Ramón Villares apunta a xestión e a proxección da cultura como grandes retos

O Consello da Cultura Galega diminuiu un 23% os seus orzamentos desde 2008

“A cultura non debe ser unha cousa aparte nin se tratar como un adorno. É como as obras públicas ou a pesca e debe avaliarse cos mesmo criterios. Cómpre planificación e responsabilidade sobre os resultados”. Deste xeito exemplificaba esta mañá Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, a necesidade de mudar o xeito de traballar neste campo ante a comisión 3.ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia.

No seu discurso, Villares incidiu de xeito especial na necesidade de mudar o xeito de xestión da cultura. “Desde o Consello levamos varios anos tentando introducir novos modos, e é difícil non só para as administracións senón para os xestores e os usuarios. Cómpre afinar o método, e nese sentido a Reflexión Estratéxica (que o Consello presentou en 2011) incide moito na necesidade de espazos para a innovación e a competitividade”. O presidente do Consello solicitoulle aos parlamentarios presentes a súa axuda para “convencer as institucións de que deben mudar as súas prácticas”, e apuntou que este “debería deixar de ser un ámbito de gustos persoais e de discrecionalidade”. No mesmo campo insistiu na necesidade de buscar novas fórmulas de implicar o financiamento privado no sector e reclamou unha mudanza na Lei de Mecenado que facilite esta acción. Ao tempo, denunciou os recortes orzamentarios que se están a realizar neste ámbito e lembrou as declaracións de Zygmut Bauman no recente congreso europeo sobre políticas culturais que se desenvolveu en Polonia, a sinalar que un dos ingredientes fundamentais cos que conta Europa para saír da crise é a cultura. Para Villares “é un dos grandes sectores que nos queda, e deberíamos ser conscientes disto e actuar en consecuencia, tratándoo como un sector estratéxico. A cultura síntese en xeral, e o Consello da Cultura en Particular, non direi maltratada, pero si nunha situación como de segunda división fronte a outras preferencias”.

Austeridade no CCG
Precisamente, a repasar os orzamentos do organismo que preside, Ramón Villares sinalou que os fondos para desenvolver actividades diminuíron un 40% nos últimos tres anos, que o orzamento xeral da institución descendeu un 23% neste mesmo período e que as previsión de gasto para o vindeiro ano están no mesmo nivel que en 2006. Segundo recoñeceu, “a posibilidade de facer actividades e de manter a velocidade de cruceiro do Consello estase vendo afectada, a pesar dos esforzos por gastar mellor, rebaixar custos e afinar na medida do posible”. De xeito particular sinalou que a institución reduciu especialmente gastos nos apartados de indemnizacións por razóns de servizo, que baixaron un 15% o pasado ano, en capítulos de atencións protocolarias e publicidade e mais en gastos de alugueiro, unha baixada derivada do traslado de varios dos arquivos do CCG para a Cidade da Cultura. Para alén, tamén se cumpriu a orde de reducir un 5% os gastos de persoal. De xeito paralelo, sinalou que a falta de fondos levou á parálise de diferentes convenios que a institución tiña asinados con diferentes institucións. Villares insistiu en que “poderíamos facer moitas máis cousas de dispor de máis recursos, estamos preparados para iso”.

O traballo de 2011
Á hora de falar do labor que o Consello desenvolveu ao longo de 2011, o seu presidente repasou as tarefas de asesoramento sobre patrimonio cultural, o Panteón de Galicia, ou o informe sobre Fundacións de Interese Cultural. Para alén, lembrou a publicación da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega e as múltiples actividades que se desenvolveron arredor do ano Cunqueiro, nomeadamente once faladoiros, publicacións ou a campaña sobre a relación do autor coa Gastronomía, así como un congreso internacional “que marcou un punto de inflexión nos estudos sobre o autor”. Destacou Villares que o recorte orzamentario afectou ao traballo a institución encol da proxección da nosa cultura. “Tratamos de manter a relación de moitos anos do Arquivo da Emigración coas colectividades do exterior”, mediante a recuperacion de documentación e a realización e actividades e mostras. No mesmo campo, apuntou a presenza do Consello en citas como o Festival Internacional de Teatro de Países de Língua Portuguesa, convenios como o que se desenvolveu coa Universidade de Stanford ou a realización do encontro Conexões Itaú na propia Sede do Consello. As publicacións foi un dos ámbitos que nos últimos anos máis se reduciu a actividade do CCG. “Estamos a desviar no posible para o web moitas das que antes se facían en papel, xa non só por cuestións económicas senón tamén por motivos ambientais”. Ao respecto, o presidente do Consello lembrou a posta en marcha na rede da Mediateca, dos webs Gallaeciae Monumenta Historia e Vento que Zoa ou o Álbum da Ciencia e Atalaia en Culturagalega.org.

Proxectos para 2012
De cara ao vindeiro exercicio, Villares apuntou que o Consello traballará para buscar a aplicación das medidas que se apuntaron na Reflexión Estratéxica, “especialmente no que se refire á xestión e á elaboración das políticas culturais, aínda que iso é algo que depende fundamentalmente das administracións”. Canda a isto, a institución aproveitará a celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro e do Día das Letras dedicado a Valentín Paz Andrade para enlazar estas figuras coa estratexia de proxección internacional da nosa cultura. “No caso de Celso Emilio traballaremos o seu vencello coa Emigración e con Paz Andrade editaremos algún inédito e centrarémonos tamén na súa relación co Brasil”, explicou. A nivel de informes, as grandes áreas que se abordará será o patrimonio, a atender especialmente as ferramentas de xestión do mesmo, mentres que a institución continuará con Manuel Quiroga a reivindicación de músicos galegos que xa iniciara o pasado ano, “vencellando figuras clásicas con intérpretes novos”.

Proxección
Precisamente a necesidade de favorecer a proxección exterior da nosa cultura de xeito coordinado foi outro dos puntos nos que incidiu o presidente do Consello ante o Parlamento. “É un obxectivo estratéxico se queremos sobrevivir. Temos que explotar a nosa condición de ponte. A galega é unha cultura da que naceu a portuguesa e en parte tamén a española”. Malia a que recoñeceu a dificultade de conseguir resultados neste campo, Villares insistiu en que “isto debería ser unha estratexia de país. As accións exteriores non valen ao se facer por separado. Cómpre evitar fragmentación e buscar unha marca de país”.

O presidente do Consello recibiu os parabéns de todos os grupos parlamentares pola súa exposición, así como polo esforzo de xestión que realiza a institución malia á época de austeridade. Desde a oposición, PsdeG e BNG rexeitaron o descenso no investimento xeral nos campos de Cultura e de Política Lingüística.