A fonda pegada do historiador

O éxito do simposio que organizou o Consello da Cultura amosa a vixencia na obra de Serafín Moralejo

A visión que hoxe temos sobre a Galicia Medieval ou a importancia que Camiño de Santiago posúe na nosa cultura débense nunha moi grande medida ao traballo dun home. Serafín Moralejo, catedrático de historia da arte e un dos maiores especialistas mundiais no románico, deixou unha importante pegada no país. O Consello da Cultura Galega lembraba o pasado venres a súa influencia cun simposio.

Novos camiños para o estudo da cultura e a arte. Simposio en memoria de Serafín Moralejo foi o título co que o Consello da Cultura celebraba, o pasado venres un encontro para lembrar o traballo deste catedrático de historia. Máis de 150 entusiastas asistentes, que ata o último momento estiveron solicitando a súa inscrición, participaron no evento. “A nivel de público foi todo un éxito. Hai que pensar que nun primeiro momento ía facerse na sede do Consello, pero houbo tantas solicitudes que tivemos que o trasladar ao CGAC”, lembra Manuel Castiñeiras, un dos coordinadores do evento.

Lembranza
A expectación estaba xustificada. Moralejo falecía en 2011 logo dun longo retiro do ámbito académico e dunha sobresaínte carreira que o levou a ser catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard, primeiro español en ser contratado por este centro. Considerado un dos máis importantes especialistas en arte románica do mundo e un fondo transformador da nosa concepción do Medioevo, este simposio é unha das primeiras homenaxes que o profesor recibía logo da súa morte. “A nosa perspectiva era falar dun profesor da Universidade de Santiago que hai máis de quince anos que non está presente na vida académica. E vimos que a proposta xerou moitísimo interese” lembra Castiñeiras, quen ademais salienta a variedade dos participantes. “Por unha banda, había xente que o coñeceu e que foron alumnos del, pero pola outra veu moito público novo que hoxe estuda a arte medieval galega e europea a partir do que el dixo, persoas que sabían do seu nome e querían coñecer máis”. Incide nesta variedade Rocío Sánchez Ameijeiras, outra das coordinadoras do encontro. “Alí viuse a multidisciplinaridade do seu traballo. Había xente de Latín, de Historia ou de filoloxía, el era capaz de integrar todas estas disciplinas”.

Autoridade intelectual
“Era un intelectual e un pensador. Aínda que moitas das súas análises sobre a función da arte e o papel o artista, ou a interacción da arte coa sociedade, se centraban na Idade Media, na realidade van moi para alén e poderían aplicarse ao día de hoxe”, lembra Castiñeiras. “Ao comezo pensamos en manter o adxectivo `medieval´ no título do encontro, pero decatámonos de que as súas propostas chegan moito máis lonxe”. Outro dos coordinadores do encontro, Francisco Prado Vilar, apunta como se deixa sentir a ausencia do catedrático no panorama académico. “Moralejo lembra o que debe ser a figura de autoridade nunha disciplina, que hoxe se bota en falta en moitos ámbitos profesionais, e vese no país. Falta a autoridade que proporcionaban figuras coma a súa. Hoxe moita xente dedícase a facer refritos do seu traballo e por desgraza moitos coñéceno a través desas reelaboración. Sería necesario voltar aos seus artigos orixinais e comprobar a súa calidade e a súa riqueza”.

A Compostela de Moralejo
Fóra de ámbitos estritamente académicos, un dos campos de investigación de Moralejo que máis impacto tivo sobre a nosa sociedade foi a súa reinterpretación da Compostela medieval e do Camiño de Santiago. “Os estudos de Moralejo mudaron completamente a historia da Catedral de Santiago, e isto fíxose extensible ao Camiño de Santiago. No seu momento considerábase un tema moi vencellado ao ámbito relixioso, e el converteuno nun tema de estudo desde a perspectiva da modernidade. Recuperou a idea do Camiño como unha grande empresa e apuntou a intensa actividade que supuxo para a península dese o século XI”, lembra Castiñeiras. Canda a isto “avanzou a idea do Camiño como conexión con Europa e no mesmo sentido destacou como grazas a el, Santiago se puxo á cabeza da arte románica europea”. Outras ideas que hoxe están inseridas na nosa cultura, como é a idea dunha Idade de Ouro de Galicia durante na Idade Media tamén saíron en boa medida da súa pluma. “El dicía que o momento dourado do país fora no século XII, que Galicia estaba entón na primeira liña do mundo. E por iso resultaba moi importante estudar esta época, Santiago convertíase así nun lugar privilexiado para analizar o mundo medieval, xa non só pola Catedral ou polas cantigas, senón por crónicas como a Historia Compostelana”, sinala este historiador da arte.

