O inédito Ben-Cho-Shey

Unha exposición en Lugo reivindica o traballo deste histórico xornalista e polígrafo

Pedagogo, xornalista, etnógrafo, arqueólogo, historiador, poeta, lingüista e político. O traballo de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey amosa unha ampla variedade de intereses e unha incesante actividade. Pero canda a todo isto, a súa figura revélase aínda máis importante grazas ao labor de divulgación e á súa condición de ponte entre o galeguismo de preguerra e grupos como Brais Pinto. O Museo de Lugo quere tirar a súa figura do esquecemento cunha exposición.

O pasado 14 de febreiro o Museo Provincial de Lugo inauguraba a exposición Ben-Cho-Shey, 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968). A mostra, que comisaría Xoán Ramiro Cuba, fai un percorrido pola vida e a obra deste galeguista. As datas escolleitas para acoutar a mostra son as da celebración na cidade da Asemblea Nacionalista, e mais o ano no que Ben-Cho-Shey declara no Tribunal de Orde Pública de Madrid a favor de tres mozos lucenses que foran detidos pola súa participación da campaña Libertade pra Galicia. Así, o percurso biográfico do homenaxeado transfórmase tamén nunha perspectiva da evolución do galeguismo e da vida social e cultural da cidade.

A marca de Lugo
Aínda que Fernández-Oxea non botou en Lugo máis de dous anos e medio, a exposición aproveita o vencello do ourensán coa cidade da muralla para analizar a evolución política e cultural da mesma no período no que desenvolveu a súa actividade. “Pode chamar a atención que a exposición incida neste vencello dado que estivo pouco tempo na cidade, pero realmente son anos clave na súa vida, que marcan a súa traxectoria. Desde que sae de Lugo, xa non voltará vivir en Galicia. E logo é un momento crucial a nivel político, xa que coincide coa súa presidencia da agrupación do Partido Galeguista na provincia e a súa participación decisiva na campaña do Estatuto do 36” sinala o comisario. O xornalista abandonaría Lugo en 1937 camiño do exilio, logo de ser depurado e despoxado do seu posto no ensino. “Nunha carta a Otero Pedrayo dille que vai incrementar a colonia luguesa de Cáceres. Malia a ser ourensán, iso amosa como se sinte lugués”.

Inéditos
No acto de presentación da mostra, que se pode ver ata o vindeiro mes de maio realizouse a lectura dramatizada dun fragmento do diario que este xornalista e intelectual escribiu na cidade da muralla ao longo do primeiro mes logo do alzamento fascista de 1936, un documento ata o de agora inédito. “Conservábase no seu arquivo, en Ourense, pero non coñecía”, explica Cuba. “Vai contando todo o que acontece na cidade neste período, a represión, os sucesos tráxicos, a detención, o medo, como aparece con Fole e Piñeiro nunha lista para ser detido… É un documento moi importante a nivel histórico no que tamén recolle novas como a detención e a morte de Bóveda”. Canda a este texto, e a abondosas fotografías que percorren a vida do homenaxeado, a exposición recolle un bo feixe de documentos históricos, sesenta dos cales non se amosaran ao público ata o momento, que permiten coñecer a época na que Ben-Cho-Shey traballaba en Lugo. “Sobre todo, este material amosa o seu papel na organización do Partido Galeguista, que tivo un crecemento espectacular entre o 32 e o 36 en toda a provincia. Tamén se poden ver as dificultades de entendemento que tiñan con outros partidos da Fronte Popular, ou unha conferencia sobre os nacionalismos en Europa que impartiu en 1930”.

Os intereses
A variedade de intereses que mobilizaron a Fernández-Oxea ao longo da súa vida, da etnografía ao ensino ou o xornalismo, poden resultar sorprendentes hoxe en día, pero no seu momento eran relativamente comúns entre os galeguistas. “É un home do Seminario de Estudos Galegos, co que colabora desde a súa creación en 1923 aínda que le o discurso de ingreso en 1928. Colabora en practicamente todas as campañas, primeiro como debuxante de heráldica e logo en traballos de campo de etnografía e arqueoloxía”. Na liña desta entidade, desenvolveu un intenso traballo sobre a parroquia de Santa Marta de Moreiras, en Ourense, onde foi profesor, abordando todo tipo e aspectos da área. “Resultou un traballo exemplar que non se publicou ata 1969”, lembra Cuba. Tamén ten grande importancia o seu estudo sobre o barallete, a fala dos afiadores. “En xeral está interesado por todos os ámbitos, e na realidade toda a súa actividade responde á idea traballar pola causa de Galicia. Cando é desterrado, a comisión depuradora do ensino de Lugo acúsao en primeiro lugar de ser galeguista, e el no prego de descargo responde que efectivamente é galeguista e que todo o que fixo foi por Galicia e por enriquecer o seu acervo cultural”.

