A hora das mulleres

Un ciclo explora a creación feminina galega dos últimos tempos

Existen cada vez máis mulleres que se dedican de xeito profesional ao sector audiovisual e cada vez con máis postos de responsabilidade. Pero tamén é certo que o seu traballo acaba por ser invisibilizado. Polo menos así o sinten as participantes do ciclo “Creadoras galegas de imaxe”, coa que a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega quere reivindicar o seu protagonismo.

“As mulleres somos diferentes e, polo tanto, abordamos os temas desde outro punto de vista, con outra linguaxe e doutra forma” explica Encarna Otero, membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Esta entidade, co apoio da Deputación de Lugo, puxo en marcha esta iniciativa que permitirá ver ata mañá filmes como “Mulleres da raia”, documental que fala do traballo mergullado que fixeron as mulleres na fronteira con Portugal como modelo de supervivencia; ou As damas negras, unha curtametraxe de ficción a que un grupo de mulleres especula sobre o que lle aconteceu a un esmoleiro que aparece morto; ou “O mito de venus” no que tres socias da Asociación de Diagnosticadas de Cáncro de Mama (Adicam) narran a súa experiencia tras superar esta doenza. “No fondo, este ciclo pretende reivindicar tanto as historias escritas por mulleres, como as feitas por mulleres como as protagonizadas por mulleres” sintetiza Encarna Otero quen destaca que o ciclo aborda todos os xéneros do audiovisual. Pero existe outra intencionalidade, que é a de “visibilizar o enorme traballo que se está a facer no eido cultural e científico e no que as mulleres están a ocupar cada vez máis protagonismo” contextualiza Encarna Otero a propósito deste ciclo que comeza en Lugo, pero que pretende achegarse ata Ferrol e Ourense.

En feminino
A Asociación de Mulleres Cineastas, Cima, ten as cifras concretas da presenza feminina no sector audiovisual. Só o 7% dos directores de cine que hai en España son mulleres, dos guionistas só o 15% e das produtoras só o 20%. Con estas cifras, no 2010 organizou un congreso en Santiago que concluíu coa lectura da “Carta de Compostela” na que se propuña crear unha Rede Europea de Mulleres do Audiovisual, plataforma que conterá unha base de datos de todas as profesionais, servirá de intercambio de información, experiencias e proxectos, ademais de dispor dunha bolsa de traballo. O documento tamén contemplaba a outras iniciativas como instar á Comision da Unión Europea a creación dun Comité de que elabore un informe no que se analice a situación do audiovisual europeo desde a perspectiva de xénero.
Nese contexto global do que Galicia non é allea, a presenza feminina no sector medrou, pero non acaba de ter gran visibilidade. Para María Reimóndez, que está presente no ciclo coa adaptación cinematográfica da súa novela A semente,“existe un gran potencial, pero creo que é máis que evidente que o contexto social non está preparado para recibir estes traballos”. E pon un exemplo concreto que son os Mestre Mateo, “sacando as categorías específicas de actriz protagonista e de reparto, máis as esterotípicas de maquillaxe e perruquería… non hai moita receptividade” puntualiza. Unha asociación que tamén percibe Olaia Sendón noutro eido como é o educativo. Como profesora na Escola de Imaxe e Son (tamén está presente no ciclo coa obra Os fabulosos irmáns da luz) asegura que “nas materias destinadas a produción existe un predominio maioritario de mulleres, mentres que nas técnicas, como pode ser a de son, xa sabes que te vas atopar con dúas ou tres mulleres”, asegura Sendón.

Alén desas asociacións prefixadas ou deses estereotipos, as creadoras que participan nestas xornadas teñen diferentes puntos de vista sobre se o feito de ser mulleres, lles imprime unha óptica distinta coa que mirar a realidade. Para María Reimóndez, “creo que a min o que máis me define é a miña condición de feminista, que se trata dunha visión consciente e marcada”. No caso de Olaia, que traballa desde a liberdade creativa fóra do establecido pola industria, “só me inflúe polo feito de contar o que realmente me apetece, sen ningún tipo de trabas nin limitacións, non me inflúe tanto a miña condición de muller, senón as cousas que quero contar”.

Con todo, para María Reimóndez ten claro que no eido da ficción é onde máis se nota as diferenzas cando é unha muller a que conta as historias.“Aínda hai moitas películas sobre fútbol, sobre guerra, ou filmes centrados exclusivamente na interpretación masculina e nos que non hai case ningunha muller. Poucas veces está protagonizado por mulleres, ou que conte historia de mulleres… sen que iso revirta na molesta etiqueta de chamarlle “cinema de mulleres”. Na súa opinión, será cando non se aprecie como anomalía, cando iso pase a ser normal. Por iso, todas elas coinciden en que ciclos como o que se desenvolve estes días en Lugo pretende achegar o seu gran de area para dar a coñecer o traballo que se está a facer desde o punto de vista das mulleres neste sector. Pero tamén que só é un paso dun longo percorrido.


Producións participantes no ciclo