Comidas con premio

O filme de Jorge Coira,18 comidas, gran vencedor na noite do audiovisual galego

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Momentos previos á gala (Fonte: Academia Galega do Audiovisual)

Momentos previos á gala (Fonte: Academia Galega do Audiovisual)

“Facemos as películas por moitos menos cartos do que debería ser” asegurou Luis Tosar ao recoller o premio Fernando Rey que recoñece toda a súa traxectoria. Foi unha das moitas críticas ao recortes económicos do goberno na gala dos Mestre Mateo, que premiaba os traballos audiovisuais feitos en Galicia no 2010. A película protagonizada e producida polo propio Tosar, 18 comidas, foi a gran vencedora da noite ao levar 7 premios, entre eles o de mellor película e mellor dirección para Jorge Coira.

Mellor música, mellor música orixinal, dirección de produción, montaxe, dirección, longametraxe e guión. Estes son os galardóns que acumulou 18 comidas a película arriscada coa que Jorge Coira sorprendeu a crítica, público e académicos en 2010. Unha produción que xira arredor das historias que acontecen nun número de comidas que dan título ao filme e no que os actores, máis que un guión ao uso, tiñan indicacións que Coira lles ía dando en cada rodaxe. Máis de 90 horas de gravación que conforman noventa minutos dun filme que onte se converteu no gran vencedor da gala que se desenvolveu no Auditorio Municipal de Ourense.

Os crebinsky, que chegaba á cidade das Burgas, cos premios recollidos no marco do Festival de cine de Málaga, obtivo catro premios: mellor maquillaxe e perruquería; mellor dirección de fotografía; mellor dirección artística e mellor interpretación masculina protagonista para Miguel de Lira.

O filme producido por Vaca Films (Cargo ou Cela 211), que optaba a 14 galardóns e supuña a estrea na gran pantalla de Luís Avilés, tívose que conformar cos premios aos seus actores de reparto: María Bouzas e Xosé Manuel Olveira “Pico”. Este último volveu subir ao escenario como presidente da Academia Galega do Audiovisual a facer “crítica e autocrítica”, ao tempo que asumiu que “podemos ser un sector complicado, pero tamén é certo que estamos máis preparados que nunca para facer cultura, para facer entretemento, para facer país”. Na súa opinión, a crise económica non xustifica os recortes orzamentarios, e cómpre unha estratexia definida para o sector audiovisual.

Noite con crise
A xornalista Belén Regueira e o humorista Xosé Touriñán foron os encargados de conducir a gala dos premios Mestre Mateo, cos que a Academia Galega do Audiovisual recoñece as producións galegas realizadas no ano anterior. Ademais de cine e de televisión, nesta cita falouse de crise e de economía, premiados, candidatos e asistentes repetiron as críticas a partidas económicas sen executar, o abandono dalgúns proxectos e iniciativas (flocos.tv), e mesmo chegaron a facer un petitorio (chamáronlle crowdfunding, un modelo de financiamento dos produtos audiovisuais, do que se está a falar bastante ultimamente) entre os asistentes á gala para solucionar a crise do sector. A organización (é dicir, a Academia Galega do Audiovisual) tamén se sumou ás reivindicacións no propio fío argumental e mesmo fixeron algún vídeo sobre o tema.

E, polo medio, o resto dos premiados que subiron recoller os seus galardóns. Mar libre, candidata en dez epígrafes, levou o premio a mellor deseño de vestiario, mellor película de televisión e mellor interpretación feminina protagonista (María Vázquez). Dous premios foron para Land Rober que foi recoñecido como mellor programa de televisión e mellor comunicador. Completa o apartado televisivo Matalobos, como mellor serie.

O documental Jazz En Liberdade , que retrata a importancia deste xénero nunha vila mariñeira, foi premiada como a mellor produción da súa categoría. E Marcos Nine subiu en dúas ocasións ao estrado para recoller os premios de mellor curtametraxe documental (Radiografía dun autor de tebeos) e obra experimental (Manuscritos pompeianos).

Con todo, esta edición dos premios Mestre Mateo incrementou o número de traballos participantes. Se no ano 2010 foron 101 as producións presentadas aos premios do audiovisual galego, nesta edición os traballos incrementáronse un 28%, ao ascender a 130 produtos.

PALMARÉS

OBRA INTERACTIVA
Galegolab, de Galegolab

OBRA EXPERIMENTAL

PREMIO REVELACIÓN CHANO PIÑEIRO

CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN

CURTAMETRAXE DE FICCIÓN

MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA. Susana Veira, por Crebinsky

COMUNICADOR DE TV. Roberto Vilar, por Land Rober

OBRA PUBLICITARIA
Orgullosos Do Galego. En Galego Proba E Verás, de Filmanova S.L.

DOCUMENTAL

SON. Carlos Mouriño (Sondotagalem), Diego S. Staub e Carlos García (Cinemar Films), por 18 Comidas

INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO. María Bouzas, por Retornos

MÚSICA ORIXINAL. Piti Sanz e Iván Laxe, por 18 Comidas

DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA. Sergio Franco, por Crebinsky

DIRECCIÓN ARTÍSTICA. Ángel Amaro e Nanda Cuíña, por Crebinsky

GUIÓN. Jorge Coira, Araceli Gonda e Diego Ameixeiras, por 18 Comidas


INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO. Xosé Manuel Olveira 'Pico', por Retornos

DESEÑO DE VESTIARIO. Eva Camino, por Mar Libre

DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN. María Liaño, por 18 Comidas

REALIZACIÓN. Jorge Saavedra e Iván Seoane, por Matalobos

MONTAXE. Jorge Coira, por 18 Comidas

INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA. Miguel de Lira, por Crebinsky

LONGAMETRAXE DOCUMENTAL

PELÍCULA PARA TELEVISIÓN

PROGRAMA DE TELEVISIÓN

INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA. María Vázquez, por Mar Libre

SERIE DE TELEVISIÓN

DIRECCIÓN. Jorge Coira, por 18 Comidas

LONGAMETRAXE

Que che parece esta nova?
64 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Os galardóns do ano

Os galardóns do ano

O audiovisual celebra o domingo o seu gran día, coa entrega dos premios Mestre Mateo

Citas na carteleira

Chega ás salas de cine 18 comidas, o último filme de Jorge Coira protagonizado por Luis Tosar

A comida improvisada

Jorge Coira presenta 18 comidas, a primeira película de improvisación do audiovisual