A xente da cultura únese na Plataforma contra a Burla Negra para organizar actos contra a catástrofe ecolóxica

Contra a burla

Facer algo. Como tantos galegos, foi moita a xente que traballa no ámbito da cultura deste país que se preguntaron qué podían facer ante o desastre ecolóxico, económico e social que está a supor a marea negra provocada polo naufraxio do petroleiro “Prestige”. O resultado desta arela foi a Plataforma contra a Burla Negra, que coordina a artistas, escritores, músicos, actores e persoas de todos os eidos da cultura en contra do fuel.



Os correos electrónicos e os medios de comunicación en Internet foron a principal canle de difusión da convocatoria urxente asinada por Luís Bará (concelleiro de Cultura de Pontevedra) Alberte Momán Naval (membro das Redes Escarlata) Sechu Sende (directivo da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega), Paula Ríos (do Colectivo Bambán) e Rafa Villar (da Asociación de Escritores en Lingua Galega). Eran uns nomes como podían ter sido outros, e como eran moitos os que compartían a idea de que había que facer algo. Nas súas mensaxes chamaban a unha marea solidaria contra a marea negra e convocaban a “persoas e colectivos que traballan no noso país no ámbito da cultura” a encontrarse o luns vintecinco de novembro en Compostela.



Toma de contacto

O encontro estaba fixado no Auditorio de Galicia, e a el acudiron, a pesar das présas, arredor de cen persoas dos máis diversos ámbitos da arte e da cultura: músicos, actores, escritores, artistas plásticos ou membros de asociacións de base. Comezado o debate, todas as propostas coincidían na necesidade de unificar esforzos e de artellar un xeito estable de organización que permitise coordinar e desenvolver todo tipo de iniciativas solidarias. Á parte diso, as ideas eran do máis variado. Desde organizar un concerto no que participasen grupos de talla internacional coma U2 ata ir pecharse nunha casa da cultura da costa. Logo de tres horas de xuntanza saíu un nome, a Plataforma contra a Burla Negra, un manifesto inicial e o compromiso de continuar traballando.



Todos para dentro

Non habería que agardar moito para coñecer a primeira acción da nova plataforma. Seguindo a idea de Carlos Blanco, un nutrido grupo de persoas iniciaba na mañá do martes un peche na Casa da Cultura de Laxe. Entre os que entraron, algúns dos actores de “Mareas Vivas” (Carlos Blanco, Miguel de Lira, Patricia Vázquez…) amosaban a súa solidariedade coa xente con quen conviviron durante a rodaxe desta serie. Ademais deles, Xurxo Souto, Toñito de Poi, Cucas, Estevo Creus, os estudiantes de Belas Artes de Pontevedra, músicos de todo o país e os propios veciños da zona sumáronse á protesta ó longo da semana. Desde alí emitirían un comunicado no que esixían transparencia informativa á Administración e ós medios de comunicación e reclamaban máis recursos para a limpeza das zonas afectadas. Ademais, por suposto, de baixar ata a praia para intentar limpar.



De fóra e de dentro

O día vinteoito varios membros da plataforma vencellados ó teatro universitario, levaban a marea negra ata as prazas de Compostela vestíndose de manchas de fuel e pegándose ó chan e ós monumentos. A noite anterior xuntáranse nesta mesma cidade músicos de todo o país para artellar actuacións conxuntas de protesta. E desde todo o país e parte do estranxeiro chegaban apoios ós pechados a través da web que creou Vieiros. Ademais de noticias sobre a Burla Negra e sobre o peche, a web incluía textos nos que os participantes reflexionaban sobre a catástrofe e un foro para aportar ideas. Logo de participar nunha manifestación en Muxía o xoves vinteoito, o peche rematou o domingo para participar na masiva manifestación convocada en Compostela.



Xuntanzas e organización

Os membros da Plataforma non tiveron descanso o domingo. Despois de participar activamente na manifestación cunha pancarta propia, achegáronse de novo ó Auditorio de Galicia para manter unha nova asemblea na que decidir futuras accións. Foron moitas as propostas que saíron alí e nas que se está a traballar agora mesmo. Unha arela común foi a de organizar a plataforma e consolidar un grupo de persoas disposto a traballar en futuras actividades. Deste xeito acordouse crear unha coordinadora que quedou definitivamente constituída o catro de decembro. Nela atopábanse entre outros Patricia Vázquez, Xurxo Souto, Manuel Quintela Martelo, Tomás Lijó, e Sechu Sende entre outros.



Futuro

Desde a coordinara sinálase que a intención da Plataforma a partir de agora é chamar a atención polo que consideran un estado de desgoberno absoluto, conscienciar sobre a situación real e difundir a idea de que a marea é un problema de toda a sociedade.
Como primeira acción, na mañá do seis de decembro, Compostela recibirá unha gaiteirada negra que irá desde a estación de trens ata a praza da Quintana, e na que a Plataforma convida a participar a todos os interesados. Para o futuro son moitas as posibilidades que se barallan, na mesma liña de orixinalidade e creatividade. Pero o que xa prometen desde a Plataforma é continuar traballando como nexo entre diferentes ámbitos da cultura coa intención de responder a un problema, o da marea negra, que vai ter consecuencias a moi longo prazo.