Comer con arte

O espazo gastronómico-cultural Kunsthalle diversifica a súa programación

Foto: Kuntshalle
Foto: Kuntshalle
“Parécenme moi necesarias iniciativas que achegan a arte contemporánea a un público que non está familiarizado con ela” explica a artista Almudena Fernández. A súa obra fai parte do último grupo de creadores que veñen de deixar a súa impronta en Kunsthalle (Conga 8, Santiago) un espazo creativo que fusiona arte e gastronomía. Agora, case un ano despois da inauguración acaba de estrear a súa propia revolución.

Un vén da arte (Davíd Barro) o outro da música (Carlos Montilla) e entre os dous decidiron que podían xuntar esas dúas disciplinas e darlle forma nun concepto cultural diferente. “Non buscábamos a rendibilidade cultural senón a súa viabilidade” confesa Carlos Montilla. A súa proposta materializase “nun espazo dinámico que crea cultura nun sentido no que todo se mistura” define David Barro.

Da forma ao fondo
Buscaron un cociñeiro novo (Alén Tarrío), que compartirá o seu universo creativo aplicado á gastronomía, un local emblemático no casto histórico Compostela para darlle a este espazo gastronómico un trasfondo cultural. Pero cultura entendida en sentido amplo que se vira tanto nunha coidada programación cultural como no propio espazo. E o resultado é o que eles autodenominaron como neotaberna, ou sexa, “unha taberna contemporánea, predominantemente híbrida e que non ten medo a desbordar conceptos nin compartimentos estancos”.

Foi así como lle pediron a creadores como Álvaro Negrou ou Misha Bies Golas a que produciran obra específica para o seu propio local. Non se trataba da decoración do local, pero tampouco “como unha unha galería na que a xente poida ver as obras e logo mercalas, aquí non vendemos arte, buscábamos outra dimensión” afirma Carlos Montilla. Para a artista e profesora de Belas Artes, Almudena Fernández esta intención “trátase dunha alfabetización visual temprana que permite converter en habitual algo que non o é e así, facer que a xente o asuma como cotiá”. Unha idea sinxela pero necesaria e que estivo presente no proxecto, nese ideario que en case un ano de traballo e supera amplamente a cuestión estética.

Para Almudena Fernández, un dos grandes acertos da proposta espacial de Kunsthalle está nunha forma de achegamento diferente á creación no marco “dun divorcio entre público e arte” que hai que reconducir. Ela mesma é unha das artistas que dan a remuda nas obras artes e que son intervencións no propio espazo. Almundena realizou unha intervención sobre a porta de entrada do propio espazo, utilizando un material semellante a pizarra que sobreescribe cun xiz que está moi relacionado coa estética do propio local.

Canda ela, nesta renovación de proxectos expositivos hai outra creadora Ana Gesto que realizou unha videocreación para un espazo tan íntimo e pouco frecuente para a arte como é zona próxima aos lavabos. “Non me interesa a neutralidade do espazo, senón que buscaba unha forma de ligar os conceptos de espera e de intimidade” explica a artista.

A revolución
Despois dun ano de rodaxe, o equipo promotor de Kunsthalle cren que é o momento de ir un pouco máis alá. Alí, alén da oferta gastronómica diaria, neste espazo presentáronse feiras (a feira do Cocido), houbo exposicións, faladoiros de inglés (I think about English)…. Pero coidan que toca o momento de incrementar o volumen de actividades. “En realidade aínda estamos a un 20% do que nos gustaría facer” explica David Barro.

E de aí a súa “revolución”. Un cambio que se concreta en reforzar o espazo de cociña con Martín Vázquez no espazo gastronómico así como incrementar e diversificar o número de actividades. Para todo isto Manu TF pasa a ser o responsable de programación dun espazo que se xestiona sen axudas públicas. “Non tiven ninguna indicación que non fora a que se encadrase na liña de traballo de apostar polo contemporáneo polo máis vangardista” explica do que se poderá ver en Kunsthalle. A súa impronta comenzará a concretarse nos vindeiros meses con actividades case diarias e que van da arte ata a lingua sen esquecerse da relevancia da gastronomía que se sucederán nos dous pisos que encerra o local.

Nerdnites, programación musical de autorretratos, I think about English… son a parte visible dun traballo que destaca pola colaboración con entidades públicas, asociacións e entidades que evidencian unha nova forma de traballar e de entender a xestión cultural.
Ligazóns