A hora da curta

A oitava edición de Curtocircuíto reivindica o papel da curtametraxe como formato

Mudaron as formas de consumo audiovisual e mudaron os xéneros. Antes, as curtametraxes eran un xénero menor, que lle servía de campo de traballo aos cineastas para curtirse antes do salto á longa. Nos últimos anos, as curtametraxes foron mellorando a calidade ata ter entidade suficiente por si mesmas. Mañá comeza en Santiago a oitava edición de Curtocircuíto, festival deste xénero que serve de termómetro do que se está a facer en Europa. Pero tamén de como lle afecta a crise.

“Pensabamos que coa crise recibiríamos menos curtametraxes, pero foi ao contrario, recibimos máis que nunca” explica Tim Redford, director do Festival de Curtocircuíto. Con todo, a crise deixouse notar, tanto na forma como no fondo. “Recibimos traballos que baixaron moito a calidade de gravación, e de edición… o que tamén ten o seu lado bo” afirma Tim, “xa que nos facilitou a selección do material”.

A crise está presente tamén nas historias que retratan estes traballos tanto como fío temático como no contexto no que se desenvolven estas historias. “Antes recibíamos curtas que falaban das crises familiares, dos dramas persoais tralas separacións ou as problemáticas da convivencia, e estes anos vemos moitos traballos que falan da crise financeira, do capitalismo, con críticas ao sistema e tamén sobre cómo ese novo contexto económico afecta as familias” explica. Ademais, hai outra serie de temas recorrentes cada ano, como pode ser o da emigración, conflictos sociais… “É certo que existe unha liña temática bastante desoladora, pero que procuramos alegrar e animar con algún traballo de humor e moi positivo” recoñece o director.

“É verdade que custa menos facer unha curtametraxe, porque se abarataron moito os equipos e porque a tecnoloxía o pon cada vez máis doado” explica Redford. E ese proceso de cambio tamén se nota no formato de recepción. “Hai catro anos, cando eu cheguei a dirixir este proxecto, o 80% dos produtos chegaban en formato cinema, cando agora é, como moito, un terzo dese traballo”. Tamén se dá o caso contrario, do incremento de traballos que se envían en HD (alta calidade) pero que non se van poder exhibir nese formato porque non existe proxector. “É unha pena, pero é moi caro e non podemos asumir o seu custe” lamenta Tim. A día de hoxe, só hai un festival en Galicia que incorpora o HD nas súas proxeccións, e curiosamente é un festival pequeno pero asentado como é o de Redondela.

As novidades
Dos 3.081 traballos recibidos, só 97 fan parte da peneira final que conforma a sección oficial, que agrupa na sección Compostelae por vez primeira os traballos galegos e españois de ficción, animación e documental. “Era unha vella demanda por parte do público e dos propios creadores de aquí que os seus traballos competisen ao mesmo nivel”.

Outra das novidades desta edición é a colaboración con centros académicos. “Durante todo un día concentraremos no CGAC a todas as escolas ao redor de tres mesas redondas: o salto da curta á longa, cómo distribuir e cómo vender” explica o director. O programa deste día complétase coa exposición da experiencia da Escola de San Antonio de los Baños de Cuba, que ten elaborado traballos multipremiados. Proxeccións diarias, clases maxistrais (Phil Mulloy), a habitual zona de mercado para profesionais e un paquete intenso de actividades de lecer (Happy Hour no Garum, festas nos pubs colaboradores de Compostela, concertos de DJs, tours turísticos…)

Un formato específico para un tempo concreto
Nestes oito anos Curtocircuíto evidenciou unha liña de traballo moi clara, por amosar o máis recente da produción da curtametraxe europea. “Non temos limitados os países de procedencia dos filmes (de feito este ano bateron marcas ao recibir curtas de 92 lugares diferentes), pero é notorio que nos interesa moito a curtametraxe feita nos diferentes países de Europa do Leste” recoñece o director, ao tempo que insiste en que Curtocircuito pretende explorar nese lado máis innovador, menos coñecido e menos visto en España para este xénero. “Creo que é o momento da curtametraxe porque é un formato que serve de laboratorio experimental e porque está a conectar coa forma de visionado por parte do público” asegura Redford. É unha realidade que Internet está a mudar a forma de ver os traballos audiovisuais, que cada vez se demandan máis os formatos breves, por iso a curta ten un amplo campo de futuro. “Pódense facer ao ano uns 10.000 curtametraxes, por iso, o papel de selección e clasificación que fai un festival como é Curtocircuíto ten máis sentido que nunca” conclúe o director dun encontro que ten moi claro a visión profesional deste formato. A sección de mercado consigue atraer ata Santiago recoñecidos produtores e distribuidores, que buscan abrir novas vías de negocio para estes formatos.