Xornalista e pedagogo
De todas as áreas que abordou, “algo constante na súa vida é o traballo como xornalista. Ten máis de mil artigos publicados na prensa galega desde O Tío Marcos da Portela, das Irmandades da Fala, xa en 1918. Logo fixo crónicas da guerra de Marrocos para La Zarpa, o xornal de Basilio Álvarez, nos anos 21 e 22, e é aí onde crea o seu pseudónimo”. Canda a isto, “outra constante, sobre todo a partir dos anos 40, e a defensa da lingua, que fai dun xeito moi valente. Xa en La Noche publica artigos a prol da recuperación da toponimia”. Canda a isto “o seu labor de maxisterio é verdadeiramente vocacional. Foi un pedagogo innovador, tanto como mestre como a exercer de inspector. Xa en Cariño, o seu primeiro destino, fai por recoller folclore infantil e empregalo de xeito didáctico nas aulas. Ese valor didáctico lévao a todas as persoas coas que trata”.

Correa de transmisión
En relación con esta faceta, unha das máis importantes contribucións de Ben-Cho-Shey ao noso país é ao tempo unha das máis difíciles de cuantificar. O labor de difusión que desempeñou durante anos a prol da nosa lingua e da nosa cultura contribuiu manter viva a chama do galeguismo durante anos complicados. Segundo un testemuño de Ánxel Fole que recolle a exposición “Das conversas con Ben-Cho-Shey tódolos rapaces saían máis afincados nos seus sentimentos de galeguistas. O seu maxisterio, a iste respeito, non puido ser máis facedeiro. Sempre convencía e anortaba. Todos os que o tratabamos contábamolo entre os galeguistas cen por cen. E todos conviñamos na crencia de que non era doado batir cun home tan bondadoso.” Aínda que afincado en Madrid desde 1942, Ben-Cho-Shey non renunciou nunca á súa militancia galeguista, e serviu na capital español como fío que conectou grupos de mozos galeguistas como Castelao e Brais Pinto, xa nos anos 50 e 60 cos movementos anteriores á guerra. “Fai un labor de encontro coas novas xeracións de galego que van aparecendo, e estes grupos fórmanse un pouco ao seu redor. Axúdalles e actúan un pouco como correa de transmisión”, lembra Cuba. “Tamén imparte conferencias e dá clases de lingua no Centro Galega e mais no Clubg de Amigos da Unesco”.

O exposición, aberta no Museo Provincial ata o vindeiro 20 de maio, fai parte do Ano Ben-Cho-Shey, co que a Deputación quere recuperar do esquecemento este polígrafo. E é que resulta curioso como a súa figura ficou nun segundo plano fronte a outros galeguistas históricos, quizais por influencia do feito de residir fóra do país. “Si que existiu un esquecemento, quedou de lado, especialmente nos seus últimos anos, e el era consciente. Xa no seu epitafio di que as homenaxes ou se fan en vida e non se fan, penso que con esta exposición estamos tratándoo e dándoo a coñecer, penso que é necesario reivindicalo”, conclúe o comisario.

Galería: Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968).

Galería: Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968).

Fonte: Arquivo Ben-Cho-Shey da Biblioteca da Deputación de Ourense

"Despedindo a Antonio na parada de Vigo". 12 de setembro de 1912.

Fonte: Arquivo Ben-Cho-Shey da Biblioteca da Deputación de Ourense

Lois Peña Novo nun mitin do Partigo Galeguista en Lugo. 1936.

Lois Peña Novo nun mitin do Partigo Galeguista en Lugo. 1936.

Fonte: Arquivo Ben-Cho-Shey da Biblioteca da Deputación de Ourense

Mural de Ben-Cho-Shey no Museo Provincial de Lugo

Mural de Ben-Cho-Shey no Museo Provincial de Lugo

Tríptico de presentación de Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918 -1968).