A loita polo espectro

Emisoras como Cuac FM reivindican a radio comunitaria fronte ao concurso de frecuencias da Xunta

O novo concurso de licenzas de radio da Xunta de Galicia ameaza con acabar coas emisoras libres e comunitarias que existen no noso país. A convocatoria, restrinxida a radios de carácter comercial, deixa fóra de xogo proxectos con anos de experiencia. Desde a Coruña, Cuac FM presenta batalla tenta conseguir unha das licenzas, ao tempo que denuncia o que considera unha privatización con ánimo de lucro dun ben público como é o espectro radioeléctrico.

As frecuencias nas que poden emitir as radios están limitadas. O espectro radioeléctrico está considerado como un ben público para o cal o estado licita unha serie de licenzas de emprego. No entanto, o último concurso que convocou a Xunta para distribuír as frecuencias aínda non ocupadas ameaza con facer desaparecer as emisoras libres e comunitarias do noso país. A saturación do espectro deixa sen oco estas entidades sen ánimo de lucro, permitindo que emisoras convencionais ocupen legalmente o seu espazo no dial. “O que sae a concurso é todo o espectro dispoñible na comunidade” denuncia Mariano Fernández, un dos responsables dos aspectos xurídicos en Cuac FM. Isto facilitará que a frecuencia que na actualidade ocupa a emisora ou das outras emisoras galegas deste tipo, como son Kalimera en Compostela, Piratona en Vigo, Clavi en Lugo, Filispín de Ferrol e Roncudo de Corme, sexan ocupadas por cadeas comerciais e non poidan continuar o seu traballo. “Ademais da radios que obteñan licenza, debemos pensar que hai un altísimo nivel de pirateo por parte de radios comerciais, que sen ter permiso empregan un recurso público como o espectro radioeléctrico para se beneficiar”.

Cuac
Nada como radio universitaria en 1996, Cuac FM desenvolve na actualidade unha programación de carácter comunitario. Segundo explica Fernández, “ser unha radio comunitaria implica que a programación pretende reflectir a sociedade, ou cando menos das partes da sociedade que queiran facer radio con nós”. Isto dá unha selección de espazos de grande variedade, con programas especializados en temas como jazz, videoxogos ou, pola banda dos movementos sociais, centrados en “grupos minorizados como mulleres, persoas con trastornos mentais ou calquera grupo que ten dificultade para chegar a medios de masas”. Seccións centradas en análises política e social, cobertura de eventos particulares ou horas centradas no traballo de asociacionismo e de barrios completan unha grella que, para Fernández, “é probablemente moito máis variada do que a das emisoras comerciais”.

Concorrer
Como resposta á convocatoria, Cuac apostou por se presentar ao concurso que convocou á Xunta, mesmo sabendo que non cumpren a condición de ser unha emisora comercial. “Entendemos que este é un xeito de visibilizar a problemática. Somos conscientes de que temos poucas posibilidades de gaña, pero é o único concurso que nos ofertan. Non nos interesa esa licenza e non queremos facer cartos co espectro radioeléctrico, que é de todos, pero non nos queda outra opción”. Malia a que, como xa comentamos, son máis a emisoras afectada, Cuac está a enarborar a resposta a este concurso. “Outros colectivos decidiron apostar por outras vías ou non teñen capacidade para organizar unha campaña coma esta, está a resultar algo moi complicado”. Para afrontar os custes do concurso, a emisora abriu un proxecto de Crowdfunding, xa que só para se inscribir é necesario un depósito de preto de 9.000 euros. No momento de publicación deste texto, obtiveran 2.620 a catorce días de que remate o prazo de subscrición popular.

Outras respostas
Presentarse ao concurso é só unha das medidas coas que Cuac FM se está a mobilizar contar esta convocatoria. Canda a isto, e en colaboración coa rede estatal de medios comunitarios está a se preparar unha acción legal a denunciar a ilegalidade do decreto que convocou a Xunta. “Recorremos a nivel administrativo e posiblemente tamén o fagamos a nivel xudicial. Entendemos que o concurso menoscaba os dereitos da cidadanía”. Outra fronte aberta para estes medios é tamén a mediática, unha campaña coa que se quer dar a coñecer que “o participar nos medios non é algo reservado a empresas ou grupos de poder. É un dos dereitos da cidadanía e como está recoñecido na Declaración dos Dereitos Humanos, a Constitución Española e mais a lexislación vixente. Queremos mobilizar asociacións, organizacións e partidos, tentamos que se sensibilicen ante esta problemática”, completa Fernández. “Con isto tentamos empoderarnos socialmente, de xeito que, se todo sae mal e non conseguimos licenza nin podemos paralizar o concurso, polo menos tentaremos que a sociedade nos apoie e que se nos respecte no dial”. Nesa situación, Cuac continuaría, como ata o de agora, a emitir sen licenza, ao igual que as outras emisoras galegas nesta situación.

Outros atrancos
No entanto, este non é o primeiro atranco ao que se enfrontan este tipo de entidades, o que está a complicar aínda máis a súa supervivencia. “A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual”, de 2010, “impídenos facer calquera tipo de comunicación de carácter comercial. Iso impídenos o patrocinio de programas, que era unha fórmula de financiamento que tiñamos antes, sempre por cantidades que non eran útiles no mercado publicitario”, lembra Fernández. “Hai resolucións do Parlamento da Unión Europea para impulsar os medios comunitarios, pero logo aparecen intereses para rebaixar a incidencia social que poidan ter”.

A necesidade das ondas
A posibilidade recorrer á rede como única canle de emisión non é vista como un bo remedio. Segundo Fernández, “é unha ferramenta moi válida, e as radios comunitarias desembarcamos nela mesmo antes do que as comerciais, pero unha cousa non quita a outra. O impacto que se obtén en Internet é moi diferente, non resulta simultáneo sobre un público amplo. Debemos seguir nas ondas, a cidadanía non se pode permitir o luxo de desaparecer delas”. Fronte a esta situación, desde Cuac FM apostan pola posibilidade dunha paisaxe comunicativa distinta á actual. “Entre as emisoras municipais, que teñen moitas posibilidades, as comunitarias e as rurais poderíase conformar un panorama moi diferente. Hai proxectos como Radio Valdivielso, en Burgos, que dinamiza de xeito incrible toda a súa zona. E o noso país é ideal para implantar este tipo de medio. Estamos a perder unha ferramenta que pode ser moi útil para vertebrar o territorio “, conclúe.