Colectivos lugueses advirten do "risco de derrubamento" dunha sauna castrexa na Fonsagrada

O monumento mantén aínda parte da súa bóveda orixinal en pé

12/12/2011 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
28 lecturas | Compartido 0 veces

Forno (parte final) da sauna castrexa. Foto: Mariña Patrimonio

Lugo Patrimonio e Mariña Patrimonio, dous dinámicos colectivos en defensa do patrimonio cultural, denunciaron hoxe o risco que corre unha sauna castrexa moi pouco coñecida, a do castro de Castañoso, no concello da Fonsagrada. Por mor da vexetación, o castro de Castañoso foi inaccesible durante moitos anos e iso, canda o aproveitamento do edificio ritual galaico como curripa para castañas, propiciou o bo estado de conservación do monumento, que se remonta a, cando menos, dous mil anos de antigüidade.

As saunas castrexas son monumentos que se estenden por toda a xeografía da cultura castrexa, desde Asturias ata o Norte de Portugal, se ben no territorio da Galicia actual só se teñen localizado tres ou catro. "Comparada coas saunas asturianas e coas outras saunas galegas, a de Castañoso goza dun excepcional estado de conservación, mantendo en pé aproximadamente a metade da falsa bóveda", aseguran desde Mariña e Lugo Patrimonio. O problema vén en que a falsa bóveda, na actualidade, "apóiase sobre unha soa pedra, que de ser movida, provocaría que a mellor conservada das saunas castrexas sufrise graves e irreversibles desperfectos".


Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fonsagrada, Lugo, Mariña Patrimonio, Xeografía...