Pintura para entender a pintura

A Fundación Barrié exhibe os fondos íntegros da súa colección que prima o carácter didáctico

Ignasi Aballí Maleza. 2004 C-print 106,5 X 160 cm
Ignasi Aballí Maleza. 2004 C-print 106,5 X 160 cm
Son 52 obras pero tamén a totalidade de fondos propios que ten a colección artística da Fundación Barrié. Baixo o título de La Colección, esta entidade exhibe ata o 18 de marzo de 2012 unha mostra na súa sede coruñesa na que pretende educar e reflexionar a evolución da pintura no contexto actual. Ademais, o director de Patrimonio e Cultura da entidade, Enrique Fernández, asegura que tanto a coherencia desta colección como a liña de traballo da fundación permanecerá allea á absorción do Banco Pastor polo Banco Popular, polo menos ata o 2014.

Hai unha semana a Fundación Barrié abriu ao público unha mostra que pretendía exhibir a totalidade dos fondos que esta entidade comezou a comprar en 2008. “Despois dunha exhibición parcial das obras, no marco das tres exposicións En construción que a sede de Vigo mantivo ata o 2010, pensamos que era o momento de parar e de reflexionar para tomar a medida do que tiñamos e amosala na súa totalidade” asegura Enrique Fernández, director de Patrimonio e Cultura desta entidade. As 51 pezas exhibidas pretenden abrir interrogantes no espectador sobre cara onde vai a pintura, se é axeitado ou non falar deste xénero e a súa evolución. Fernández ten claro que a totalidade de obras “obedece a unha cuestión como é un debate aberto e vivo de cara onde vai a pintura; e outros asuntos como se ten sentido falar da pintura hoxe , coa hibridación de xéneros e preguntarnos se estamos a falar da pintura expandida como videoinstalacións ou a propia escultura entra neste xénero tan tradicional” afirma.

Para artellar ese discurso sobre a pintura contemporánea a colección foise artellando con figuras como Imi Knoebel, Jonathan Lasker, Helmut Dorner, Günther Förg ou Fabian Marcaccio, nomes clave da pintura da segunda metade do século XX; xunto con valores emerxentes (Andrei Roiter, Manuel Caeiro, Miki Leal), figuras consolidadas da pintura contemporánea española e internacional (Jason Martin, Shinique Smith, Sandra Cinto) e, por suposto obras de artistas galegos con presenza en coleccións internacionais (Ángela de la Cruz ou Pedro Barbeito).

Pero hai outro principio fundamental na colección, que é o que ten que ver co didactismo que sempre caracterizou a fundación Barrié. “Desde as primeiras compras que se fixeron no ano 2008 ata o presente sempre se tivo como punto de ferencia un selo didáctico” asegura Fernández que puntualiza que tanto esta como outras exposición que presenta a entidade teñen tanto un catálogo como un programa de actividades con carácter divulgativo. “A exposición non é un obxectivo nin unha meta, senón que é un proxecto que consta cunha mostra, cunha publicación e programación didáctica en torno a ela” afirma ao tempo que asegura estar a traballar para que a mostra que hoxe se exhibe na sede da Coruña chegue a outros territorios en breve.

Non é o único proxecto de futuro senón que a partir deste proceso de reflexión (con exposición, catálogo e programa didáctico incluído), a intención é que a “colección siga medrando en función da situación económica, que é a que é e na que estamos tomando medidas de austeridade, pero a perspectiva é que vai seguir nestes principios”.

Abrindo o foco: a entidade
Nos últimos tempos, a liña de actividade da Fundación Barrié asentouse en varias liñas: o deseño contemporáneo, a arquitectura, a fotografía e a protección do Patrimonio. E estas son as liñas que van continuar malia que no pasado mes de outubro o Banco Pastor foi absorbido polo Banco Popular. “A Fundación Barrié era propietaria do 42% do Banco Pastor e agora ten cerca dun 8% do novo banco e non temos ningún retorno nin ningún cambio previsto” asegura Enrique Fernández ao tempo que apunta que “o presidente da Fundación Barrié, José María Arias, transmite tanto a nivel interno como a nivel dos medios que non existe ningún cambio na liña de traballo e na nosa situación”.

Para el a clave está en decembro de 2009. “Foi nese momento cando o padroado da Fundación aprobou un plan estratéxico que abrangue de 2010-2014 e que está plenamente vixente”. Será nese ano cando o padroado, que se reúne se de xeito periódico, deberá modificar ou cambiar os principios básicos. En todo caso, Enrique Fernández tamén deixa ben claro que “se hai un leitmotiv que cruzan as actividades da fundación, non só en patrimonio e cultura, senón tamén en educación e obra social, é educar desde as artes e desde o respecto ao patrimonio e a conservación”. Será o contexto económico o que condicione o orzamento co que se manexen as liñas de traballo e os proxectos que a fundación nos vindeiros anos.

Ainaa Imi Knoebel

Ainaa Imi Knoebel

Emotional Abstract Coalition. Fabian Marcaccio

Emotional Abstract Coalition. Fabian Marcaccio

Loose fit. Angela de la Cruz

Loose fit. Angela de la Cruz

Sin título. Álvaro Negro

Sin título. Álvaro Negro

A colección

A colección

Titled Landscape II. Pedro Barbeito