen un acicate para a creatividade. E só así se explica que un festival, que chegou a superar os 70.000 euros de orzamento e hoxe ten 20.000, inaugure unha sección para apoiar aos artistas a facer os seus proxectos. É o ALT-Procrea que nace dentro dun festival ALT que cumpre 12 anos exhibindo en Vigo o máis innovador e alternativo das artes escénicas.

“É unha edición moito máis curta, onte todo está moito máis condensado, pero fiel á súa idea de sempre de traer o que están a facer os creadores, a día de hoxe e como se reubican dentro dos contextos que lles toca vivir” explica Lola Correa, directora e promotora desta cita no marco da asociación Noescafé teatro. A redución foi un hándicap porque “este ano foi moi grande xa pasamos de 42.000 euros en 2012 a 20.000 nesta edición, pero cremos que é unha forma de positivar a xente tanto artistas como público que nos levan seguindo”. Na súa opinión era necesario “non deixar caer os proxectos e todas as partes acordamos facer moito esforzo para seguir, axustando cachés, buscando outras colaboracións e poder seguir adiante”. E sobre todo porque “en Vigo os proxectos nunca se acababan por consolidar e agora nós xa levamos doce anos”.

Todo ese esforzo nótase en dúas bandas. Dun lado, na calidade e variedade do programa e, do outro, nunha nova sección dedicada a tutelar aos artistas no seu proceso creativo.

Exhibir
Son oito os proxectos que conforman a programación desta 12 edición do festival Alt. “Hai moitos unipersoais ou de grupos moi reducidos como son os de Voadora con Happy End, e logo o está o de KarlaKracht&Andres Beladie que case fan unha película en directo, xunto co proxecto de David Espinosa que fai a súá “Gran obra” pero en miniatura” explica Lola Correa. Son traballos recentes, nos que se amosa unha certa tendencia por abaratar en custe pero non en calidade que os propios artistas adaptan e dramaturxian.

No fondo, explica Lola, “case todos os espectáculos falan da manipulación, da manipulación entendida como o manexo do creador e o uso e a transformación da realidade”. Hai unha idea de reflexionar sobre a manipulación do ser humano xogando coa realidade e coa ficción.

Hai outra constante nestes anos do Alt que é a necesidade de revisar os clásicos desde unha óptica contemporánea. Nesta ocasión dúas obras de Shakespeare, dunha banda o Julieta Unplugged& Ofelia o la inteligencia de las flores en versión danza-teatro; da outra, Hamlet Post Scriptum, unha versión que chega desde as illas canarias.
En colaboración co Institut Français chega Popcorn Machine da compañía francesa My!Laika, premiado co Jeues Talents Cirque 2010 e que estivo nos escenarios do Festival Crec e de Avignon. “Xoga coa idea de circo tradicional, levado a un contexto novo cunha dramaturxia innovadora que mestura malabares, humor e moitas máis técnicas” resume Lola Correa.

E crear
“En 2012 pensamos que a exhibición debería achegar algo máis a públicos e creadores” explica Roberto Taboada, coordinador do Alt, e foi así como daquela intención inicial se foi concretando un proxecto que pretende acompañar aos traballos e aos seus creadores en todos os proxectos. “Ofrecemos recursos económicos e a nosa experiencia de 12 anos aos colaboradores que se integren no ALT-procrea”. Nesta primeira edición son catro os artistas que elaboran os seus proxectos no marco do Festival ALT. Son Nuria Sotelo (Silencio, por favor), Mercé de Rande (Saíndo das tebras por treboada), Estela Lloves(Doce apertas para cre(c)er) e Diego Anido (Symon Pédricri).
Todos eles exhibirán unha pequena mostra dos seus traballos, que están a día de hoxe en proceso, no marco dunha sesión de Showcase este venres 8 de marzo. É no marco do III Ciclo de Mulleres Creadoras que promove o Departamento de Igualdade da Universidade de Vigo.

De momento son traballos en proxecto, inconclusos, que os artistas están a desenvolver co apoio do ALT. “O ideal sería que unha vez que os espectáculos estean finalizados poder facer unha extensión do festival para que o público, que agora ve unha mostra, poida ver como queda o proxecto” explica Lola Correa. Será o financiamento o que permitirá ou impedirá este proxecto.

Programa da 12 edición do Festival ALT.
Ligazóns