A literatura e a BD representan a Galicia na Semana Negra de Xixón

Iria Morgade faise co premio Biblos-Pazos de Galicia

Cartel de Miguelanxo Prado para a Semana Negra 2011
Cartel de Miguelanxo Prado para a Semana Negra 2011
Diego Ameixeiras e Manolo Rivas pola banda da literatura e Miguelanxo Prado, Carlos Portela, Fernando Iglesias Kohell e mais Kiko da Silva desde o campo da banda deseñada compoñen o groso da presenza galega na Semana Negra de Xixón. Mentres Rivas, finalista no premio Hammett de Novela negra con Todo é silencio, e mais Ameixeiras presentarán os seus últimos traballos, Prado realizou o cartel do coñecido festival cultural e os demais autores colaboraron con diferentes historias na publicación do encontro, La Frontera. Pola súa banda, o xurado o premio Serie B de poesía acordou no marco do festival outorgarlle este galardón á galega Estíbaliz Espinosa polo seu poemario Proceso a la carne humana.

Outro galardón que se fallou esta fin de semana é o VII Biblos-Pazos de Galicia. Iria Morgade impúxose no certame con Verbas no ar, unha novela na que aborda as revoltas políticas que se desenvolveron este mesmo ano no norte de África. Ao longo do vindeiro mes de outubro, a gañadora residirá na Casa Grande do Bachao canda a Xabier P. Docampo, titor desta edición, para ultimar a súa obra, que sairá publicada este mesmo ano.