Ad Hoc, Bacelos e SCQ estarán presentes en ARCO 2012

Rubén Ramos Balsa e Ángela de la Cruz son os artistas destacados por galerías non galegas

ARCO, a feira de galerías máis destacada do Estado, acaba de facer público o listado de galerías que compoñen o seu renovado programa expositivo. No panorama xeral haberá tres galerías galegas: as viguesas Adhoc e Bacelos, xunto coa santiaguesa SCQ. As apostas destas galerías pasa por destacar a obra (tal e como esixe a organización este ano no seu intento de reforzar o papel de investigación das galerías) de Carme Nogueira, Miguel Palma e Rui Chafes, respectivamente. Non é a única participación galega do encontro, xa que a obra doutros artistas estará presente grazas a outras galerías. A cita coa arte contemporánea será en Madrid do 15 ao 19 de febreiro.

A coñecida Ángela de la Cruz, finalista dun premio Turner, estará no panorama xeral por ser a artista destacada da galería Krinzinger de Viena. Outro galego, o santiagués, Rubén Ramos Balsa estará outro ano máis na cita da man da galería Fúcares de Madrid.

Claves desta edición
Os organizadores da feira continúan co apretado calendario de presentación para incrementar a proxección internacional deste encontro. Despois da presenza en Bruxelas, Estambul, Bogotá e Ámsterdam, faltan Miami, Lisboa e Barcelona no circuito promocional prefixado. Polo demais, no que atende á estrutura do programa, este ano ARCO olla cara a arte creada polos Países Baixos, dos que ofrecerá 14 galerías. Con todo, este territorio estará máis representado, grazas a un amplo programa de actividades que artellan outras entidades (Museo Reina Sofía, La Casa Encendida, CaixaForum) de xeito paralelo á exposición. Os “Solo Projects” achegaranse á creación artística latinoamericana e, ao mesmo tempo, 22 galerías de recente creación exhibirán as súas propostas no marco da sección “Openings”. Unha sección na que comisario e responsable de seleccionar as 23 galerías, é o galego Manuel Segade.
Ligazóns