O retorno ao recital (II)

Os Slams poéticos ou o Festival Polipoético de Vigo confirman o rexurdir do interese polo recitado

A poesía recitada continúa a reclamar o seu espazo na nosa cultura. A iniciativas como os recitais Poetas Di(n)versos, Picaversos ou Poetas da Hostia, súmanse novas propostas. Os Slams Poéticos están a levar a Arousa e Vigo un torneo de recitados, mentres esta última cidade vía recentemente a segunda edición do seu Festival Polipoético. A poesía pide a palabra.

Sther F. Carrodeguas é a responsable do Slam Poético Arousa, unha iniciativa que chegou este outono á nosa terra. Un Slam poético consiste nun torneo, baseados nas competicións de hip-hop, n o que dous competidores len textos propios sen contar con máis recurso do que a súa voz e presenza, sen música ou obxectos de apoio. De cada unha destas roldas un xurado selecciona un dos participantes ata chegar a unha final, da que sae o gañador da rolda. Segundo explica a coordinadora, o proxecto xurdiu dun obradoiro que deu a poeta catalá Irene La Sen sobre este tema en Rianxo. “Eu xa levaba un tempo traballando na cuestión dos recitais, e esta fórmula pareceume bastante sinxelo de organizar. Entón primeiro pensei en o facer aquí, aos poucos foron empatando as cousas e ao final ampliou a toda a Ría de Arousa”. O proxecto intégrase na liga que se celebra a nivel estatal “vai haber seis sesións cada ano, que é o número imprescindible que permitirá que o finalista poida acudir á final estatal. Decidimos organizar un cada mes, de vila en vila, serán cinco roldas locais e despois unha final que quero que sexa na Illa de Arousa, aínda está por fechar”. O que asista á final estatal terá a opción de recitar en galego, con subtítulos nunha pantalla ou sen apoio de ningún tipo.

Éxito de público e de participantes
Encol do éxito deste tipo de iniciativas, Carrodeguas sinala que “En Barcelona teñen moitísima xente que está pendente do momento no que abren a participación, noutros lugares sei que non conseguen tanta xente. “En Arousa funciona dun xeito moi popular. Hai moita xente que quere recitar. No grupo de teatro Airiños, que tamén levo eu, fixemos un obradoiro de poesía, e moita xente que nunca pensaran en escribir animouse a participar no Slam. Logo hai moita xente que recitan cousas por pasalo ben, aínda que logo compróbase que son os poetas os que gañan”. Carrodeguas declárase “sorprendida” de como funciona o evento, que consegue unha media de dez participantes para cada sesión, sen contar o público. “Eu pensaba que non ía haber tanta pero acode moita xente, mesmo de vinte anos. Os que participan normalmente voltan”. Os interesados teñen a vindeira cita ás 22 horas do 6 decembro en A Pousada das Ánimas, Boiro.

Slam en Vigo
No ronsel desta iniciativa o pasado 1 de decembro celebrouse o primeiro Slam em Vigo. Segundo explica Miguel Ángel Diz, un dos coordinadores do evento, “vimos o de Arousa e pensamos que aquí non había nada similar. Entón quixemos organizalo fundamentalmente para visibilizar a produción da zona”. Desta volta foron tres roldas con sete participantes que se celebraron no mesmo día e que contaron cun interludio musical. “A idea é continuar a facer estas sesións cunha periodicidade duns dous meses, intercalando os recitados con algunha actuación musical ou mesmo organizando algún recital fóra de concurso”. Para el a fórmula “chega a xente que normalmente non participa neste tipo de actos, están máis vencellados coa música e funcionan doutra maneira. Recitais máis convencionais, como os que facemos no colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar chegan a xente que xa está concienciada con este tipo de formatos”.