A base intelectual do patrimonio
Estes traballos foron o sustento intelectual do fenómeno Xacobeo que tanto marcou a cultura do noso país desde finais dos anos 80. “Había unha serie de intelectuais, entre eles Moralejo, que estaban moi polo labor de conseguir o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade para Compostela. Houbo tamén, como non, un interese político”. Ao seu ver, “desde a declaración do Casco Histórico de Santiago como Patrimonio da Humanidade”, en 1985 “ata a celebración do Xacobeo en 1993” co que coincidiu o recoñecemento da UNESCO para ao Camiño de Santiago, “dáse todo un proceso no que el participa”, explica Castiñeiras. O traballo do historiador da arte neste punto puido verse na súa colaboración en proxectos tan ambiciosos como a exposición Santiago Camiño de Europa, do 93, sobre a que o arquitecto Iago Seara disertou como un exemplo de patrimonialización cultural e identitaria. “Daquela editárase un catálago de 500 ou 600 páxinas que era unha obra monumental, o problema é que hoxe está esgotado e é imposible de atopar”, lembra Castiñeiras. Moralejo estivo tamén, por exemplo, detrás a recuperación do Ordo Prophetarum, drama litúrxico medieval que durante anos se representou na Catedral de Santiago. “Realizouse a partir de teorías súas durante varios anos, pero deixouse de representar”.

Multidisciplinar
Como xa comentamos, malia a que o traballo de Moralejo se concentrou no campo da Historia da Arte, a súa influencia deixouse sentir en diferentes ámbitos da nosa cultura. “O que se viu neste encontro, a partir dos relatorios que se presentaron, é que foi un personaxe totalmente polifacético. Comprobamos que non produciu un tipo concreto de alumno, senón que deu pé a perfís moi diversos, desde o mundo da arte na antigüidade e a súa percepción, á análise da recepción da arte medieval na época contemporánea”, explica Castiñeiras. Pola súa banda, Francisco Prado salienta que “abriu unha grande amplitude de camiños, tanto no románico como no gótico, a escultura ou a iluminación de manuscritos. Foi fundamental a súa descuberta de toda a evolución estilística da escultura medieval en diálogo coa escultura clásica”. E salienta a capacidade do homenaxeado para “ser mentor de estudantes no lugar de crear clons de si mesmo. Todos os que tivemos relación directa con el polo doutoramento ou investigación somos moi diferentes, con distintas personalidades e xeitos de facer Historia da Arte. Como un reflexo da riqueza da súa personalidade, permitiunos desenvolver a propia visión de cada un”. Sánchez Ameijeiras, pola súa banda, salienta que “cómpre pasar o testemuño da excelencia e da calidade, que teña netos académicos. Logo hai tamén moitas cousas inéditas que deberían facerse públicas. No propio simposio atopamos xente que ten gravadas conferencias que non foron publicadas. Canda a isto, Prado destaca a extraordinaria calidade do homenaxeado como investigador. “Impúñase un estándares moi altos tanto nas súas publicacións como na docencia, isto fai que cada un dos seus artigos continúe a ser unha peza viva que abre vías para novos traballos, non ha ningún malo. Isto algo que cómpre reivindicar hoxe, cando moitas revistas deixan pasar artigos que non achegan nada novo”.

Como ámbitos pendentes na reivindicación do traballo de Moralejo, Castiñeiras insiste especialmente na necesidade de reeditar os seus traballos, como o xa mentado catálogo, ou de recuperar a representación do Ordo Prophetarum. Canda a isto, de cara ao futuro salientan o interese por editar a os relatorios que se leron no recente simposio. Do mesmo xeito, Prado Vilar destaca a necesidade de reeditar a produción científica do profesor. “Os artigos merecen novas edicións con contexto e aparello crítico”.