As librarías que veñen

A aposta polas actividades e a busca de novos mercados marcan as novas tendas de libros

Escaparate da libraría A Lus do Candil
Escaparate da libraría A Lus do Candil
Chegan novos tempos para as librarías. A crise propia do sector, que se suma á fonda recesión económica, está a obrigar a buscar novas vías de negocio ou ben a fechar. Malia ao sombrío panorama, nos últimos anos continúan a abrir novos establecementos, que apostan ademais por xeitos diferentes de enfrontar a relación co libro e co lector. Falamos con algúns deles.

É ben sabido que o sector libreiro pasa por unha fonda e prolongada crise. A diminución de vendas está a provocar a desaparición de establecementos de referencia, como é o caso da libraría Michelena en Pontevedra ou a Colón na Coruña. Canda a isto, son moitos os que teñen problemas para sobrevivir, como denuncia periodicamente a Federación de Libreiros. Recentemente, o Simposio O Libro e a Lectura da Asociación de Editores reflexionaba sobre esta problemática, apuntando posibles propostas para renovar o sector. No medio desta desacougante situación continúan a xurdir novas iniciativas que se suman aos centros de venda de libros do noso país.

Tendencias
Polos exemplos consultados e polas propostas que se presentaron no Simposio O Libro e a Lectura, que o futuro das librarías galegas vai estar nos vindeiros anos cheo de actividades. Presentacións, recitais ou concertos son algunhas das propostas que, cada vez con máis frecuencia, chegan á axenda cultural da man destes espazos, e que fai que o concepto e a propia organización física das librarías estean a mudar. Vala como exemplo a Libraría Couceiro de Compostela que na súa renovación, hai cinco anos, deixou xa un amplo espazo para albergar este tipo de propostas, as axendas de Paz ou Cronopios en Pontevedra ou a actividade crecente das librarías de banda deseñada neste sentido. A busca de novos mercados a nivel xeográfico, coa creación de librarías en vilas ata o de agora carentes deste tipo de servizos é unha vía que se acompaña tamén da busca de novos públicos. Unha vertente deste fenómeno é a aposta pola especialización temática, que se dá xeito de paralelo coa integración dunha maior gama de produtos nos establecementos, desde discos a xoguetes sexuais ou produtos de comercio xusto. Outra similitude de boa parte dos establecementos consultados é o aproveitamento dun baixo en propiedade ou en condicións vantaxosas de alugueiro como base para iniciar o negocio.

Especialización
Como exemplo de especialización temos o proxecto de Lila de Lilith, un establecemento centrado en feminismo e xénero que abría as súas portas en Compostela hai agora un ano. O negocio xorde como extensión dun proxecto de educación e xénero. Segundo explica Patricia Porto, responsable da tenda, “nós estamos a traballar desde o 98 no proxecto Lilith, e con esta libraría buscabamos ter un espazo propio desde o que estar en contacto directo coa xente da rúa e poder ofertar outras cousas”, sinala. Malia a que o especializado do tema pode supor unha limitación á hora de contar con clientes, Porto apunta que “existía unha demanda da xente. Ofertamos bibliografía especializada e asesoramento, ademais de actividades e exposicións”, así como unha gama de produtos que chega aos xoguetes eróticos para mulleres. “A nivel de difusión a libraría está a funcionar moi ben”, apunta. “Aínda que eu non veño do sector libreiro, que resulta algo novo para min, na miña opinión hai que se especializar. Xa hai librarías xeneralistas e é difícil competir con ela. Ao te especializar achegas o valor engadido da formación da persoa que está aí. Logo resulta interesante facer actividades ou incorporar unha cafetaría, sempre é algo que enriquece a experiencia do cliente”. Como Lila de Lilith seguiron a vía da especialización, mais no campo da banda deseñada, Sindicato del Cómic e mais El Octavo Pasajero, que abriron as súas portas en Ourense recentemente, sumándose así a unha lista de establecementos centrados na novena arte que, malia algunhas baixas, semellan resistir a crise.