Poesía multimedia
Cunha visión máis multimedia do feito poético, celebrábase o pasado vinte de outubro, tamén en Vigo, o II Festival Polipoético. A proposta, nada da man de Marcos de la Fuente achegaba aos locais Detrás do Marco e La Fiesta de los Maniquíes, unha selección de creadores. O proxecto nacía en 2011 cando, segundo explica De la Fuente, “Aínda que en Vigo existían diferentes encontros poéticos, pensabamos que non había un evento destas características, un lugar onde aglutinasen os poetas das cidade con outros de fóra e no que se dese unha mestura de manifestacións arredor da poesía, integrando música, teatro, danza ou performances”. A data escolleita, 20 de outubro, busca homenaxear o estadounidense Jack Kerouac no seu cabodano. “Pensamos que o seu estilo poético se axeita ao que buscamos nós, algo menos lírico, máis fresco e achegado ao público”. O proxecto parte dunha convocatoria aberta á participación, da que os organizadores realizan unha selección. “A acollida é moi boa, este ano moita xente tivo que quedar fóra, tanto para recitar como para asistir de público, non se cabía nos locais, e iso é rechamante nun evento poético”. Canda a eles “convidamos a dous ou tres grupos de fóra. Este ano viñeron de Madrid e de Lisboa”. A perspectiva aberta do feito poético deste evento fai que abonden as propostas multimedia. “Agora estase facendo normal mesturar a poesía con música, imaxes ou con artes dramáticas, e no festival hai un pouco de todo”.

A causas dos versos
Os coordinadores destas actividades coinciden en sinalar o bo momento que vive a poesía recitada. “Eu estou flipando” explica Carrodeguas. “Hai un monte de xente, as Poetas da Hostia, o Slam de Vigo...” De xeito semellante, Diz coincide nas súas referencias e sinala que “en épocas de crise o enxeño aperta”. Encol das causas que poden animar a este florecemento, Carrodeguas sinala que “penso que resulta algo moi libre e creativo e ademais moi económico e sinxelo de facer. Quizais a poesía estea a ir cara a un nivel máis popular”. De la Fuente, pola súa banda, sinala tamén a influencia da situación económica. “O recitado sempre estivo aí, aínda que quizais si hai moita xente a facer cousas agora tamén pola crise. Xa habitualmente estas épocas coinciden con momentos de ebulición cultural, a xente non ten traballo ao mellor lle dedica máis tempo a actividades artísticas e logo hai unha ansia de protestar que tamén se deixa sentar na poesía”.

Mudanzas e permanencias
Segundo sinala Isaac Lourido, investigador membro do Grupo Álea de Acción Poética, esta maior presenza do recitado “pode ter algo que ver cun descenso nas ofertas culturais máis institucionais, que fan que saian fórmulas autoxestionadas máis abertas”. No entanto salienta tamén que “é cuestión de ciclos. No comezo dos 90, e máis tarde co Prestige deuse unha apertura e recuperáronse espazos públicos como rúas e prazas para este tipo de procesos artísticos”. Aínda que advirte de que o proceso de incremento do recitado non é novo, Lourido sinala que “o máis importante nos últimos anos é que perden a importancia que tiñan categorías como a de autor e obra. O libro xa non é o soporte fundamental de difusión da poesía, e mesmo se perde o concepto de poemario”. Dentro desa ruptura está tamén a mudanza “na propia noción de poesía que circula. Hai máis elementos para alén da palabra escrita. Entra en xogo a voz, a xestualidade, a música ou o vídeo”. A maiores, segundo sinala. “desaparece a separación entre público e poeta, dáse unha confusión de roles vencellada con esa apertura do micrófono”.

As propostas continúan. Para alén de novas edicións das xa comentadas, Lugo está tamén a artellar o seu propio Slam Poético, un proxecto co que a xente de Vigo quere colaborar para, canda ao de Arousa, crear un Slam galego. A estes proxectos súmanse iniciativas como a Timba poética que se desenvolveu esta mesma fin de semana nos Centros Sociais Ocupados A Casa do Vento, en Compostela, e Palavea, na Coruña, unha proposta que abre o micro a todos os asistentes. A isto súmanse encontros como Ponte Poética, en Pontevedra, ou as actividades de grupos como A Porta Verde do Sétimo Andar ou Penúltimo Acto. Os versos voan.
O retorno ao recital (I).