E despois das letras... ao museo

As actividades do Día Internacional dos Museos enchen hoxe a axenda do país

Cada ano son máis e máis anovadoras as propostas que nos chegan con ocasión do Día Internacional dos Museos. Decididos a chamar polo público e dar a coñecer o seu traballo, os responsables destes centros derrochan inventiva e, no noso país, tentan enfrontarse a un día tan complicado para a axenda como é o que sigue ao Día das Letras. Para alén da gratuidade, a posibilidade de acceder a espazos inéditos ou a oferta de xeitos orixinais de coñecer os fondos son algunhas das apostas dos museos galegos.

Desta volta, o lema para o Día Internacional dos Museos é Museos e memoria. A celebración, coordinada polo Consello Internacional dos Museos, pretende desta volta concienciar da importancia dos objectos que se conservan nestes espazos como transmisores da nosa historia colectiva. Un patrimonio cultural e natural que, de non estar axeitadamente coidado e conservado correría en moitos casos risco de desaparición. Co gallo da celebración, como é habitual, os centros museísticos abren as súas portas de balde. Pero, ademais, programan todo tipo de actividades especiais para dar a coñecer o seu traballo.

Memoria nos museos galegos
A aproveitar o lema desta edición, centros como o Museo Provincial de Lugo achega a mostra Fotos de memoria, que afonda na importancia da imaxe para lembrar o noso pasado. Pola súa banda, na Fundación Laxeiro de Vigo a artista Ana Gesto reflexionará sobre este mesmo concepto percorrendo o centro cun vestido sonoro nunha percormance. Na mesma cidade, o MARCO acollerá de xeito temporal a exposición Música en branco. Memoria dunha cidade organizada en colaboración co colectivo Sinsalaudio e que reflexiona sobre a memoria sonora de Vigo con achegas dos cidadáns sobre ruídos e cancións que transportan a xente ao pasado da urbe. Tamén nesta cidade, o Museo do Mar afonda nas relacións pasadas con este elemento coa proxección de documentais sobre a salga ou o traballo da pesca. No Museo de Belas Artes da Coruña a idea de memoria trabáballase a recuperar a historia dos edificios que albergan o centro. Do mesmo xeito, a visita guiada O que contan os cadros amosará as funcións e o percorrido que tiveron os diferentes obxectos que se conservan no centro antes de chegar ao Museo.

Un día que son varios
Os Museos Científicos Coruñeses son desde hai anos un referente na divulgación do seu proxecto entre a cidadanía. O seu director, Xosé A. Fraga, recoñece a tendencia crecente a ampliar as actividades do Día dos Museos a datas anteriores. “Aínda que a xente acode nun maior número no día en si, ao ser no medio da semana non é o mesmo que se se celebrase na fin da semana”. Deste xeito, no país son moitos, e cada vez máis, os centros que aproveitan a fin de semana anterior ao 18 de maio para desenvolver actividades especiais de celebración, especialmente aquelas actividades que se desenvolven durante a noite. Deste xeito, as actividades que se desenvolveron ao longo da pasada fin de semana foron en moitos casos máis destacadas das que se desenvolven no propio día.

Das letras aos museos
Para alén de ser, na maior parte dos casos, un día no medio da semana, o feito de que a celebración coincida co día seguinte ao Día das Letras fai da celebración dos museos unha data complicada para toda actividade cultural. Logo dunha xornada coa axenda saturada con todo tipo de actividades, os responsables do museos galegos teñen que esforzarse especialmente para conseguir atraer o público no que se pode considerar a data cunha maior resaca cultural do ano. No entanto, Xosé A. Fraga non considera que esta coincidencia lle reste público á celebración. “Son dúas cousas moi diferetnes e en ambas téntase subliñar a importancia da cultura como coñecemento e disfrute. Nos museos non vemos especial inconvinte niso. Tentamos ir a un público que busca a última novidade do que presentamos, e procuramos difundir exposicións temporais, propostas que duran pouco tempo e tamén as últimas incorporacións aos centros”. De feito, hai centros como o Museo do Mar que optaron por adiantar ao día 17 boa parte da programación da festa e integrala nos actos do Día das Letras.


A noite é nova
Unha das tendencias que se verifican nos últimos anos na celebración desta data é a apertura ata horas tardías. A iniciativa A noite en branco, nada en París en 2002 e imitada rapidamente en cidades de toda Europa, demostrou que abrir museos pola noite é unha boa opción para achegar aos mesmos un público diferente ao habitual e retirarlle aos centros ese aura de espazos serios e ata aburridos que aínda poden conservar para parte da poboación. “Cando se abre ata as doce da noite detéctase un tipo de visitante diferente ao habitual nos museos. Trátase dun publico adulto que se interesa por propostas como a exposición de World Press Photo que temos en marcha”, explica Fraga desde os Museos Científicos. Deste xeito son varios os centros que apostan por celebrar a data ampliando o seu horario. Deste xeito, os asistentes ao Museo do Castro de Viladonga, por exemplo, puideron realizar o pasado sábado unha visita nocturna a este espazo, para alén de participar dunha recreación histórica coa presenza de castrexos e romanos. Na Coruña, o programa Baixo as estrelas que este ano se celebrou tamén o día 14, agrupa actividades de diferentes centros. “No sábado pasado víase como a xente pasaba dunha galería de arte a un museo e facía diferentes actividades, e entón a celebración transformábase nun percorrido pola oferta cultural da cidade”, lembra Fraga. Visitas guiadas e teatralizadas, percorridos por museos e espazos históricos da cidade, obradoiros na rúa, danza e actividades de todo tipo lembráronlles aos coruñeses as posibilidades que achega a cidade a este nivel.

Obxectivo nenos
Non cabe dúbida de que os máis novos son un obxectivo prioritario para os museos. Este ano chama a atención neste sentido Académicos sen barba, a proposta que realiza o Macuf da Coruña (Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa). Co gallo desta data, o centro presentou unha videoguía de parte dos seus fondos na que son rapaces e rapazas de entre 8 e 11 anos os que comentan as obras expostas no centro. Tal e como explica a presentación do proxecto, con esta iniciativa o centro pretende “por como exemplo” os alumnos do colexio Xosé Cornide que participaron no proxecto. “Exemplo de opinión espontánea e desprovista de prexuízos, de actitude abierta e entusiasta, de capacidade analítica, de imaxinación, de expresividade e de sentido
do humor”, unhas cualidades que, para os responsables do centro, “precisamos para enfrentarnos a práctica da arte, moi por riba da erudición ou do dominio dunha técnica determinada”. Canda a isto, visitas guiadas especiais, obradoiros de todo tipo, e actividades específicas chaman aos máis novos a se achegar a este centro. Por exemplo, no Museo Massó está a programar proxección dun planetario en difernete sesións ata o vindeiro 19 de maio.


Dun xeito ou outro semella que o Día dos Museos está a se asentar no calendario cultural do país. “A xente xa ten na súa axenda que pode facer este tipo de visitas” lembra o director dos Museos Científicos. “a data intégrase como unha festa cultural, e a nós correspóndenos pór aí o elemento de divulgación científica”, conclúe. Haberá que ir tomando nota.