O libro Kipling Ilustrado, publicado en castelán pola editorial pontevedresa KALANDRAKA, ven de recibir o Primeiro Premio Nacional de Edición 2011 na categoría de Libros Infantís e Xuvenís. O galardón, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, non ten dotación económica pero supón un gran recoñecemento e prestixio ao traballo editorial e implica que a obra distinguida participará nas accións institucionais de promoción do libro e que se vai expoñer nas principais feiras nacionais e internacionais. A edición de "Kipling Ilustrado" xorde da exposición homónima organizada polo Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade (MUVIM) en febreiro de 2011, coincidindo co ano no que se cumpría o 75 aniversario do falecemento do escritor británico. A obra reúne sete relatos de Rudyard Kipling (Bombay, 1865-Londres, 1936) ilustrados por sete destacados artistas plásticos do panorama gráfico actual: Ajubel, Pablo Amargo, Isidro Ferrer, Pep Montserrat, Pablo Auladell, Paco Giménez e Arnal Ballester. O libro complétase con artigos de varios expertos que reflexionan sobre o legado literario de Kipling e analizan a estreita relación entre Letras e Arte.