A Candeloria no móbil

Culturagalega.org presenta o Calendario de Festas Tradicionais Galegas

A día de hoxe contamos con axendas dixitais nas que podemos apuntar as nosas citas, cumpreanos e engadir mesmo santorais, lúas, festivos de varios tipos e países ou mesmo previsións do tempo. No entanto, non existía ata o de agora ningunha aplicación que recollese as festividades tradicionais do noso país. Mentres non saen as edicións dixitais do Mintieiro Verdadeiro ou do Gaiteiro de Lugo, Culturagalega.org presenta, a coincidir co Día da Candeloria, o seu Calendario de Festas Tradicionais Galegas, unha proposta que agardamos poida ir medrando coa colaboración dos nosos lectores.

Accede aquí ao calendario

¿Non sabes cando son os lumes de San Pedro? ¿Pásaseche sempre a Romaría do Corpiño? ¿Non sabes o día para ir tomar as nove ondas? Agora poderás acceder a estas festividades desde o teu computador ou o móbil da man Calendario de Festas Tradicionais Galegas que presentamos hoxe.

A nosa proposta céntrase, polo de agora, en recoller festividades vencelladas á nosa cultura tradicional. Nese sentido incluímos as festas do ciclo anual, tales como o Nadal, os Maios ou Defuntos, apuntando algúns dos xeitos nos que se conmemoran en diferentes partes do país. En moitos casos este tipo de celebracións foron cristianizadas e vencéllanse con determinadas celebracións eclesiásticas. De xeito semellante, atendemos a advocacións de santos con especial pegada no noso país e nos que predominan mostras de relixiosidade popular. Por último, incluímos unha pequena mostra de romarías que, polo seu carácter multitudinario e sona, trascederon o carácter local. Polo momento non contemplamos a introdución festas gastronómicas, feiras e festividades contemporáneas ou de recreación histórica, aínda que non desbotamos que, co tempo, se poidan incluír outro tipo de eventos, nomeadamente feiras con tradición ou celebracións e romarías de carácter máis local.

Este é un calendario aberto á colaboración dos lectores. Se quere axudarnos e completalo escribe a redaccion@culturagalega.org indicándonos qué festividades queres introducir e daremosche o permiso de edicion para que ti mesmo as inclúas. Pensa que isto non pretende ser un catálogo exhaustivo de, por exemplo, os diferentes xeitos de celebrar o Entroido no país ou as variedades de maios que se manteñen. Tampouco é o lugar para escribir un artigo sobre as danzas gremiais ou os significados das celebracións do lume na nosa cultura. Para ese tipo de contidos existen webs específicas que están tamén abertas á colaboración. A nosa intención é simplemente indicar as datas das festas que levan séculos con nós e dar algunhas indicacións de onde se poden ver xeitos particulares ou especialmente vizosos de as celebrar. Podes completar algunhas das entradas xa abertas apuntando novas tradicións (preferentemente de carácter supralocal), ditos ou variacións. Tamén podes incluír novas datas (de certo que no Entroido ou Semana Santa hai ocos importantes), achegar ligazóns ou sinalar festas locais de renome. Cada ano iremos mudando as celebracións que dependen da lúa (Entroido ou Pascua, fundamentalmente) ou que se rexen polo día da semana.

Para este proxecto, para alén de contidos previos que xa elaboramos no portal, e que ligamos nas diferentes entradas, aproveitamos o material dispoñible en web como Galicia Encantada ou a Galipedia, e libros como a Guía das festas populares de Galicia, a Guía da Galiza Máxica, 13 noites, 13 lúas. Libro das marabillas de Nadal ou o volume Antropoloxía. Relixión, crenzas e festas do Proxecto Galicia. De certo nestas e noutras obras has atopar material para axudarnos a completar esta iniciativa.

Aquí tes o calendario:




Notas técnicas:

Creamos o calendario en Google Calendar porque é doado exportar estes datos ou lelos desde outras aplicacións. Tes moitos xeitos de consultar o calendario.

a) Desde o Google Calendar (incorpora o calendario a través do propio Google Calendar)



Busca este botón para agregar este calendario.

b)Sincronizar este calendario con Outlook. Google dá aquí a resposta.

c) Sincronizar este calendario con iCal. En Applesfera explícanche como