Cubrir unha demanda cultural
A lus do candil abría as súas portas en Arteixo o pasado verán, comandada por Alba Rozas e Modesto Fraga. O proxecto “pretende ser un lugar interactivo que dea cabida non só a libro en si senon a outras manifestacións artísticas, seguindo unha tradición que vén xa de Seoane ou Díaz Pardo”, sinala Fraga. E é que o modelo das galerías Sargadelos semella inspirar en parte os novos proxectos libreiros. No caso da libraría de Arteixo, ten en marcha exposicións de pintura, un pequeno espazo para a venda de artesanía e quere servir “como un espazo para facer charlas, obradoiros ou recitais. Iso é algo que en Santiago ou na Coruña semella normal, pero en lugares máis pequenos é complicado, e nós queremos fomentar iso. Penso que a libraría ten unha función máis para fóra do que para dentro, debe ser un punto de encontro”. Especializada nun 90% dos seus fondos en libro galego, o proxecto atende a proxectos de edición independente, coa intención de “darlle posibilidades á xente que aposta pola viabilidade do sistema literario. Hai proxectos moi interesantes e queremos darlles cabida”. Outra peculiaridade da aposta é a busca dun novo mercado a nivel xeográfico. “Arteixo ten preto de 30.000 habitantes e non existe unha libraría como tal. Para conseguir libro galego hai que ir á Coruña, así que pensamos que podía haber unha oportundidade”. Entre os vindeiros proxectos do establecemento, está o ciclo Poesía á Lus do Candil, que reunirá compoñentes de diferentes colectivos poéticos nunha serie de recitais.

Abrir mercado de actividades
Se a Lus do Candil é unha das iniciativa que aproveita un local a disposición dos emprendedores, o mesmo acontece co proxecto da Livraria Suévia, que vai abrir as súas portas na Coruña o vindeiro mes de decembro. Desta volta, o establecemento estará especializado en libro galego e portugués, cunha especial atención ao xénero infantil. Segundo explica Ermitas Valencia, responsable do proxecto, “estamos rodeados de colexios e queremos aproveitar para facer propostas de dinamización de lectura e contacontos”, explica. No seu caso, é precisamente no campo das actividades onde pensan que existe un oco no mercado. “Na Coruña temos unha rede de bibliotecas moi activa que está a ver moi minguada a súa oferta de actividades pola crise. Entón pensamos que aí pode ter espazo a oferta privada, porque a demanda xa existe”. Un espazo con capacidade para preto de 20 persoas e acondicionado con cadeiras ou un proxector é a baza de Suévia neste campo. “Temos que ir a un modelo mais anglosaxón, no que a libraría é máis do que un espazo onde se venden libros. Trátase de ter un lugar onde poida haber actividades vencelladas á lectura, e iso é tamén un xeito de habituar á xente a ir ás librarías”. Xornais e revistas, música galega (especialmente para nenos) e mais da lusofonía, “que pensamos é difícil de atopar por outras canles”, e mais algo de artesanía, como os bonecos do Apalpador, completarán a oferta deste espazo.

Ampliar o negocio
Outro exemplo das librarías que veñen é a da ourensá Torga, que se reconverteu este mesmo ano no establecemento Vento do Sul, un espazo no que se mestura comercio xusto, produtos para nenos, xogos tradicionais e que serve de sede para a editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. Como no caso anterior, o resultado é un establecemento no que se mestura na venda de diferentes produtos culturais cun proxecto transversal que vai para alén do que tradicionalmente se consideraba unha libraría, buscando un nicho de mercado centrado desta volta nos produtos alternativos.

