Os Medios Sociais saen da cuncha

Bueu acolle este sábado o I Festival Social Media de Galicia

Non son moitos e non son, paradoxicamente, moi visibles. Pero 160 iniciativas, campañas, blogs e webs galegas presentáronse aos I Premios Galegos do Marketing en Medios Sociais, revelando un sector moi dinámico e que achega sorpresas, como o boom dos blogs de moda e tendencias no noso país. Xa hai finalistas, pero os gañadores revelaranse este sábado nunha xornada que se celebrará en Bueu.

Fran Graña é xerente de Rodeiramar, un establecemento hosteleiro en Bueu, e promotor do MexilÓnseTuits, o I Festival Social Media de Galicia. Graña decatouse de que no seu ámbito de traballo, o turismo, dispuña dunhas "ferramentas impresionantes" que lle permitían competir con grandes cadeas hoteleiras e axencias no ámbito do marketing.

"A idea xurdiu", comenta Fran Graña, "porque eu tiña gañas de crear un evento no Morrazo relacionado co social media para visibilizar o traballo que se está a facer en Galicia. Moitas veces é un traballo silencioso e hai moito community manager que está moi só. Ninguén sabe moi ben o que fai, ao que se adica, e moitos xefes cren que a xente q se adica a comunicación e redes sociais están perdendo o tempo", conclúe Graña. Á iniciativa de Graña sumáronse unha boa chea de marcas e entidades.

130 candidaturas

A diversidade de categorías do Festival Social Media revela a pluralidade de ámbitos que tocan este sector da comunicación e o marketing interactivo. Mellor axencia, mellor campaña, mellor integración offline/online e despues unha batería temática de blogs: moda, gastronomía, informativo/cultural e turístico. "En total foron unas 130 candidaturas validadas", explica Fran Graña, "e nalgunha levamos unha sorpresa enorme. É o caso dos blogs de moda e tendencias, que sumaban unha chea de candidaturas".

Esta semana publicáronse os finalistas de cada categoría, que revelan unha gran diversidade de pequenas iniciativas, moitas delas pouco coñecidas a nivel xeral. A entrega dos galardóns será este sábado en Bueu, no marco dunha xornada que inclúe tamén o coñecemento das bondades turísticas do Morrazo.