A cruzar as pontes entre a arte e as letras

A galería Metro acolle o proxecto O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges

Imaxe da exposición na Galería Metro
Imaxe da exposición na Galería Metro
Trinta textos en galego de Xelís de Toro traducidos ao inglés. Catorce artistas que crearon obras nas súas respectivas especialidades a partir dos mesmos. Un programa de radio de dúas horas. Un libro bilingüe cun DVD que o recolle todo. A galería Metro achega a Compostela ata o vindeiro 3 de outubro o proxecto O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, cunha selección das obras que naceron no marco desta iniciativa que pretende explorar os límites da creación poética e do libro como artefacto artístico.

A mostra xa se puido ver entre o 14 de xullo e o 12 de agosto na galería Phoenix, de Brighton, e o libro está en distribución por Galicia da man de Edicións Positivas. Aínda que a maior parte dos creadores que participan na iniciativa son de orixe inglés, O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges contou tamén coa participación de galegos como Narf, o grupo de teatro Chévere ou a fotógrafa Dolores Sánchez Calvo.
Obras de O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges na galería Metro.