A libraría da editora
Entre as iniciativas máis recentes destaca, pola súa orixinalidade, Libraría Café, o proxecto que abriu a editorial Rinoceronte en Cangas. Unha cafetaría-libraría onde unicamente se vende material do catálogo da firma, canda ao de subsidiarias como Morgante e Pulp Books e editoras amigas, como Urco e Patas de Patas de Peixe. Segundo explica Moisés Barcia, desde Rinoceronte “é unha iniciativa algo peculiar. Nós vémola como unha extensión da nosa actividade editorial, un lugar no que se pode ver por xunto todo o que facemos”. A proposta de que unha editora monte a súa libraría, orixinal no panorama galego, ten antecedentes en países como en Francia. Barcia considera que “a cafetaría é un complemento idóneo para un ambiente de libros. Hai xente que se achega ás librarías non buscando algo concreto, senón para ver novidades ou polo simple gusto de navegar entre libros, e cando tes na man un par de obras para follear, presta poder sentar e tomar un café ou unha caña”. No entanto, pensa que o modelo polo que optou Rinoceronte “non é doadamente exportable. No noso caso resultou de circunstancias moi concretas, como que tiñamos un local ao que lle puidemos dar este emprego complementario. Non penso nin que todas as editoras se poidan permitir isto nin que lles interese. Ademais, hai que ter en conta onde estás. No noso caso Cangas no é Manhattan, nin Berlín, nin sequera Vigo, cómpre tomar estas iniciativas con certa prudencia”, sinala.

A aposta polas redes
Hai xa dous anos abría en Allariz a libraría A Aira das Letras, de novo nun local cedido por un coñecido e coa consciencia de que na vila non existía un espazo centrado na literatura. A súa experiencia de promoción no campo das redes sociais fixo que o seu caso se puxese como exemplo no Simposio da Asociación de Editores. Segundo explica Carlos Airas, responsable da iniciativa, “creamos un club de amigos da libraría no que xa hai 1.100 membros. Empregamos o web como escaparate virtual, aínda que non temos venda en liña, e enviamos un boletín semanal con novidades no que tamén incluímos as actividades culturais de Allariz”. A súa experiencia no emprego de Internet é moi positiva. “Polo que comenta a xente, sírvelle de recordatorio de cousas que van saíndo, e polo que vemos fideliza xente, entón hai quen pide os libros para que llos enviemos ou quen se achega á libraría cando vén a Allariz”. A proposta informativa compleméntase, como non, cunha aposta polas actividades culturais no local. “Tentamos ter, cando menos, unha ao mes, e logo contamos co apoio da Fundación Vicente Risco que ten interese tamén en desenvolver propostas culturais na vila. Logo fixemos cousas como o concurso de microrrelatos que tiveron moito éxito”. Malia ao pequeno tamaño de Allariz para soster unha libraría, Arias pensa que as actividades de carácter cultural “poden servir para atraer turismo a Allariz. Hai moitas cousas xa para ver, e nós queremos engadir unha oferta máis”. A nivel económico, sinala que “hai un mercado para libro obxecto, e iso é algo que vai continuar. Especialmente o álbum ilustrado, o libro infantil, a novela gráfica ou as edicións en bo formato poden funcionar” nun establecemento que recoñece que “non podemos vivir só do que se vende en galego”.

Futuros
En canto ao futuro das librarías, Airas, chegado doutros ámbitos de negocio, considera que “vai ter que se adaptar aos novos tempos. Ao mellor o sector galego está algo anquilosado e vai ter que se mover. Ademais, se os propios editores entenden que as librarías son un lugar importante, poida que teñan que as mimar máis. En Francia, por exemplo, danlles máis marxe de beneficio. Nós temos que ser mellores pero cómpren tamén apoios deste tipo”. De xeito semellante, Barcia amosa a necesidade do traballo conxunto. “O futuro das librarías “está moi vencellado ao futuro do libro e ao da cultura en xeral. Os gobernos están a dar pasos decididos e entusiastas cara ao abismo, cómpre que empresarios e libreiros fagan algo para evitalo e para iso deben contar coa complicidade dunha masa de lectores. Se non se pode evitar acabaremos mercando libros en inglés en Amazon ou vendo filmes e series”, advirte.